O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Rianxo organiza unha nova actividade formativa destinada ás familias con crianzas de 0 a 6 anos e a persoas coidadoras e docentes, incluída no programa Apego de dinamización lingüística da primeira infancia. Co título Fálame moito, fálame ben vaise desenvolver unha charla-obradoiro na que se falará da estimulación de bebés para a adquisición da linguaxe. O obradoiro será desenvolvido pola psicóloga especialista en familia, Raquel Vello Varela, integrante do equipo Oikos (espazo de emocións, desenvolvemento e saúde). Incluirá diversos temas relacionados coa adquisición da linguaxe e pautas para a súa estimulación: cando e como estimular a fala das crianzas e como falarlles, a estimulación da linguaxe cando conviven dúas linguas, diferencias entre linguaxe falada e signada, fases da adquisición da linguaxe e identificación de atrasos da fala, e diversos recursos como xogos, cancións e materiais.
A actividade é de balde e desenvolverase o vindeiro sábado 2 de decembro, ás 11.00 h, no salón de actos do Auditorio de Rianxo, cunha duración estimada entre 90 e 120 minutos.
Para participar cómpre inscribirse no SNL do Concello de Rianxo (planta baixa do antigo xulgado), a través do correo electrónico normalizacion@concelloderianxo.gal ou nos teléfonos 664188084 ou 981860075, ata o 1 de decembro.
Rianxo, 27 de novembro de 2017