O castelo da lúa


ENDL do IES Félix Muriel
Découvrez la playlist Blog avec The Homens


Os proxectos deste ENDL recibiron Premios de innovación educativa en normalización lingüística nos cursos 2007-2008, 2008-2009 e 2009-2010.

Perfil
enl.felixmuriel@gmail.com
 CATEGORÍAS
 AS NOSAS FOTOS
 RECOMENDAMOS
 DESTACAMOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 Se buscas... atopas!
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

Boletíns Informativos do EDNL
O vindeiro venres 1 de xuño, o EDNl do IES Félix Muriel, repartirá a todo o alumnado, un par de boletíns informativos cos que pretende informar a toda a comunidade educativa, sobre dous temas relevantes.
O primeiro deles, é un tríptico elaborado pola CENDLB (Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingúística do Barbanza) no que se recolle información sobre a vida e obra de Valentín Paz Andrade, figura homenaxeada este ano 2012 co Día das Letras Galegas.
O segundo boletín editado pola CGENDL (Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística) leva por título O PLURILINGÜÍSMO NO ACTUAL SISTEMA EDUCATIVO GALEGO e ten como obxectivo aclarar conceptos, informar sobre o modelo fragmentado que está a desenvolver a Xunta de Galicia nos centros de ensino, argumentar sobre a ineficacia deste modelo e dar a coñecer e difundir en toda a sociedade o modelo integrado que propón o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL).
Vos invitamos a que leades detidamente esta información, para que reflexionedes de forma crítica, sobre un tema que pode ser determinante na futura aprendizaxe e normalización da nosa Lingua.
e ti que opinas? (0) - Categoría: Cousas - Publicado o 30-05-2012 21:33
# Ligazón permanente a este artigo
Maxin Software, gañadora do premio Leixaprén
O Premio Leixaprén, de recoñecemento á defensa e promoción da lingua galega, foi creado no ano 1999 a iniciativa do IES Poeta Añón de Outes e asumido pola Coordinadora Leixaprén de Equipos de Normalización Lingüística, que integraba distintos centros educativos das comarcas de Muros-Noia, Barbanza e arredores.
A partir do curso 2011-2012, o premio pasa a ser organizado pola CGENDL, como unha actividade aberta á participación de todos os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de Ensino de Galicia, coa intención de lle dar continuidade ao obxectivo central co que naceu. O consello directivo da CGENDL proponlle ao Xurado, cada curso académico, o ámbito de actuación do premio.
Os destinatarios do premio serán persoas, entidades ou institucións que se caractericen por unha defensa activa da lingua galega en calquera dos seguintes ámbitos de actuación: Económico e empresarial, Xurídico e administrativo, Cultural e artístico, Deportivo, Relixioso, Medios de comunicación, márketing e publicidade, Educativo, Mocidade e lecer, Asociacionismo e Internet e novas tecnoloxías
Este premio, que acaba de ser fallado hai uns días, elexiu como gañador, tras unha votación na que participaron numerosos centros de toda Galicia, a Maxin Software (199 votos), que é unha empresa de desenvolvemento de programas informáticos que emprega a lingua galega en todos os ámbitos de xestión da empresa; así mesmo, desenvolveu solucións tecnolóxicas para a introdución do noso idioma no mundo empresarial. Teñen elaborado programas de tradución multilingüe como o "OPENTRAND" e tamén traballan moito servizos educativos e pedagóxicos relacionados co ecoloxismo e o fomento de valores cidadáns, a través de recursos variados como vídeos e xogos multimedia.
No uso do galego semellan unha empresa moi coherente e seria, que usa a lingua como marca de calidade, sen necesidade de engadir xustificacións previas; non venden identidade, pero si calidade e innovación. É dicir, exploran un ámbito empresarial que fomenta a modernidade do idioma, a súa adecuación a contextos profesionais de éxito económico e tecnolóxico. Para a votación valorouse a integración no universo TIC, o toque de innovación nos servizos que ofrece ao cliente, a perspectiva global que ten desde Galicia.
A elección foi difícil porque as restantes propostas contaban así mesmo, con grandes méritos.O resto da votación deixou en segundo lugar, con poucos votos de diferenza, á empresa R Telecomunicaciones,e en terceiro posto a Alimentos Amorodo.
Felicitacións e grazas a todas estas empresas polo seu labor.
e ti que opinas? (0) - Categoría: Novas lingüísticas - Publicado o 30-05-2012 11:12
# Ligazón permanente a este artigo
Celso Fdez Sanmartín hoxe no IES
Hoxe os alumnos de 1º ESO e 2º ESO poderán asistir a unha sesión do contacontos Celso Fernández Sanmartín.
Celso Fernández naceu en Lalín e é licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela, é autor de varias obras poéticas Divagacións iú (edición de autor, 1991).
O tigre das cenorias (edición de autor, 1994).
(sen título) (edición de autor, 1995).
Propiamente son captivo (Letras de Cal, 1997).
Fucsia, talladas, estampados, boca (Imprenta Librería Alvarellos, 2001).
Gratas e boas novas) e participou en varias obras colectivas.

Logo xa deixaremos mostra das fotos e vídeos da actividade na nosa revista dixital: www.bicodaria.es
e ti que opinas? (1) - Categoría: O mundo do ensino - Publicado o 29-05-2012 12:35
# Ligazón permanente a este artigo
E A DOBRAXE Ó GALEGO?
Recentemente, o xornal A Voz de Galicia agasallaba ós seus lectores con DVDs de recoñecidos filmes internacionais. Como lectora decidín facerme coa película O discurso do rei, gañadora de nada máis que catro premios OSCAR, cinco BAFTA, un GOYA e un GLOBO DE OURO. Trátase pois, dun dos mellores filmes dos últimos anos.
Cando me dispoñía a disfrutar dela, apareceu na pantalla do meu televisor o menú de selección de audio. Pensei entón, “castelán, como sempre”, mais decateime que desta vez había unha opción máis; catalán. A pesar de que xa sabía que Cataluña contaba cuns importantes estudios de dobraxe e de que coñecía a situación lingüística do catalán nesta zona, non puiden evitar pensar que é incrible que non exista a posibilidade de escoitar un filme como este na nosa lingua, así como no euskera.
A min, este feito paréceme desolador, xa que todas as linguas minoritarias no territorio español –ou polo menos as que gozan do estado de cooficialidade– deberían contar coas mesmas vantaxes neste ámbito.
En primeiro lugar, ningunha lingua é superior á outra, polo que non se debería primar a unha sobre o resto como se fai actualmente co catalán. Debería darse a opción a todos os falantes de calquera lingua minoritaria no territorio español de poder acceder ó cine na súa propia lingua.
É certo que a dobraxe nestes casos é difícil, xa que non hai nin os estudios necesarios nin os cartos para facer máis. No entanto, considero que non é tan custoso subtitular as películas, algo sinxelo para o que se precisa pouco tempo e practicamente ningún recurso significativo.
Con todo isto, pretendo reivindicar o dereito dos galegos e galegas a poder acceder ó cine en galego tanto cando acudimos ós cines como á hora de mercar un DVD, algo que non entendo como non se pode facer a día de hoxe.

Ana Fernández Prol
e ti que opinas? (0) - Categoría: Ollada crítica - Publicado o 16-05-2012 10:22
# Ligazón permanente a este artigo
APROVEITAR O CHOIO DO 3D
Se unha persoa que leva moito tempo –e con moito refírome a anos– sen ir ó cine, decide ir hoxe a calquera cine galego ou español atoparase, para a súa sorpresa, cunha carteleira máis que familiar. E é que nos últimos meses estásenos bombardeando cun gran número de filmes reeditados que tiveron un enorme éxito nas décadas dos 80 e 90. Que por que as reeditan? Pois a resposta é ben sinxela: aproveitar “o choio” do 3D para facernos acudir de novo ós cines a ver películas cuxo éxito en taquilla está máis que garantido.
Así, un gran número de persoas foron ver o pasado Nadal O Rei León, (unha das películas de Disney máis coñecidas), Star Wars (franquicia de enorme éxito a nivel mundial) ou Titanic (a película de maior recadación da historia despois de Avatar, do mesmo director).
Na miña opinión, tras estas reedicións escóndese o interese das produtoras, mais isto tamén conleva unha serie de vantaxes para os espectadores.
Por unha banda, é obvio que as produtoras reeditan estes filmes na busca de obter máis ingresos, xa que non é casualidade que se trate de películas que tiveron éxito no seu momento a pesar de que non son sempre as de maior calidade. Se en verdade o fixesen porque “o 3D permitise disfrutar máis de preto ós espectadores desta película” reeditarían moitas máis películas premiadas internacionalmente e menos do perfil do filme comercial estadounidense de Star Wars.
Por outra banda, os espectadores ós que lles gustaron estes filmes nos cines no seu momento e os que non puidemos velos na gran pantalla temos unha nova oportunidade para volver facelo pero co factor “choio 3D”, que aínda que non sempre está ben conseguido ó tratarse dunha reedición, permítenos vivir máis de preto instantes tan emocionantes como o fundimento do Titánic.
Por todo isto considero que se trata dun comercio, mais dun comercio que beneficia tanto ás produtoras como ós espectadores, polo que agardemos que se reediten tantas xoias do cine como sexa posible.

Ana Fernández Prol
e ti que opinas? (0) - Categoría: Ollada crítica - Publicado o 14-05-2012 10:32
# Ligazón permanente a este artigo
ASASINOS DE MONTES
Hai unhas semanas os montes galegos foron devastados por un sen fin de incendios. Algúns deles foron causados polas anormais condicións meteorolóxicas que nos viñeran acompañando no mes de marzo e que sumiron a nosa terra nunha acusada seca, o que non deixou a ninguén indiferente.
No entanto, outros incendios, como o que afectou ás Fragas do Eume, que calcinou máis de 750 hectáreas de monte nos municipios de Monfero e A Capela e de dificultosa extinción, foron provocados polas mans humanas; as dos pirómanos.
O presidente galego Alberte Núñez Feijoo afirmou reiteradamente que pedirá ó goberno central endurecer o Código Penal contra estes persoeiros.
Na miña opinión esta é unha decisión acertada que podería conlevar unha serie de beneficios para os montes galegos, aínda que non é unha medida suficiente.
En primeiro lugar, o endurecemento das penas, contra estes «asasinos de montes» podería ser un motivo que os fixese recapacitar á hora de dispoñerse a cometer un delito deste tipo. Deste xeito, ó tratarse dunhas consecuencias considerables, pensarían que non vale a pena proseguir cos seus “proxectos”.
Mais por outra banda, en canto ós que este castigo non lles é motivo suficiente para abandonar a súa teima, o goberno debería vixiar máis os montes, pois do mesmo xeito que se vixían as estradas para evitar accidentes nos que se ven implicadas vidas humanas, tamén se deberían vixiar os montes para evitar que a flora e fauna,tamén ás veces vidas humanas, galegas corran un perigo de tal magnitude.
No caso das superficies para as que como as Fragas do Eume xa é demasiado tarde, tamén se deberían impulsar proxectos de reforestación nos que se implicase o maior número de persoas posible, recorrendo por exemplo ás escolas, nas que se poderían facer máis actividades relacionadas co coidado da flora autóctona.
Con todas estas medidas considero que os nosos montes estarían moito máis protexidos e mellor coidados do que o están agora, e deste xeito sería moito máis sinxelo evitar desoladoras catástrofes como a vaga de incendios que hai uns anos acabou con centos de hectáreas do monte galego.

Ana Fernández Prol
e ti que opinas? (0) - Categoría: Ollada crítica - Publicado o 09-05-2012 10:28
# Ligazón permanente a este artigo
Hoxe no noso centro: José Ramón Pichel (Imaxín Sofware)
Hoxe temos a honra de contar no noso centro con Xosé Ramón Pichel, Director da área de Enxeñería lingüística e I+D+i da empresa IMAXÍN SOFWARE, unha das empresas candidatas este ano ao Premio Leixaprén que outorgamos desde os Equipos de normalización e dinamización lingüística. O premio Leixaprén quere recoñecer o traballo a prol da lingua galega de entidades ou persoas vivas. O devandito galardón estívose outorgando por parte da coordinadora do mesmo nome desde 1999 até o ano pasado. Este curso asúmeo por primeira vez a Coordinadora Galega de ENDL e o ámbito a premiar é o económico e empresarial debido ao perfil empresarial do homenaxeado este ano polas Letras galegas.

IMAXÍN SOFWARE é unha empresa con sede en Santiago de Compostela que se dedica ao desenvolvemento de programas informáticos que emprega a lingua galega en tódolos ámbitos de xestión da empresa; así mesmo, desenvolveu solucións tecnolóxicas para a introdución do noso idioma no mundo empresarial. Teñen elaborado programas de tradución multilingüe como o "OPENTRAND" e tamén traballan moito servizos educativos e pedagóxicos relacionados co ecoloxismo e o fomento de valores cidadáns, a través de vídeos e xogos multimedia.
No uso do galego semellan unha empresa moi coherente e seria, que usa a lingua como marca de calidade, sen necesidade de engadir xustificacións previas; non venden identidade, pero si calidade e innovación. É dicir, exploran un ámbito empresarial que fomenta a modernidade do idioma, a súa adecuación a contextos profesionais de éxito económico e tecnolóxico.
Valorouse para ser unha das 5 candidatas ao premio leixaprén: a integración no universo TIC, o toque de innovación nos servizos que ofrece ao cliente e a perspectiva global que ten desde Galicia.

Ás 13:20 no Salón de actos do IES. Nos vindeiros días contaremos a crónica de como foi.
e ti que opinas? (0) - Categoría: Cousas - Publicado o 09-05-2012 10:05
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.Apoia o Manifesto a prol da convivencia lingüística e a da igualdade de dereitos para o galegojujelEste blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego