ENDL do IES Félix Muriel
Equipo de Normalización da Lingua Galega

Perfil
enl.felixmuriel@gmail.com
 CATEGORÍAS
 AS NOSAS FOTOS
 RECOMENDAMOS
 Se buscas... atopas!
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACAMOS

Galego e piragüismo. A miña visión desde dentro.
Dende hai case oito anos practico deporte de competición a nivel galego e dende hai catro a nivel nacional. O ámbito deportivo no que sempre me movo é o piragüismo aínda que tamén fago natación e atletismo con moita menos asiduidade.

Proveño dunha familia galego falante e eu son galego falante. O feito de falar sempre en galego nunca supuxo un problema en min xa que a inmensa maioría de padexeiros e adestradores falan galego e, a nivel da competición, os árbitros e xuíces teñen a obrigación de falar galego e a verdade é que así o fan.

Por outra parte esa minoría que fala castelá se ti te dirixes a eles en galego e ven que non vas cambiar o rexistro rematan (e non tardan moito) por conversar contigo en galego.

Nas competicións a nivel nacional as cousas non cambian moito. Se temos en conta que Galicia é a comunidade autónoma que maior número de clubs de piragüismo posúe, cando estamos nunha regata en calquera punto de España, non fai falla aguzar o oído para escoitar falar galego, xa que con seguridade preto do 40 ou 50% falarán galego.

O piragüismo é un deporte no que a linguaxe escrita se utiliza unicamente para expoñer as listas de clasificación dos resultados das regatas. Nestes casos a nivel autonómico empregase o galego e a nivel nacional, evidentemente, o castelán.
O resto do tempo a linguaxe é oral pero esta distribución segue manténdose. En xeral os xuíces e adestradores empregan o galego aquí. Os xuíces empregan un vocabulario claro, conciso e concreto. Os padexeiros cos compañeiros usamos a linguaxe informal con expresións coloquiais e a dos adestradores durante as regatas redúcese a palabras de ánimo ou para aportarche información do tempo que che queda para entrar en control ou en que posto vas.
Durante os adestramentos a linguaxe que se usa tamén é informal pero úsanse diversos tecnicismos para a comprensión do que temos que mellorar en canto a o padexo técnico e o ritmo adquirido. Os máis comúns son o “travesaño”, “empuñadura”, “pértega” e o control do ritmo utilízase o R0, R1, R2, R3, R4, R5, R6 e R7 así como outros diversos tecnicismos.

En canto aos artigos periodísticos relativos a este deporte son tan escasos que no hipotético caso de que os haxa son pequenos e limítanse a comentar as clasificacións dos primeiros postos. Dependendo das distintas publicacións podemos atopar artigos en ambos idiomas.

Iván Ferro Herbón 4ºC

e ti que opinas? (0) - Categoría: Cousas - Publicado o 18-04-2012 10:22
# Ligazón permanente a este artigo
Lingua e ensino.
Nos seguintes parágrafos vou falar sobre o estado do galego na ensinanza.
En primeiro lugar, voume centrar na época do meu avó, explicando tamén o estado da lingua galega naquel entonces, para despois pasar a falar sobre a época de meus pais e, por último, centrarme na época que mellor coñecemos.
O meu avó estudou durante os últimos anos da Ditadura. Daquela o galego era perseguido, pero a poboación seguía tendo o galego como lingua habitual e o castelán utilizábase pola clase alta. No pouco tempo que estivo na escola estudou en castelán, e nada galego.
Na época de meus pais xa empezaba a aparecer o galego no ensino, pero tan só na asignatura de lingua galega.
A este primeiro paso seguíronlle outros que fixeron que progresivamente se foran incluíndo máis asignaturas en lingua galega, como por exemplo matemáticas ou ciencias sociais.
Isto é o que sucede na época actual na que unha porcentaxe das materias do currículo se deben impartir en galego.

Raúl (4º ESO C)
e ti que opinas? (0) - Categoría: Cousas - Publicado o 17-04-2012 10:24
# Ligazón permanente a este artigo
Galego e relixión. A miña experiencia ou valoración.
Creo poder afirmar que Galicia foi dende sempre un lugar moi vencellado á tradición relixiosa e espiritual que os antepasados lle foron deixando. Dende cativos, e sen posibilidade de elección, a maioría de nós fomos bautizados e obrigados a perder esas valiosísimas mañás de domingo para ir ó catecismo e aturar o sermón dun señor que viste saias. O procedemento todos o sabemos: aprender as oracións dun libro que nos ensina as normas morais da relixión católica e atender ás lecturas do cura un par de anos ata que estamos “preparados” para recibir a comuñón. Pero non fai falla rebuscar moito para darse de conta de algo tan evidente coma o feito de que a tradición relixiosa non foi o único que herdamos do pasado... todos aprendemos o “padre nuestro”, o “por la señal de la santa cruz...”,ou incluso o “santa María, madre de Dios...”. Todas estas oracións ou rituais están en castelán. Herdámolas ou ensináronnolas en castelán.

As misas, as oracións,todos os documentos e a maioría dos eclesiásticos utilizan o castelán como lingual vehicular. Así é que as pasadas xeneracións, moito máis cercanas á cultura relixiosa que as de agora, relacionan inconscientemente o castelán ca lingua de Deus e o galego como lingua de pobres e ignotantes (aínda que a culpa neste caso non é toda da igrexa). Estas relacións van creando conflitos nos fillos, e así ata chegar á situación actual, na que, aínda hoxe en día se seguen escoitando cousas como “neno, fálalle ben ó padre que el non entende o galego”.

Alba Sobradelo (2º Bac.C)
e ti que opinas? (0) - Categoría: Cousas - Publicado o 12-04-2012 12:06
# Ligazón permanente a este artigo
O galego... unha reflexión sociolingüística
O uso do galego nas familias galegas presenta variantes tanto en función da zona de residencia, da clase social coma do poder económico.
Así, en función da zona de residencia, o núcleo rural é a zona predominante do galego mentres que na zona urbana a poboación usa máis habitualmente o castelán.
Por outra parte en función das clases sociais e do poder económico, xa desde hai moitos anos e sobre todo, desde o franquismo,observamos como conseguiron difundir a idea de que tiña máis categoría ser castelán falante que galego falante (falar galego relacionábase coa xente sen estudos e “inculta”). Actualmente, o uso do galego cobrou máis importancia dado que se ve máis amparado pola promulgación de novas leis, polo tanto empezou a usarse nas administracións publicas, escola, …

Ultimamente un dos aspectos máis preocupantes para a supervivencia da lingua é que está fallando, diminuíndo, a transmisión do galego. É dicir os pais e nais, cada vez máis, fálanlles castelán aos fillos/as porque pensan que é moito mellor que o galego, aínda que eles se criaran falando galego. Isto provoca que menos nenos e nenas teñan como lingua inicial o galego o que fai que haxa cada vez menos persoas que falen galego.

Martín Taibo (4º ESO C)
e ti que opinas? (0) - Categoría: Cousas - Publicado o 12-04-2012 11:56
# Ligazón permanente a este artigo
O galego e os medios de comunicación
A presenza do galego nos medios de comunicación é como buscar unha agulla nun pallar. Cada vez
diminúe máis a súa presenza e aparentemente ninguén busca solucións para este gravísimo problema.

O galego na prensa escrita está case desaparecido. Facendo unha pequena pesquisa podemos atopar que quedan tan só algunhas pequenas
revistas de temática relixiosa e unhas poucas mensuais sobre economía e pesca. A prensa diaria
escrita desapareceu por completo e o último en botar o peche foi Galicia Hoxe.

No ámbito das ondas o galego ten un pouco máis de sorte. Tanto na televisión como na radio o galego goza de gran difusión en programas moi variados. Na televisión podemos atopar concursos nos que se xoga coa nosa lingua e os números, telexornais e debuxos animados para os mais pequenos. Na radio hai unha gran variedade de programas, mesmo existe
unha cadea de música específica en galego.
No ámbito onde o galego ten unha maior difusión escrita é en Internet. Xa que, moitas persoas se preocupan por difundir información na nosa lingua e outras publican en blogs por vontade propia.

Como se pode observar, o galego sofre un retroceso na súa difusión escrita tradicional aínda que gaña usos nos novos medios de comunicación. De todas formas, hai que seguir a fomentar a nosa lingua para que adquira máis difusión e prestixio.

Paula (2º Bac. b)
e ti que opinas? (0) - Categoría: Novas lingüísticas - Publicado o 12-04-2012 10:29
# Ligazón permanente a este artigo
Celta ou Deportivo
Hoxe en día o galego sofre, no ámbito deportivo igual ca noutros, a presión que fai o castelán na nosa lingua.
Sendo o deporte por excelencia na nosa comunidade o fútbol e os dous grandes equipos o Deportivo da Coruña e o Celta de Vigo, vou abordar este tema centrándome nestas dúas entidades deportivas castelanizadas por diferentes motivos, como pode ser a abundancia de xogadores non galegos.

Intentando ser o máis obxectivo posible e non mostrando a miña preferencia por ningún dos dous equipos dispóñome a falar do uso do galego en ambos equipos.

Para empezar vou falar do Deportivo da Coruña. No que se refire ao ámbito internauta goberna claramente o castelán, xa que a páxina web oficial do Deportivo está escrita nesta lingua e outras páxinas relacionadas con este equipo tamén. Ademais os afeccionados herculinos que frecuentan Riazor cada partido como local son da
cidade, sendo o ámbito urbano o de máis castelanfalantes, polo que a maioría de seguidores do Deportivo teñen como lingua principal o castelán. No que se refire ao ámbito dos xogadores e o núcleo interno do equipo o galego non é unha lingua case que nada habitual xa que este equipo ten fichados moitos xogadores foráneos.

Unha vez visto o que acontece co Deportivo, agora toca falar do outro gran equipo de Galicia, o Celta de Vigo. A páxina oficial do equipo olívico dá tres idiomas a elexir: o galego, o
inglés e o castelán mentras que outras páxinas como moiceleste.com ou o twitter @noticiascelta
son enteiramente en castelán. Ademais disto,atendendo a outros aspectos o Celta tira pola canteira polo que ten bastantes xogadores propios de Galicia , así que o galego é usado con certa frecuencia entre os numerosos xogadores da nosa comunidade. A entidade celtista busca identificarse con Galicia, portando na camiseta elementos da cultura celta e tendo como un dos cánticos máis identificadores a rianxeira.
Aparte disto o himno do Celta é en galego mentres o himno do deportivo é en castelán, e é moi común que os ultras do celta, (celtarras) de idioloxía nacionalista califiquen mediante cánticos aos ultras deportivistas (riazor blues) de “fachas” por estes aspectos comentados.

Para finalizar o referente a estes dous equipos teño que ensinar a camiseta do Celta,que dá moi ben a imaxe dos usos do galego no deporte, co himno escrito de forma "perralleira" mesturando o galego e castelán.

Abel (2º Bac. B)
e ti que opinas? (0) - Categoría: Novas lingüísticas - Publicado o 12-04-2012 10:18
# Ligazón permanente a este artigo
Os usos do galego na familia. Unha visión propia.
A lingua galega leva moito tempo estando asociada a unha serie de prexuízos como por exemplo, que é unha lingua de aldeáns, de xente de clase baixa e cun nivel ínfimo de cultura...
Na actualidade grupos como os equipos de normalización e dinamización lingüística, preocúpanse polo fomento do galego nos distintos ámbitos de uso, como por exemplo o familiar.
O galego é un idioma como outro calquera, en ningún caso é superior ou inferior a outro. Debe ser unha obrigación nosa asegurarnos de que continúa o seu uso, transmitíndoo de xeración en xeración, pois foi e é o noso medio de comunicación e o dos nosos antepasados e polo de agora, serviunos para falalo e entendérmonos.
Por iso, desta maneira, e dirixíndome ás familias sen ánimo de ofender, pregúntome: Por qué lles ensinamos a rapaces galegos o castelán como o seu idioma inicial? A resposta a esta cuestión non podería dala con precisión porque poden ser moitas as causas ou ideas que leven ós pais e nais a cometer, na miña opinión, este erro de non ensinarlles ós seus fillos a súa verdadeira lingua natal; pero o que está claro é que aínda na actualidade temos prexuízos con respecto á lingua galega.
Para solucionar isto deberíamos comezar por prantexarnos a pregunta citada anteriormente e preguntarnos se en realidade ten sentido deixar que desapareza un idioma, unha cultura propia, únicamente polas connotacións erróneas que se lle asocian inxustamente.



Alba Quintáns Resúa
e ti que opinas? (0) - Categoría: Ollada crítica - Publicado o 12-04-2012 09:58
# Ligazón permanente a este artigo
O galego no mercado
Dende hai un tempo aquí o galego foi introducido no ámbito do mercado ou comercio.
Cando pasamos por diante dunha tenda xa non é tan raro atoparnos entre os cinco idiomas que pon “rebaixas” o galego. Inda así non pasamos do
simple cartel das rebaixas ou como moito un “graciñas” ó saír da tenda.

Nos grandes centros comerciais atopamos a maior parte dos carteis en galego e en castelán, non sempre con tanta frecuencia pasa nas grandes
tendas franquiciadas ás que solemos acudir con máis frecuencia ou mesmo nun supermercado. Só algúns supermercados como Eroski ou Mercadona teñen os carteis en galego.
Nas televisións a publicidade dos produtos máis demandados en ocasións veces son traducidos ó galego pero outras xa non.
E parece ademais que gran parte da xente teme ler un cartel en galego e moitas veces incluso critican a palabra galega dicindo que é unha
inventada e non do noso idioma.
Este feito provoca un gran reparo ó uso do noso idioma no comercio, incluso hai establecementos nos que está prohibido o uso do galego para os empregados
se se están a dirixir ó cliente. Isto non pasa só en pequenos comercios onde os prexuízos invadiron por completo a mentalidade da xente senón que tamén ocorre en infraestruturas hoteleiras como é o famoso caso do recoñecido hotel da Toxa.
Se queremos normalizar a lingua non debemos permitir este tipo de comportamentos que reprimen o noso idioma. Para isto é moi importante o traballo de asociacións como A Mesa pola Normalización Lingüística ou o labor dos equipos de normalización de concellos e centros de ensino. Tamén debería ser un asunto do goberno, o cal na actualidade non se preocupa nin o máis
mínimo, pero nalgún tempo pasado, mellor para o noso idioma tense promovido o galego no mercado con subvencións para aqueles comercios que puxesen o seu nome e propaganda en galego.
Nós tamén temos un traballo por facer que é o de non avergoñarnos da nosa lingua nestes lugares e
non cambiar de lingua se nos diriximos a un tendeiro.


Miguel Silva Conde (2º Bac.B)
e ti que opinas? (0) - Categoría: Cousas - Publicado o 12-04-2012 09:47
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal
Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.Apoia o Manifesto a prol da convivencia lingüística e a da igualdade de dereitos para o galegojujelEste blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego