O castelo da lúa


ENDL do IES Félix Muriel
Découvrez la playlist Blog avec The Homens


Os proxectos deste ENDL recibiron Premios de innovación educativa en normalización lingüística nos cursos 2007-2008, 2008-2009 e 2009-2010.

Perfil
enl.felixmuriel@gmail.com
 CATEGORÍAS
 AS NOSAS FOTOS
 RECOMENDAMOS
 DESTACAMOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 Se buscas... atopas!
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

Liberdade

Deixámosvos un interesante vídeo sobre o concepto de "liberdade lingüística".

e ti que opinas? (0) - Categoría: Novas lingüísticas - Publicado o 30-04-2011 13:28
# Ligazón permanente a este artigo
VIII Certame Literario “A Caramiña”
Convocatoria do Certame A CaramiñaO IES de Pobra do Caramiñal convoca un ano máis o VII Certame Literario “A Caramiña”, na modalidade de relatos de intriga, co fin de incentivar a creación literaria en lingua galega.

Este certame está dirixido ao alumnado de Ensino Secundario Obrigatorio e Postobrigatorio que curse estudos no presente ano académico 2010/2011 na comarca do Barbanza (A Pobra, Riveira, Boiro, Rianxo, Noia, Lousame e Porto do Son).

O certame escindirase en tres categorías. a categoría Gamela, para 1º e 2º da ESO; a categoría Dorna, para 3º e 4º da ESO; e a categoría Paquebote, para o alumnado de Bacherelato e Ciclos Formativos.

Deberá ser un relato curto de intriga, escrito en lingua galega e cunha extensión máxima de cinco folios.

No tocante á presentación, os aspirantes enviarán o orixinal e catro copias da obra, que ha de ser orixinal, inédita e non premiada noutros concursos. Presentarase en tamaño folio DIN A4, con tipo de letra Arial, tamaño 11 ou 12, a dobre espazo, impresos por unha soa cara, debidadmente grampadas ou encadernadas. En cada traballo figurará un pseudónimo ou lema en lugar do nome real do autor ou autora, así como a categoría en que concursa. Os datos persoais (nome, idade, enderezo, teléfono, curso e centro onde cursa estudos) deberán ser introducidos nun sobre pechado que acompañará os traballos, e levará escrito no exterior o pseudónimo e o título da obra.

A data límite de presentación das obras será o mércores 11 de maio de 2011, e han de ser enviadas ao seguinte enderezo:

Concurso Literario A Caramiña
I.E.S. de A Pobra do Caramiñal
Xobre- Maño, sin. 15940, A P
obra do Caramiñal.


A contía dos premios será:
- Categoría Gamela: 120 euros.
- Categoría Dorna: 150 euros.
- Categoría Paquebote: 180 euros.

O Xurado estará constituído por cinco membros da Comunidade Escolar do I.E.S. da Pobra do Caramiñal. Se na opinión do Xurado a calidade das obras así o requerise, poderá outorgarse algún accésit ou deixar os premios desertos. Correspóndelle ao Xurado a interpretación das presentes bases, as cales, xunto co fallo, serán inapelables.

O fallo do xurado darase a coñecer o luns 16 de maio a través da revista A Tabarra dixital, onde serán tamén publicados:

http://atabarradixital.blogaliza.org


Animádevos a participar!

Roberto Bolaño Amigo, 2ºbach.
e ti que opinas? (0) - Categoría: Novas lingüísticas - Publicado o 27-04-2011 15:32
# Ligazón permanente a este artigo
A política lingüística máis lesiva
Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.A política lingüística posta en marcha polo actual goberno galego o pasado ano 2010, constitúe o punto de referencia primordial a ter en conta ao falar das actuais problemáticas relacionadas co noso idioma, que probablemente teñan maior apreciación a longo prazo. Esta política foi moi criticada polos seus opositores.
Ao meu parecer, a política lingüística desenvolta polo presidente da Xunta, Feijoo, e polo secretario xeral, Anxo Lorenzo, foi o maior e máis grave recorte feito á nosa lingua nos últimos anos. Deste modo, dito recorte aféctanos a todos os galegos e galegas, posto que vemos en xogo a pervivencia da nosa identidade, valores, cultura, etc.
Mostra desta mala política son os datos recollidos polo Instituto Galego de Estadística que mostra un notable descenso de falantes en galego.


Roberto Bolaño Amigo, 2ºBach.
e ti que opinas? (0) - Categoría: Novas lingüísticas - Publicado o 27-04-2011 15:28
# Ligazón permanente a este artigo
Edición XVIII do Certame Literario Cambre 2011
Infórmovos de que os equipos de Normalización Lingüística e os Departamentos de Lingua Galega e Literatura dos dous institutos de Cambre convocan a XVIII edición do Certame Literario Cambre 2011.

Poderá participar neste Certame calquera moza/o de idades comprendidas entre os 12 e 26 nas diversas categorías en que está divido o certame.

Cada participante poderá presentar unha proposta a calquera das dúas modalidades: poesía e narración breve. En poesía presentaranse tres poemas como mínimo de tema e formas libres. En narración breve a extensión máxima será de cinco DIN-A4 e tema libre.

Os textos presentados teñen que estar escritos en galego e deben ser orixinais e inéditos.

Serán escritos a ordenador, en tamaño DIN-A4, o tamaño da letra será 12 e por unha soa cara. Deberán numerarse as páxinas e non estar asinados.

Entregarase o orixinal e catro copias nun sobre no que poña, XVIII CERTAME LITERARIO, o lema ou pseudónimo do autor/a, a categoría á que pertenzas segundo a idade e a modalidade. Con cada traballo irá adxuntado un sobre pechado no que por fóra deberán figurar os mesmos datos e no interior unha fotocopia do DNI, a ficha de inscripción cuberta e asinada que contén ademais os datos de teléfono, correo electrónico e o nome do centro no que estuda ou traballa.

Os traballos presentaranse persoalmente nas administracións dos institutos ou enviaranse por correo ao seguinte enderezo:
Concello de Cambre- Área de Cultura e Contratación
Adro, 1-15660 Cambre

Haberá dous premios por categoría e modalidade, aínda que o xurado pode declarar desertos calquera deles no caso de considerar insuficiente a calidade dos traballos. O importe dos premios dependerá da categoría segundo a idade. O mínimo son 170€ e como máximo 400€.

Aos premios practicaránselles as retencións legalmente establecidas.

A composición do xurado darase a coñecer no acto de entrega de premios que será o venres 27 de maio de 2011, ás 12:30h.

Os traballos non premiados poderán ser solicitados polos seus autores ata un mes despois e os que non sexan reclamados serán destruídos.

O xurado e a organización do Certame están facultados para tomar as decisións que consideren oportunas ante a aparición dalgún imprevisto non recollido nas presentes bases.

A data límite de entrega será o venres 29 de abril de 2011.

Animádevos a participar!

Virginia 2º Bach. C
e ti que opinas? (0) - Categoría: Novas lingüísticas - Publicado o 27-04-2011 15:23
# Ligazón permanente a este artigo
A Política Lingüística aposta polos Celga en líña para o galego
Seica a Secretaria Xeral de Política Lingüística iniciou uns cursos en liña para as probas de certificación de lingua galega (CELGA). Esta proposta é moi interesante porque permite que xente adulta, que xa non está en idade escolar, poida aprender o galego (moitos deles nunca o estudaron). O máis novidoso desta noticia é que este cursos para obter o CELGA xa se poden facer en liña, apreveitando as novas tecnoloxías, e isto vai axudar a un mellor desenvolvemento da lingua.

Desde o meu punto de vista, a Secretaría Xeral de Política Lingüística tivo outra gran iniciativa ao completar a oferta de formación e crear un Curso de linguaxe administrativa en galego. Estes cursos deberían ser máis abondosos porque supoñen un gran avance para a lingua e para todos os que nos acheguemos ou nos relacionemos coa administración pública.
Estas propostas son as que fan falta para que a nosa lingua sexa verdadeiramente cooficial e ocupe o lugar que ten que ter como lingua da Administración.

Alba Moares (2º Bac. C)
e ti que opinas? (0) - Categoría: Novas lingüísticas - Publicado o 16-04-2011 21:52
# Ligazón permanente a este artigo
O fiscal superior de Galicia apoia o impulso do galego no ámbito público
Carlos Varela, fiscal superior de Galicia, con motivo da súa intervención nas xornadas sobre a lingua celebradas no Pazo da Cultura de Pontevedra debidas ao Ano de Xoán Manuel Pintos, expresou s necesidade de "superar as posicións victimistas e actuar con imaxinación, de maneira estratéxica e en clave de accións positivas" para que o galego teña unha promoción e impulso eficaz nos ámbitos públicos. Engadiu tamén declaracións nas que mostraba a necesidade de "definir estratexias eficaces para evitar no futuro a declaración de inconstitucionalidade da lexislación regulamentadora do galego" e tamén recordou que o dereito de elección lingüística corresponde aos cidadáns fronte aos poderes públicos, e que a obriga destes é atender aos cidadáns na lingua elixida por estes.
Celeste Campaña 2º Bach. C
e ti que opinas? (0) - Categoría: Novas lingüísticas - Publicado o 16-04-2011 21:36
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista a Ana Acuña
O outro día lin no xornal "La Voz de Galicia" a entrevista realizada a Ana Acuña.
Ana Acuña é a editora da poesía de Lois Pereiro,que se publicará na editorial Xerais.
Este volume,no cal se recolle toda a poesía de Lois Pereiro,dáse tamén unha visión máis global da vida e obra do citado autor. Tamén axuda a visualizar a súa evolución poética.
Para Ana Acuña, que nas Letras Galegas 2011 o protagonista sexa Lois Pereiro, demostra que a desidencia(falta de acordo entre persoas dunha mesma comunidade)tamén pode ser parte do sistema.


Lara 2º Bach C
Categoría: Novas lingüísticas - Publicado o 13-04-2011 10:26
# Ligazón permanente a este artigo
Máis mulleres na Real Academia Galega.
Unha noticia atopada no xornal dixital elpais.com. infórmanos sobre a situación reivindicativa que se está xerando na Real Academia Galega (RAG). Esta situación vén dada debido á escaseza de mulleres nesta institución posto que de trinta persoas que forman parte da Academia só tres son do xénero feminino ademais de que xurdiron novos postos e algún deles xa foron dados a homes.
Francisca Herrera Garrido foi a primeira muller en ingresar na RAG, poñendo como figura central no seu discurso de ingreso a Rosalía de Castro. Neste texto, enumeraba os tópicos recorrentes na lectura da poeta. Hai que dicir que Francisca entrou na RAG despois de que pasasen trinta e nove anos da formación desta. Penso que Herrera Garrido conta con méritos para formar parte desta institución posto que é a autora da primeira novela e ensaio de creación feminina galega, segundo puiden saber.
A esta séguelle Olga Gallego, que entrou catro décadas despois como bibliotecaria da Real Academia Galega e estivo exercendo este posto ata a súa morte.
Ante esta situación, Dolores Vilavedra, profesora da Universidade de Santiago de Compostela, propón que as próximas vacantes que se ofertan sexan ocupadas por mulleres. Para darlle fortalecemento á súa idea, esta levou a cabo unha iniciativa chamada “O xogo das Cadeiras”, coa que se reclama máis presenza feminina na RAG.
Isto vén dado debido a que se ofertaron catro vacantes, das cales dúas foron xa novamente asignadas a homes; Henrique Monteagudo e Xosé L. Regueira.
Margarita Ledo Andión admite que son poucas mulleres e que é considerábel o predominio das vacantes cubertas por varóns, polo que apoia esta nova iniciativa.
Margarida Ledo, pola súa banda, afirma que as orixes disto veñen de atrás, da historia desta institución, posto que as academias eran reunión de connaiseurs, e estes eran homes, polo que hai razón históricas e sociais que explican o baixo número de mulleres. Isto non é de todo certo posto que, se nos informamos na historia da Real Academia Galega, podemos descubrir que o precedente da Real Academia Galega foi a Comisión Xestora , a cal foi promovida por Emilia Pardo Bazán co chamado “Folklore Gallego”, no cal se recollía, arquivaba e interpretaban as preocupacións, supersticións, crenzas, tradicións e contos que o adianto das sociedades e a man niveladora da civilización ían extinguindo e borrando.
Ademais, cabe citar que é outra muller, Rosalía de Castro, a que comeza a historia da literatura galega contemporánea, sendo ela mesma a autora do primeiro libro galego, Cantares Gallegos.
Por outra banda, Axeitos, secretario da Academia afirma que a galega é a academia hispánica con maior representación feminina e lembra que antes da G. Civil había dezaseis académicas correspondentes e que a problemática é debatida no interior da constitución.
Hai que dicir desafortunadamente tamén que esta escaseza se dá en outras institucións como o Instituto d´Estudis Catalans, a academia vasca e mesmo a Real Academia Española.
Persoalmente creo que esta situación debe mudar cara a unha maior presenza das mulleres, para así acadar unha situación que tenda á igualdade xa que hoxe en día as mulleres teñen unha presenza na sociedade semellante aos homes polo que as institucións como a Real Academia Galega non debería ser unha excepción.
Mentres tanto, “O xogo das cadeiras” está aberto para recoller sinaturas de homes, contando co apoio do PSdeG.

Cristina P. 2º bach.
historia da RAG
e ti que opinas? (0) - Categoría: Novas lingüísticas - Publicado o 12-04-2011 10:27
# Ligazón permanente a este artigo
As reclamacións lingüísticas ao Defensor del Pueblo
Estes últimos días vense de publicar o informe de actividade do Defensor del Pueblo do ano 2010. Nel recóllese un apartado específico para as queixas sobre os incumprimentos da "cooficialidade lingüística", sobre todo en Cataluña e Galicia.
Respecto á nosa comunidade, a maioría das queixas oriéntanse cara ao abusivo uso do castelán. Por exemplo, denunciouse a falta de certos impresos en galego na Axencia Estatal da Administración Tributaria de Ourense, e neste caso alegáronse motivos de aforro. Pero tamén existen denuncias cara ao feito contrario. Un exemplo disto é a reclamación pola ausencia do castelán na web da Consellería de Traballo, pero coa gran diferencia de que esta páxina tamén ten a opción da tradución automática e a razón pola que está unicamente redactada en galego é a tentativa de normalizar os usos lingüísticos en ámbitos de escaso uso previo.
Con estas queixas queda reflectido o longo camiño que queda para acadar a normalización lingüística de Galicia e do galego.

Celeste Campaña 2º Bach.
e ti que opinas? (0) - Categoría: Novas lingüísticas - Publicado o 12-04-2011 10:12
# Ligazón permanente a este artigo
Escritoras galegas reinvindican máis postos na Real Academia Galega
Veño de ler unha noticia na que se informa do número de mulleres que están actualmente e que estiveron nun pasado na RAG (Real Academia Galega).

A primeira muller en entrar na RAG foi Herrera Garrido, trinta e nove anos despois da súa fundación. No seu discurso de ingreso, feito en castelán (que non lle encontro moito sentido), menciona a figura de Rosalía de Castro. Para o ingreso da segunda muller na Academia tiveron que pasar catro décadas!

Das catro cadeiras baleiras da academia, dúas xa foron asignadas, a homes…

O presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, non fai comentarios ao respecto e é Margarita Ledo, a que intenta buscar unha explicación a por que o número de mulleres é inferior ao de homes botando man da historia na que recoñece que as Academias eran reunións de connaiseurs, e estes eran homes, polo que hai razóns históricas e sociais para explicar a escasa presenza de figuras femininas na Academia.

Pero isto, non só ocorre na RAG, senón que tamén no Institut d'Estudis Catalans, non hai gran número de mulleres, tan só seis, de trinta e oito membros que son. Na academia vasca, Euskaltzandia, catro de trinta e na Real Academia Española tampouco hai moitas máis figuras femininas, cinco de corenta e dous.

Axeitos matiza, aínda que non como xustificación que a RAG é unha das academias con máis presenza feminina e que é preciso recoñecer a achega intelectual das mulleres e que adquiran maior visibilidade.

Como explicou Dolores Vilavedra, profesora da USC, a resposta ideal é que as próximas vacantes sexan ocupadas por mulleres.


Virginia 2º Bach.



e ti que opinas? (0) - Categoría: Novas lingüísticas - Publicado o 11-04-2011 08:33
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal
Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.Apoia o Manifesto a prol da convivencia lingüística e a da igualdade de dereitos para o galegojujelEste blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego