O texto que segue foi un agasallo do escrtitor Carlo Frabetti para as Bibliotecas Escolares de Galicia, co gallo do Día Internacional do Libro. Creo que a ti, que estás comezando a aventurarte no marabilloso mundo dos libros, gustarache especialmente. Leo con atención porque, se cadra, está falando de ti!!!
Os que teñen o privilexio de se converter en lectores son os afortunados beneficiarios de dúas experiencias iniciáticas sucesivas. En primeiro lugar, descobren os libros na súa individualidade. Descobren que eses pequenos ortoedros de papel aliñados nos estantes, tan anódinos e semellantes entre si, cheos á súa vez de diminutos garabatos que se repiten monotonamente como inmóbiles procesións de formigas, son en realidade irrepetibles caixas de sorpresas, cofres do tesouro que ao abrilos derraman no noso interior resplandecentes xemas que só eles conteñen, países de marabillas con climas e xeografías propios.
E iso é só o principio. Hai un segundo descubrimento que consuma e consolida o anterior, o de que un libro non é cofre solitario, un compartimento estanco, un hortus conclusus. Os países das marabillas non son illas. Despois de descubrir que os libros non son todos iguais, redescubrimos que, nalgunha medida e como suxire a súa aparencia física, si o son (tese, antítese, síntese), posto que pertencen a unha mesma especie. Descubrimos que os libros se relacionan uns con outros de mil maneiras, levan uns a outros por mil camiños, comunícanse -por amplos corredores ou portas secretas- como as salas dun pazo inmenso forman parte dun organismo vivo e en continuo desenvolvemento, son follas dunha mesma árbore. Descubrimos a literatura, nunha palabra. Non como materia escolar, non como catálogo de títulos e autores, senón como mundo animado, como universo. Descubrimos a galaxia Gutenberg, o liberespazo, moi anterior ao ciberespazo e mellor cartografado, aínda que non por iso menos rico en sorpresas e aventuras. E ao converternos en libernautas accedemos, entre a infancia e a adolescencia, ao noso primeiro territorio libre. Que á súa vez nos leva -ou cando menos nos invita a visitalos- aos demais ámbitos da liberdade. Porque só a cultura nos fai libres, como diría Martí. E só a lectura nos fai cultos.
Os amantes da Banda Deseñada teñen aquí bastante información sobre o seu estado de saúde en Galicia:
Malia á súa situación periferia no contexto internacional, Galiza está a demostrar que é unha terra fecunda para a banda deseñada. O país, dentro do carácter minoritario da novena arte, conta cunha esforzada tradición de autores que se remonta aos anos setenta e que raramente conseguiron destacar fora das propias fronteiras, con excepcións destacadas coma Miguelanxo Prado ou, máis recentemente, Tirso Cons, Fran Bueno, Javi Montes ou David Rubín. No entanto, desde o comezo do século XXI, unha xeira de iniciativas está a conseguir amosar a capacidade creativa e (aínda de xeito tímido) editorial da cultura galega neste eido. Nos últimos anos, autores e publicacións xurdidas deste país están a conseguir o recoñecemento de crítica, público e editoriais a nivel estatal e inician o asalto aos mercados francés e americano.
Amosamos todas as pistas para saber quen é quen neste panorama agora mesmo.
Velaquí un xuízo á lingua. Ou ao emprego que dela facemos os galegos.
Cómpre que esteades mortos para participardes nesta farsa do xuízo final. Se non o estades, quizais poidades asistir a este encontro con algunhas das situacións que a diario vivimos en relación co galego. Dispoñédevos a rir, sorrir e pensar. Porque algunhas das cousas que facemos e dicimos sobre a nosa lingua non as entende nin san Pedro.
Felicidades desde aquí a Rodolfo e aos seus alumnos e alumnas de O.C.O. de 2ºE que, aínda sendo os últimos en apuntarse ao club de lectura, non só leron a obra de Singala nun tempo record, senón que gozaron dunha lectura compartida e en voz alta. Así se fai mozos e mozas!!!
Eles serán os primeiros en acudir moi pronto a charla coa que nos deleitará o autor do libro.
Estes devoradores de libros, despois da obrigada reunión co seu titor de grupo, deixáronnos as súas apreciacións sobre a obra (que están recollidas nos comentarios).
Se ti tamén liches esta obra, non dubides en deixarnos a túa opinión. Grazas de antemán polas túas achegas.
Damos por concluídas todas as sesións e reunións -non é sin tempo- sobre este libro que tanto éxito tivo entre os nosos "ex-libristas" de 4º.
Cada titora de grupo tivo as súas xuntanzas (con ou sin merendola), intentando contentar aos diferentes grupos de lectura (cousa árduo difícil nalgún caso).
Nos comentarios aparecen os pareceres, opinións e sensacións dos lectores e lectoras que voluntariamente -en xeral- e amablemente -sempre- expuxeron nas xuntanzas.
Se queres participar neste intercambio de opinións, pase sen chamar porque che damos a benvida e esperamos que nos visites outra vez!!!
Aproveito para agradecer o traballo e o esforzo das miñas compañeiras Ana e Tina e a dedicación e entrega dos membros lectores do club.
Por fin os membros do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística conseguimos rematar o curso sobre como facer e xestionar unha revista dixital. A dicir verdade non é tan doado como pensabamos; claro que dende fóra todo semella máis fácil! Isto non significa que aprenderamos todo o que nos intentaron inculcar, senón que comezamos a xestionar a revista -o mellor que podemos- e a incluír algún que outro artigo.
Lembrade que precisamos da vosa colaboración para o seu funcionamento. Recordade que tedes nos taboleiros das aulas toda a información para facernos chegar as vosas "ansiadas" contribucións.
Esta é a revista do IES "Félix Muriel" é dicir, a de toda a comunidade educativa. Animádevos a participar en calquera das súas seccións!!!
Despídome coa tradución libre dunhas verbas do poeta e ensaista mexicano Gabriel Zaid.
Quizais a medida da lectura non debe ser o número de libros lidos, senón o estado en que nos deixan. Que diaños importa se un é culto, está ao día ou leu todos os libros? O que importa é como se anda, como se ve, como se actúa, despois de ler. Se a rúa e as nubes e a existencia dos outros teñen algo que dicirnos. Se ler nos fai, fisicamente, máis reais.
Se vos gusta estar ao día sobre todo aquilo que lle atinxe á cultura galega (literatura, cine, bandas deseñadas, etc.) non deixedes de dar unha volta de cando en cando por esta páxina.
Se antes de aventurarvos queredes saber algo máis sobre culturagalega.org, pois aquí vai unha breve presentación:
Un equipo novo de xornalistas, integrado no Consello da Cultura Galega, elabora dende outubro do 2.000 o sitio de referencia da cultura galega en Internet. A credibilidade, a combinación de información e entretemento, a divulgación da lingua e cultura galegas, o apoio á industria cultural e a aposta por novas fórmulas de comunicación en Internet son algunhas claves de culturagalega.org.
Culturagalega.org recibíu diferentes galardóns polo seu traballo: o Premio Nuevos Lenguajes, sección Internet, da Fundación Coca-Cola España (2001), o Premio á mellor iniciativa en prol da banda deseñada da Casa da Xuventude de Ourense (2001) e Mellor produción multimedia nos Premios Mestre Mateo 2003.
Amnistía Internacional rodou este vídeo en prol dos Dereitos Humanos e coa finalidade de conseguir a colaboración da xente no seu proxecto. Curiosamente, eu nunca cheguei a velo en ningunha das múltiples canles públicas e privadas das que dispoñemos neste país! E ti, víchelo algunha vez?
É unha mágoa que estea en castelán, pero aínda así paga a pena botarlle un ollo -e un oído atento-. Persoalmente creo que está moi logrado. A ver que che parece; xa me contarás.
Pónlle o son ao teu equipo e abre ben os ollos porque aí vai!!!.
Praza das Letras é un proxecto pensado para conter e dinamizar o coñecemento do noso discurso literario, crítico e documental e como fornecedor dun espazo que integre isto coa industria editorial que lle dá soporte.
Aquí poderedes atopar información sobre unha morea de cousas: libros, autores, editoriais, actualidade literaria, reportaxes no munto das letras, campañas a prol das nosas letras, ligazóns a clubs de lectura, recusos na rede...
Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.