O castelo da lúa


ENDL do IES Félix Muriel
Découvrez la playlist Blog avec The Homens


Os proxectos deste ENDL recibiron Premios de innovación educativa en normalización lingüística nos cursos 2007-2008, 2008-2009 e 2009-2010.

Perfil
enl.felixmuriel@gmail.com
 CATEGORÍAS
 AS NOSAS FOTOS
 RECOMENDAMOS
 DESTACAMOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 Se buscas... atopas!
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

Comeza a Semana das curtas no IES
A actividade "A Semana das Curtas", que se levará a cabo do 28 de febreiro ao 3 de marzo, está organizada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Audiovisual de Vigo, en colaboración coa Coordinadora Galega de ENDL (http://www.coordinadoraendl.org).
Esta actividade consistirá no visionado de 4 paquetes de curtametraxes e outros traballos audiovisuais de curta duración como videoclips, dunha hora máxima de duración. Cada día, durante toda a mañá, proxectarase un paquete na sala de Usos múltiples de cada un dos edificios.
O profesorado interesado poderá anotarse nos listados elaborados para tal fin nas dúas salas de profesores, tendo en conta que cada hora poderán asistir ata un máximo de tres grupos.
O alumnado poderá opinar e intercambiar as súas impresións sobre os traballos proxectados no seu centro a través dun blog (http://semanacurta.wordpress.com/
e ti que opinas? (0) - Categoría: O mundo do ensino - Publicado o 27-02-2011 10:54
# Ligazón permanente a este artigo
Plurilingüísmo ou afundimento do galego?
Nunha noticia redactada polo xornal Galicia Hoxe do pasado venres, informábase do feito de que neste curso académico máis de 29.000 nenos de diferentes colexios de primaria e secundaria de Galicia están recibindo materias non lingüísticas en idiomas estranxeiros (principalmente inglés). O requisito que debe ter o profesional para impartir estas clases é ter un grao de coñecemento do nivel B2 deste idioma. Este nivel é utilizado simplemente para defenderse nas situación diarias, porque o que demostra dominar o uso da lingua en situación académicas ou profesionais é o nivel C1, é dicir, o que ten un usuario competente.
Daquela, como ben argumenta Gonzalo Constenla, vicedirector da Escola Oficial de idiomas de Santiago e catedrático de inglés, para aprender unha lingua é necesario estar nas mans de profesionais adecuados que pasaron una oposición e demostraron a competencia adecuada. Polo tanto, se alguén está ensinando inglés de forma incorrecta, vai fillar no alumnado erros que logo son difíciles de erradicar.
Ademais, hai que ter en conta que para que una materia sexa perfectamente comprendida polo alumno, este debe coñecer perfectamente o idioma no que se lle está impartindo a clase para así ter un coñecemento aceptable. Se non se entende a lingua na que se fala, dificilmente se vai a comprender o que che están explicando e canto máis se se trata de materias escolares.
Os representantes dos sindicatos de profesores tamén critican esta situación baseándose en que isto supón unha clara desvalorización da nosa lingua, o galego. Ademais esta nova forma de impartir clases non vai facer outra cousa que afondar o analfabetismo galego e non aprender mellor o inglés.

Cristina P. 2º bach.
e ti que opinas? (0) - Categoría: Novas lingüísticas - Publicado o 27-02-2011 10:20
# Ligazón permanente a este artigo
LASAÑA DE COCIDO
Do receitario "para repañar o prato!" de SOGAMA

CANTIDADES E INGREDIENTES:

• 200 gr. Xarrete de tenreira dun cocido.
• 80 gr. Lacón dun cocido.
• 1/2 und. Chourizo dun cocido.
• 80 gr. Falda de tenreira.
• 1/2 und. Zanco de polo dun cocido.
• 40 gr. Touciño entrefebrado dun cocido.
• 1 manoxo. Grelos dun cocido.
• 1 litro. Bechamel.
• 12 placas. Lasaña.
• 40 gr. Queixo relado.
• 1,5 dl. Salsa de tomate.
• c/s. Manteiga.
• c/s. Sal, pementa branca e noz moscada.
c/s: cantidade suficiente

ELABORACIÓN:
• Cocer as placas de lasaña en auga salgada e cun pouco de aceite. Escoar, refrescar e colocar sobre panos húmidos. Reservar.

• Dividir a bechamel en dúas partes iguais. A unha parte engadímoslle os grelos branqueados, triturados e pasados polo chino e reservámola no baño María. A outra parte reservámola tamén no baño María, sen mesturar.

• Picar tódalas carnes cocidas, ligar o conxunto cunhas culleradas de bechamel branca.

• Cubrir a base dunha cazola de barro con mollo de tomate, enriba colocamos unha placa de lasaña e alternamos a mestura da carne coa placa ata ter dúas capas de carne e tres placas de lasaña. Cubrimos por riba a metade coa bechamel verde e a outra metade coa bechamel branca.

• Esparexer con queixo relado, dispor uns pedazos de manteiga enriba e dourar ao forno a 230ºC.
e ti que opinas? (0) - Categoría: Da xouba á sardiña: a nosa cociña - Publicado o 26-02-2011 22:48
# Ligazón permanente a este artigo
Representación teatral cun ton de denuncia social, humorista e irónico
Infórmolles que a compañía de teatro Talía, despois do éxito que tivo ca representación de ”Bicos con lingua”, pon en marcha outra representación “Pelos na lingua”. Esta obra representarase a partir de textos dos coñecidos escritores galegos como Séchu Sende ou María Ordóñez. Esta obra teatral pretende deixar ao descuberto os prexuízos linguisticos con sketchs rebosantes de humor e ironía.
Os actores serán María Ordoñez, Artur Trillo e Toño Casais (estes dous últimos xa participaran na anterior representación).
Esta obra vai dirixida a persoas maiores de 13 anos, tanto sexan galegofalantes como non, para os que pensen que o galego debería ser o idioma falado por todos, para aqueles que non o falan porque din que non saben, para… TODOS!
“Pelos na lingua” deuse a coñecer hoxe en Carballo.

Virginia 2º Bach.
e ti que opinas? (0) - Categoría: Novas lingüísticas - Publicado o 25-02-2011 00:16
# Ligazón permanente a este artigo
Microsoft en galego
Seica Microsoft presenta hoxe en Santiago a versión en galego dos seus produtos (Windows7, Office 2010, Dynamics CRM e Sharepoin).
Segundo os promotores, esta iniciativa supón promover e facilitar o desenvolvemento profesional e as relacións sociais en galego.

Persoalmente estou a favor desta iniciativa, xa que isto permítelle aos galegos a traballar en galego e introducir o galego máis na nosa vida. Segundo o meu punto de vista isto serve para darlle máis liberdade ao galego e establecer o noso idioma en tódolos ámbitos posibles. Coa incorporación do galego ás TIC o galego supera outra barreira e vaise facendo paso cara un gran prestixio do galego.

Nota: A foto é dunha presentación de Microsoft de hai uns anos.

Alba, 2º Bac.
e ti que opinas? (0) - Categoría: Novas lingüísticas - Publicado o 25-02-2011 00:02
# Ligazón permanente a este artigo
Día da lingua materna
Sabiades que o 21 de febreiro celébrase o Día da lingua materna?

e ti que opinas? (0) - Categoría: Novas lingüísticas - Publicado o 22-02-2011 00:51
# Ligazón permanente a este artigo
Os galegos contra o galego
Veño de ler unha noticia no xornal Galicia Hoxe onde se fala da situación ligüística do galego á raíz dunha conversa dunha concursante galega nun programa de televisión, quen afirma, entre outras cousas, que o galego só é falado por nacionalistas e por xente maior, principalmente.
Como ben argumenta o secretario xeral de Política lingüística, segundo recolle este xornal, esta conversa amosa moitos dos tópicos sobre o galego que existen na sociedade galega.
O galego, como noso idioma que é, debería ser dunha vez por todas empregado en todos os ámbitos sociais, con isto, moitos dos prexuízos citados anteriormente acabarían por desaparecer.

Tamén se dá conta na mesma noticia dos resultados do último informe Pisa, no que se ve que o uso da lingua galega en moitas materias escolares non prexudicou a competencia lectora nin científica dos alumnos. Isto demostra que a nosa lingua pode ser utilizada sen ningún problema no sistema educativo.

En conclusión, o galego é unha lingua que serve para comunicarnos, ao igual que calquera outra, pero ademais é a nosa lingua polo que non debemos deixar que se perda.

Cristina P. 2ºBACH
e ti que opinas? (0) - Categoría: Novas lingüísticas - Publicado o 22-02-2011 00:33
# Ligazón permanente a este artigo
Ensalada de polbo con tomates secos
Do receitario "Para repañar o prato!" de SOGAMA




CANTIDADES E INGREDIENTES:

• 4 unids. Os rabos do polbo cocido, separados do corpo e abertos pola metade.
• 200 grs. Leituga variada lavada e lista para a
montaxe.
• 1/2 unidade. Cebola cortada o máis fina posible.
• 2 unid. Tomates secos en aceite de oliva.
• c/s Vinagre de Módena.
• c/s Aceite de oliva.
• c/s Sal.
• c/s Sal en escamas.
(c/s cantidade suficiente)




ELABORACIÓN:
Para a vinagreta:
• Picar os tomates secos e emulsionar co aceite de oliva, o vinagre de Módena e o sal.
Para a ensalada:
• Colocar a leituga metida dentro dun aro ou algún elemento que lle dea forma á ensalada.
• Pór unha tixola raiada ou lisa ao lume forte, engadir un pouco de aceite de oliva e botar as dúas metades de cada rabo por persoa a dourar.

PRESENTACIÓN:
• Colocar dúas metades de polbo en cada prato ao lado da ensalada.
Aderezar coa vinagreta de tomates secos e sazonar o polbo co sal en escamas.
e ti que opinas? (1) - Categoría: Da xouba á sardiña: a nosa cociña - Publicado o 16-02-2011 20:35
# Ligazón permanente a este artigo
Queriades ligar con Marta?
Pois ollo, porque lle dá "bajón"...

Se o escoitades todo, xa recibides unhas leccións de sociolingüística.

e ti que opinas? (2) - Categoría: Novas lingüísticas - Publicado o 15-02-2011 10:33
# Ligazón permanente a este artigo
Unha carta de amor do século XIX

Como temos en activo o concurso de cartas de amor, para que vos inspiredes, deixámosvos aquí unha mostra dunha carta escrita EN GALEGO en 1888 por unha labrega chamada Sofía Cordal e destinada ao seu home que estaba nas Américas:

Has saber, meu ben, meu caravel, que neste vrau bimei coa túa misma eixada a viña dos catro moios, a da tarruxeira, non a do balsameiro. Os acios das cepas grandes mismo parecían miniños.

Certo que agora estou unha miguiña mucha, pero ollecerei cando volvas, que non has tardar.
(...)Non che minten, non, os que che contan que ando un chisco desleixada no eido, e abouxada entre a xente: mismo parezo, ás veces, unha ánima, unha estantiga. Inquido cando vou ó comunal por un feixe de frouma e hastra, por veces, dáme a cambra na perna dereita. Pasoume, noutronte, cando fun onha misa pola señora Balbanera, que morreu de repente, sin lle levareno El Señor.

Non sei por qué che falo destes meus atafegos, que ti sabes ben que me han pasar cando ti volvas para tercontares de min, e eu de ti, meu caravel. Seica non faltan moitas lúas, polo que me dis.


Na nosa revista Bico da ría imos poñer un anaquiño máis tirado do libro de Alonso Montero: Cada palabra pesaba, cada palabra medía. Homenaxe a Antón Santamarina
e ti que opinas? (0) - Categoría: Cousas - Publicado o 07-02-2011 23:21
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal
Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.Apoia o Manifesto a prol da convivencia lingüística e a da igualdade de dereitos para o galegojujelEste blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego