O castelo da lúa


ENDL do IES Félix Muriel
Découvrez la playlist Blog avec The Homens


Os proxectos deste ENDL recibiron Premios de innovación educativa en normalización lingüística nos cursos 2007-2008, 2008-2009 e 2009-2010.

Perfil
enl.felixmuriel@gmail.com
 CATEGORÍAS
 AS NOSAS FOTOS
 RECOMENDAMOS
 DESTACAMOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 Se buscas... atopas!
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

A situación do galego no ensino
Dende a chegada ao goberno da Xunta de Núñez Feijoo no ano 2009, a defensa do galego por parte da administración pública vai en decadencia.
No ámbito do ensino sacou adiante un “decretazo” antipopular derogando así o anterior aprobado por unanimidade. Este decreto,(seica chamado “do plurilingüismo”) o que pretendía era reducir a presenza do galego do 50% mínimo que garantía o anterior a un 33%, para no seu lugar impulsar o inglés. Mais, finalmente, o de darlle igual importancia ao inglés non foi adiante pola falta tanto de medios coma de fundamento académico. O resultado é que agora, ese decretazo, estámolo sufrindo tendo que estudar gran parte das nosas materias en castelán.

Ao longo de todo este tempo convocáronse diversas manifestacións multitudinarias sendo a máis emblemática a do 21 de xaneiro de 2010. Ese día, encheuse a Praza do Obradoiro e segundo me conta meu irmán foi moi emocionante. Este 17 de maio, com motivo do Día das Letras Galegas a plataforma cidadá Queremos Galego, debido a este problema, convoca de novo a todos e todas a manifestarse en Compostela pola defensa do noso patrimonio lingüístico.

Lucía Ordoñez Iglesias
e ti que opinas? (0) - Categoría: Cousas - Publicado o 25-04-2012 11:01
# Ligazón permanente a este artigo
REALMENTE EVOLUCIONAMOS TANTO NOS NOSOS IDEAIS?
A miña avoa díxome que nos seus tempos falar galego estaba mal visto. O outro día indo pola rúa aínda cheguei a escoitar unhas verbas un tanto peculiares. Unha nai duns 30 anos dicíalle ao seu fillo de cinco; “Cariño , háblame bien”, xa que este contestara en galego a unha pregunta. E eu quedei pensando que se podemos evolucionar cara a outros aspectos da vida , por que non cambiamos respecto a como se trata o galego?

É moi fácil alardear de ser unha persoa moi moderna. É moi doado dicir que os tempos de antes eran peores e que cambiamos para mellor. Pero realmente hai aspectos que non cambian, hai persoas que seguen vendo o galego como unha lingua desprestixiada e que pensan que falar o noso idioma é de xente menos fina. E logo, están outros que pensan que falar con gheada ou seseo é un vicio feo, e que queda mal na lingua.

Realmente, ao meu parecer non hai cousa máis fermosa que poder presumir da nosa lingua, de falar con distintas características e de ser de Galicia .

Nerea Lorenzo Rodríguez 4ºC
e ti que opinas? (0) - Categoría: Cousas - Publicado o 25-04-2012 10:52
# Ligazón permanente a este artigo
Amores prohibidos 2.0
Desde onte luns, o alumnado do EDLG do noso IES non só estamos seguindo con interese a obra de teatro na rede que están desenvolvendo no veciño IES da Cachada de Boiro, senón que ademais estamos tentando gravar algo para mandarlles.

O caso é que imos algo lentos... a ver se durante a semana damos feito algo, así participamos nesta lea tan divertida que se desenvolve alí arredor do ghallegho. Por serto, a festa de que montaron onte estivo moi ben! Se non a seghistes, deixámosvos 2 vídeos:





Pero o mellor era que fósedes á súa páxina e que non perdades detalle!
Amores prohibidos 2.0 en redenasa.tv
e ti que opinas? (0) - Categoría: Cousas - Publicado o 24-04-2012 06:17
# Ligazón permanente a este artigo
Do valenciano ao portugués...
Estiven recentemente en Valencia, e durante a miña estancia alí xurdiume unha dúbida :
por que o valenciano non é recoñecido polo Estado como idioma oficial e o galego si?
Busquei este tema na rede, e a razón principal que atopei é que o valenciano só é unha
variante do catalán ao igual que o mallorquí. Pero, ao preguntarlle sobre o particular
a algunhas persoas naturais da comunidade valenciana, estas aseguráronme que hai
notorias diferenzas entre o catalán e o seu “idioma”. Logo de comprobar a existencia
destas diferenzas entre o catalán e o valenciano, decateime de que non son moitas
menos cás hai entre o galego e o portugués. Máis eu non teño os estudos de filoloxía
precisos para determinar se o valenciano debería ser recoñecido a nivel estatal como
idioma oficial ou non.

Pero logo de ter acabado a miña pescuda das diferenzas entre catalán e valenciano,
lembrei que este último, ao igual có galego, emprégase no estudo, nas institucións
públicas e nos medios de comunicación das súas respectivas autonomías. Entón,
por que un é oficial para o Estado e outro non? Trátase dunha cuestión de política,
de opinión, de filoloxía…? Isto fíxome presentar a seguinte hipótese: se Portugal
fose unha comunidade autónoma española, diferenciaríamos o galego do portugués
?
Consideraríase o portugués un dialecto derivado do galego ou viceversa? Ben, a miña
opinión, no caso desta suposta situación, é que os galegos loitariamos polo noso idioma,
ao igual que fixemos todos estes anos, malia que agora esteamos sufrindo este retroceso
na normalización da nosa lingua.

Irene Blanco Martínez (4º ESO C)
e ti que opinas? (2) - Categoría: Novas lingüísticas - Publicado o 23-04-2012 21:08
# Ligazón permanente a este artigo
Normalización do galego


Agora, en Galiza, conviven o galego e o castelán, polo tanto dise que a poboación galega é bilingüe, pero non sempre foi así. Houbo unha época na que o galego estivo reprimido duramente, non se podía escribir nin dar clase en galego, mesmo quen se opuxese podería ser duramente castigado tal como sucedeu nalgunha ocasión. Pero grazas a personaxes célebres, o galego foi recuperando lugares e ámbitos, e acadou dereitos coa aprobación do Estatuto de Autonomía e coa creación da Lei de Normalización Lingüística.
Estas leis recoñecen que o galego pode ser utilizado por toda a poboación que o desexe en calquera situación, ou que os poderes políticos poderán utilizar galego ou castelán, xa que os dous son idiomas oficiais e tamén que a poboación pode dirixirse ás organizacións públicas na lingua que prefiran.


Borja Vidal Cristobo, 4ºC
e ti que opinas? (0) - Categoría: Cousas - Publicado o 23-04-2012 12:03
# Ligazón permanente a este artigo
XORNAIS EN GALEGO DO BARBANZA E NOIA.


Navegando por internet encontramos un xornal escrito en galego no que se contan as novas dos concellos do Barbanza e Noia. O xornal chámase Certo, é un xornal dixital que informa sobre as distintas localidades das bisbarras de Barbanza (Rianxo, Boiro, Dodro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira) e Noia (Noia, Porto do Son e Lousame). É un medio de información orientado cara aos servizos, máis ben de anuncios, tamén achegan data, hora e lugar de acontecementos e actividades que van suceder, aínda que pola súa estrutura, máis ben limitada, só pode cubrir uns poucos. Tamén hai espazo para a reflexión, cunha serie de colaboradores que escriben semanal ou
mensualmente. Intentan primar a fotografía sobre o texto.

O xornal naceu no ano 2007 como un xornal gratuíto mensual.
Deste tipo de xornais había moitos por toda Galicia e un grupo de amigos decidiu xuntarse e crear un para as comarcas de Barbanza e Noia pois xa antes existira un xornal deste estilo que se chamaba Citania. Este xornal durou un ano porque se quedaron sen ingresos publicitarios, e só
tiñan dúas opcións; pechar ou seguir en internet e decantáronse pola segunda opción.

Tamén existen outros xornais parecidos noutras comarcas, como o caso de: Que pasa na costa, que abrange as comarcas da Costa da Morte e outro Todo Grove que abrangue as vilas da zona do Grove.

Jennifer Lorenzo Creo Nº 14 4ºB

María López Saavedra Nº13 4ºB
e ti que opinas? (0) - Categoría: Cousas - Publicado o 23-04-2012 11:54
# Ligazón permanente a este artigo
SER MULLER vs. SER NAI

Hai unhas semanas, o ministro de xustiza Alberto Ruíz Gallardón intentou argumentar no Congreso a necesidade dunha reforma da Lei do aborto. No seu argumento afirmaba que “a sociedade, marcada polo machismo, non lle dá ás mulleres unhas condicións axeitadas para sacar adiante un fillo, polo que habería que darlle máis protección ás mulleres no que respecta á maternidade para evitar que caian no fracaso do aborto”. Cando o PSOE e outros grupos da esquerda comezaron a cuestionar esta afirmación propoñendo que existen mulleres que simplemente non queren ser nais, é dicir, que non é que non poidan, senón que non queren, Gallardón intentou descalificalos dicindo que toda muller ha de ter fillos para ser plenamente unha muller.
Na miña opinión trátase dunha afirmación profundamente machista que evidencia a verdadeira ideoloxía de Gallardón no que respecta á condición da muller. A continuación dispóñome a desmontar esta teoría que non debería ter chegado a pronunciarse.
En primeiro lugar hai que distinguir dous conceptos claramente separados: a muller que QUERE ser nai e a muller que NON QUERE ser nai. Trátase de dous perfís de muller con dúas vontades distintas. Polo tanto, se se lle impide ser nai a unha muller que quere ter un fillo ou se se obriga a ser nai a unha muller que non quere ter un fillo, estase convertendo a esa muller nunha persoa infeliz. No que respecta a este punto, Gallardón aporta un argumento no que inclúe a todas as mulleres no grupo das que queren ser nais ó afirmar que as mulleres que desexan abortar quéreno facer porque non poden sacar adiante un fillo, un fillo que queren, polo que el sobreentende.
O seguinte fallo do ministro é que nunha parte do seu discurso di que “non se lle dá ás mulleres unhas condicións axeitadas para sacar adiante un fillo”. Nesta frase, tamén pretendidamente feminista –aínda que de feminista non ten nin un atisbo–, vén dicir que son as nais solteiras as que teñen que manter o fillo, é dicir, que o home, ó non estar casado, pode desentenderse tranquilamente no que respecta ó coidado e mantemento do bebé. Esta é outra gran metedura de pata por parte do misnistro.
Por último –aínda que este argumento se podería criticar moito máis–, a teoría de que “toda muller ha de ter fillos para ser plenamente unha muller” é unha das groserías máis grandes que se poden oír, xa que entón unha muller que non queira ter fillos ou que non poida debido a un problema de fertilidade non é, a ollos de Gallardón, unha muller. E pregunto eu: que é entón? Pero claro, un home que non ten fillos si é un home, porque claro, non é o mesmo ca unha muller, é “superior”, non? Pois vai ser que non, Gallardón.
Conclusión: machismo por doquier. É verdadeiramente vergoñento que en pleno século XXI exista alguén con esta ideoloxía e moito máis tendo en conta que desempeña un cargo de tal calibre no goberno. Na miña opinión este tipo de actitudes deberían ser castigadas coa destitución do seu cargo, pero claro, se aínda non se fixo só se me ocorre a posibilidade de que o resto do goberno popular comparta a mesma opinión...
Ana Fernández Prol
e ti que opinas? (0) - Categoría: Ollada crítica - Publicado o 23-04-2012 11:44
# Ligazón permanente a este artigo
O GALEGO NO ÁMBITO FAMILIAR. UNHA EVOLUCIÓN ATÍPICA


O galego vén sendo dende hai tempo unha lingua considerada inferior, á que se lle atribuíron múltiples prexuízos que agora sabemos que son totalmente falsos, pero que aínda así condicionan ou determinan claramente os seus usos en boa parte da poboación. Esta lingua recibiu e recibe usos moi diferentes dependendo do ámbito no que se encontre.

Hoxe en día no ámbito familiar o galego está, ou debería, estar presente.

Eu vou contar a situación que se foi dando na miña propia familia.
Miña avoa sempre falou castelán e , polo tanto, foi a lingua que lle ensinou aos seus fillos. Isto débese, principalmente, á época na que viviu e os prexuízos, que daquela, posuía o galego. Agora, en cambio, ela fala sempre o galego porque está acostumada a oílo a miúdo. Logo están meus pais, que antes tamén se desenvolvían en castelán, independentemente de que o galego puidese estar máis presente, pero que agora falan galego como se fose sempre a súa lingua propia, aínda que en ocasións poidan falar o castelán entre eles. A min educáronme coas dúas linguas presentes. Na escola, sobre todo, aprendía galego e na casa, ademais, o castelán. Agora eu só me desenvolvo en galego porque é a lingua coa que me sinto identificada. En definitiva, podo dicir que o galego tivo unha boa acollida na miña casa.

A ligua que fale cada persoa ou cada familia depende moito do lugar no que se naza e do lugar no que cada un se desenvolva. As familias de fala galega son as familias que sempre estiveron en contacto con esta lingua, porque logo, se observamos a situación predominante nas familias de cidade comprobaremos que o castelán é a súa lingua por excelencia.

Patricia (2º Bac)
e ti que opinas? (0) - Categoría: Cousas - Publicado o 19-04-2012 09:12
# Ligazón permanente a este artigo
Galego e medios de comunicación
Vou presentar unha reflexión sobre o uso que eu vexo do galego nos medios de comunicación.

O galego nos xornais:

O xornal galego con maior difusión é La Voz de Galicia, que conta con 12 edicións locais e unha a nivel autonómico. Outros xornais relevantes son El Correo Gallego, Faro de Vigo, Galicia Hoxe (o primeiro que se publica unicamente en galego), La Región. Entre outros xornais de menor difusión contamos con : o Atlántico Diario, De luns a venres, DxT Campeón, El Ideal Gallego, o Heraldo de Vivero, o Xornal de Galicia e o Diario de
Ferrol.

Hai datos que din que como media a maioría dos xornais só teñen un 3,69% das páxinas de información en galego. Sen ter en conta as páxinas de opinión, nas que isto varía dependendo do xornal.
A lingua habitual de moitos xornalistas que traballan en Galicia é o galego, e a maior parte saben escribilo correctamente aínda que adoiten empregar o castelán normalmente no seu traballo. Sendo así, eu pregúntome Se isto é así por que non se emprega o galego nos xornais?

O galego na radio:

A Radio Galega é a radio pública de Galicia, forma parte da CRTVG do mesmo xeito que a Televisión de Galicia. Radio Galega comezou a emitir a súa programación regular o 29 de marzo de 1985. Conta con dúas cadeas que emiten de forma
convencional: Radio Galega, que emite programación xeral e Radio Galega Música, con contidos musicais.
Hai tamén moitas emisoras locais.
Na miña opinión as radios galegas son un bo medio para fomentar o uso do idioma galego.

O galego na televisión:

A Televisión de Galicia é a cadea pública autonómica de televisión, que emite desde o
24 de xullo de 1985. A Televisión de Galicia emite en todo o territorio galego e ademais
conta con dúas canles internacionais, Galicia Televisión Europa e Galicia Televisión
América, que emiten en toda a Unión Europea e en América. A segunda canle tvG2 emite desde o 2 de febreiro de 2009.

O Centro Territorial de Galicia da TVE comezou a emitir programación propia en 1974, por primeira vez a televisión contaba cun espazo de programación regular en lingua galega.

Tamén existen dúas televisión privadas de ámbito galego, V Televisión e Popular Televisión
Galicia. Tamén hai cadeas de televisión de ámbito local.

Creo que a televisión é o mellor medio para fomentar o uso do galego porque chega a todos
os públicos: nenos, mozos e maiores. Eu penso que a televisión é un medio de comunicación que conta con máis audiencia, se o comparamos cos xornais e a radio. Un rapaz moi novo non le o xornal, nin escoita a radio a miúdo, pero si ve os debuxos da
tele.

Sara Otero Mosquera 4ºC
e ti que opinas? (0) - Categoría: Cousas - Publicado o 19-04-2012 08:59
# Ligazón permanente a este artigo
FOLGA XERAL: ÚTIL?
O pasado 29 de marzo convocouse unha folga xeral contra a xa internacionalmente famosa reforma laboral levada a cabo polo goberno popular de Mariano Rajoy. Trátase dunha convocatoria da que os distintos medios informaron baixo o enfoque da súa ideoloxía, como acontece con toda folga. Deste xeito, os medios da dereita afirmaron que esta “apenas tivo apoio”, comparándoa coa última folga xeral, a que tivo lugar durante o goberno socialista de Xosé Luís Rodríguez Zapatero. No entanto, os medios da esquerda abriron portada con titulares como «Éxito total». Todos estes enfoques contribuíron á aparición dunha cuestión que estivo a ser debatida durante os días seguintes á folga: serviu para algo a folga?
Obviamente, a folga non logrou o seu obxectivo, pois a reforma laboral mantense, mais ese é un dos problemas deste goberno, que ignora a vontade dos cidadáns españois baixo argumentos que parecen descalificarnos; como se afirmara que nós non entendemos sobre esas cousas, coma se fosemos parvos para darnos conta de cales son os servizos públicos prioritarios!
Na miña opinión, a folga si serviu para algo, pois con ela, os cidadáns podemos expresar a nosa opinión e reivindicar os nosos dereitos e, aínda que o goberno nos ignore, toda España sabe que se están levando a cabo unha serie de medidas rexeitadas pola inmensa maioría do pobo: unhas medidas IMPOSTAS, polo tanto.
Ante esta situación dicir tamén que, non creo xusto que se cuestione o dereito de folga, pois trátase dun dereito polo que se loitou durante moito tempo, loita que foi castigada con inxustas consecuencias. Nós, que contamos con tal dereito, deberíamos facer uso del cando se nos impoñen medidas ou reformas como esta coas que discrepamos. E no caso de que esteamos de acordo, entón o mínimo que se pode pedir é respectar un dos dereitos máis importantes cos que pode contar un cidadán: o dereito á folga.

Ana Fernández Prol
e ti que opinas? (0) - Categoría: Ollada crítica - Publicado o 18-04-2012 10:27
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal
Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.Apoia o Manifesto a prol da convivencia lingüística e a da igualdade de dereitos para o galegojujelEste blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego