O Liceo de Ourense convoca a sétima edición do Premio Literario Carlos Casares na modalidade de microrrelato, para o que o prazo de presentación de orixinais remata o 23 de maio.
Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría cun máximo de tres. Os orixinais terán unha extensión máxima de mil cincocentos caracteres e teñen que presentarse por quintuplicado. Con cada obra, que deberá remitirse baixo lema, adxuntarase en sobre pechado o nome completo, o enderezo e o teléfono da persoa que concorre ao premio, así como o título definitivo da súa obra.
Haberá un único premio dunha contía de 1.500 euros. Se o xurado o considera oportuno podería outorgar un ou varios accésits, fixando para eles unha contía económica. Así mesmo, poderá declarar deserto o premio no caso de que non se presenten obras cun mínimo de calidade. O enderezo no que deberán depositarse ou enviarse os textos orixinais á Secretaría do Liceo de Ourense - Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5 - 32005 Ourense
Para máis información sobre as bases do concurso, podedes entrar na páxina do Liceo
Blogues pola lingua nace impulsado por seis autores de blogues galegos. A súa intención é estender o uso da lingua galega en Internet e convertila no idioma vehicular dos internautas do país. O nacemento deste blogue é un 'novo paso no compromiso do blogomillo co noso idioma'.
A promoción e defensa do galego en Internet e desde Internet. Ese é o principal obxectivo de Blogues pola lingua, para o que pretenden aproveitar as potencialidades da web 2.0, e especialmente dos blogues. Nas súas primeiras vinte e catro horas, adheríronse á plataforma oitenta bitácoras.
A primeira acción do recén constituído Blogues pola lingua foi lanzar o manifesto Na defensa do noso idiomano que rexeitan os ataques que está a recibir o galego. Tamén chaman á cidadanía a participar o vindeiro 18 de maio na manifestación convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística.
A Rede de blogueiras/os en defensa do Galego está considerando novas iniciativas para protexer e promover o uso da lingua en Internet, o que suporía un novo avance no proceso de normalización.
Indignación e impotencia polo prezo do recibo mensual do transporte.
Oito da mañá. Saio da casa como todos os días e diríxome á parada do Pazo para coller o autobús. Pasados tres minutos (nin sequera chega a tres...) xa estou en Rianxiño. Apenas 1 km e medio separa a miña casa do instituto, e non podo evitar pensar o gasto tan parvo que estou ocasionando (máis ben que lle estou ocasionando a meus pais) cada mes.
Cada mes chego á casa cun recibo que, en abril, xa superou os 45 euros. Claro está que as empresas de transporte non cobran por día, o que sería o normal tratándose dun servizo público diario, senón por días laborables que ten cada mes. E, os alumnos/as de Bacharelato que, coma min, fan uso diariamente do transporte público, teñen que pagar tamén polos días que nin sequera fan uso del. Ou sexa, un auténtico desperdicio de cartos!
O goberno quéixase do aumento, nestes últimos anos, do fracaso escolar e, porén, ás persoas que seguimos estudando para conseguir un futuro mellor non se nos presta axuda en cousas coma esta.
Entre os libros, o material escolar, as clases particulares, o autobús e un longo etc..., moitas familias non dan abasto. E, aínda por riba, cando solicitas unha bolsa para conseguir unha axuda económica que cubra estes gastos, sempre sae denegada -coma no meu caso- só porque meus pais traballan os dous aínda que cobrando o salario mínimo.
Penso que o gasto do transporte escolar –imprescindible para moitos/as de nós- debería correr a cargo da Consellería de Educación, posto que moitos de nós, aínda que esteamos cursando unha ensinanza post-obrigatoria, somos menores de idade e dependentes.
Gustaríame que para o vindeiro curso, no que xa estarei en 2º de Bacharelato, ás portas da Universidade, poida ir cada mañá ó instituto preocupada tan só polos meus estudos e non polo recibo que cada mes meus pais teñen que abonar.
A editorial A Sotelo Blanco publicou en xuño de 2007 a edición revisada de Adeus India, adeus, a novela que converteu a Xosé Manuel Villanueva nun dos escritores máis ambiciosos da Literatura galega actual. A reeedición da obra, que Ir Indo publicou no ano 2000 e que lle valeu a Villanueva o Premio da Crítica galega no ano 2001, coincidiu coa aparición da obra en castelan, publicada pola editoria andaluza Berenice.
Adeus India, adeus, ópera prima en lingua galega do autor, é segundo subliñou a crítica especializada "o retrato dunha xeración e o testemuño desencantado das tensións entre as propostas revolucionarias da mocidade e as miserias vitais da madurez". Villanueva realiza esta aproximación ao tema a través da historia dun mozo que deserta do Exército español durante o seu servizo militar e foxe á India pouco antes do intento de golpe de estado de Tejero.
Adeus India, adeus, narra o desencontro que o paso do tempo produciu entre os mozos que compartiron anos de expectativas e ilusións de cambio na España da Transición.
Sinopse
Xosé, Paco, Manuel e Estrela representan nesta historia as ilusións e os desenganos dos mozos que nos anos sesenta e setenta pretenderon cambiar o mundo con propostas e ideas anovadoras. Catro personaxes sobre os que o autor vai tecendo unha acción que é ó mesmo tempo a memoria da súa xeira vital e unha interesante reflexión sobre a perda da xuventude.
O reencontro de dous vellos amigos fai estoupar neles as vivencias do pasado e analizar nunha noite chea de acción as súas realidades presentes, nas que a India, como ámbito mítico na cultura de occidente por moito tempo, xoga un papel determinante. Un reto apaixoante, seductor, cheo de sorpresas. Unha historia difícil, moi ben construída coa que Xosé Manuel Villanueva irrompe no territorio da literatura galega con forza e voz propia.
Á liga do instituto quédalle moi pouco para chegar á súa fin. Soamente queda por xogar, o 14 de maio, a final entre “os de cuncha” e os “arrieros”.
Este ano tamén houbo participación feminina nesta liga. Tivemos 2 equipos totalmente femininos, pero non tiveron moito éxito, xa que quedaron no último e penúltimo posto. A ver se para o ano quedan en mellor posición, porque xa que hai equipo de fútbol aquí preto, poden adestrar para ser as novas “ronaldinhas” do fútbol. Ánimos para elas.
Espero vervos na final dos partidos, que seguro que vai estar moi disputada.
VII Certame Literario de Relato de Aventuras Avilés de Taramancos
O compostelán Mario Franco Rodríguez resultou gañador por segundo ano consecutivo o VII Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos, convocado polo Concello de Noia baixo a organización da revista Casa da Gramática do IES Virxe do Mar. Mario Franco foi galardoado pola súa obra A capela maldita, centrada en lendas galegas como a Santa Compaña.
O xurado que decidiu o premio destacou a calidade das nove obras presentadas, fixo pública a súa decisión nun acto celebrado onte pola mañá na casa de cultura desta localidade. Ao acto asistiu a concelleira de Cultura, Dolores Caramés, que foi quen abriu a plica na que aparecía o nome do gañador do certame. A edil estaba acompañada dos profesores do IES Virxe do Mar e directivos da revista Casa da Gramática Xavier Castro e Concha Sabucedo, así como do escritor Xoán Carlos Domínguez.
O premio está dotado con tres mil euros e cunha escultura do artista noiés Afonso Costa. En edicións anteriores xa o conseguiron Xosé Agrelo, Ramón Carredano (en dúas ocasións), Francisco Vidal, Xerardo Neira e o propio Mario Franco. O xurado estaba integrado polos profesores e escritores Dolores Vilavedra, Antón Riveiro Coello, Xosé Carlos Domínguez Alberte e Xavier Castro Rodríguez
O venres 9 de maio viñeron ó noso I.E.S Félix Muriel, Pinto de Herbón e Luis o Caruncho. Durante o recreo estivemos varias rapazas do equipo de Normalización e Dinamización Lingüistica falando con eles. Nese tempo estiveronnos contando que hai 16 e 13 anos respectivamente que empezaron a facer as regueifas, aínda que de xeito profesional hai algo menos.
Ós dous lles gusta moito o que fan, de feito están moi contentos cos resultados de todas as sesións que fan de regueifeiros. Eles teñen a impresión de que a maioría dos rapaces que os ven que o pasan ben aínda que hai algúns que se aburren...
Sobre a experiencia cos alumnos do noso I.E.S dixeron que foi moi boa xa que construían regueifas moi ben aínda que tiñan moita vergoña e algúns non puideron disfrutar todo o que querían.
Preguntámoslle se os regueifeiros terían futuro e dixéronnos que si, que cada vez que os chamaban para ir máis lonxe, incluso de Ibiza.
Tamén nos dixeron que tiñamos que mellorar algo no noso centro,especialmente a acústica do Salón de Actos.
No tempo que falamos con eles (que foi pouco) foron moi amables connosco, e fixeronnos rir.
Desde o ENDL mandámoslle un saúdo e as grazas por vir aquí para que o alumnado de 1º e 4º E.S.O puidera gozar coa súa arte.
ÁLVAREZ CÁCCAMO FALOUNOS DE SEU PAI
(E nós atendemos con moito interese!)
Grazas ao Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL), o pasado xoves 8 de maio, os alumnos e alumnas de 4º da ESO e de 1º e 2º de Bacharelato do IES Félix Muriel tivemos o honor e o privilexio de asistir á conferencia inaugural das actividades das Letras Galegas, no salón de actos, sobre o homenaxeado deste ano: Xosé María Álvarez Blázquez, a cargo de seu fillo, o tamén poeta Xosé María Álvarez Cáccamo.
Tras unha breve presentación, o convidado comezou a conferencia apoiándose nunhas fotocopias que tiñamos cos poemas de Álvarez Blázquez que fomos analizando todos xuntos coa axuda do seu propio fillo e dunhas diapositivas compostas por fotos e fragmentos de poemas. Coa axuda destas diapositivas, X.M. Álvarez Cáccamo foinos contando un pouco da vida e da personalidade de seu pai.
A través da súa poesía sacamos moitas carácterísticas e datos da vida do novelista, narrador, dramaturgo e, sobretodo, poeta Álvarez Blázquez. Pero seu fillo aínda nos contou un pouco máis del. Soubemos que traballou na revista Cristal, na que colaborou moita xente importante, como Federico García Lorca, co cal se reunía no Café Moderno. Tiña unha biblioteca bastante interesante onde contaba con duascentas carpetas de documentos, algúns valiosos dende o punto de vista cultural. Era un home polifacético, pois dedicóuse a moitas cousas.
Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.