Recentemente, o xornal A Voz de Galicia agasallaba ós seus lectores con DVDs de recoñecidos filmes internacionais. Como lectora decidín facerme coa película O discurso do rei, gañadora de nada máis que catro premios OSCAR, cinco BAFTA, un GOYA e un GLOBO DE OURO. Trátase pois, dun dos mellores filmes dos últimos anos.
Cando me dispoñía a disfrutar dela, apareceu na pantalla do meu televisor o menú de selección de audio. Pensei entón, “castelán, como sempre”, mais decateime que desta vez había unha opción máis; catalán. A pesar de que xa sabía que Cataluña contaba cuns importantes estudios de dobraxe e de que coñecía a situación lingüística do catalán nesta zona, non puiden evitar pensar que é incrible que non exista a posibilidade de escoitar un filme como este na nosa lingua, así como no euskera.
A min, este feito paréceme desolador, xa que todas as linguas minoritarias no territorio español –ou polo menos as que gozan do estado de cooficialidade– deberían contar coas mesmas vantaxes neste ámbito.
En primeiro lugar, ningunha lingua é superior á outra, polo que non se debería primar a unha sobre o resto como se fai actualmente co catalán. Debería darse a opción a todos os falantes de calquera lingua minoritaria no territorio español de poder acceder ó cine na súa propia lingua.
É certo que a dobraxe nestes casos é difícil, xa que non hai nin os estudios necesarios nin os cartos para facer máis. No entanto, considero que non é tan custoso subtitular as películas, algo sinxelo para o que se precisa pouco tempo e practicamente ningún recurso significativo.
Con todo isto, pretendo reivindicar o dereito dos galegos e galegas a poder acceder ó cine en galego tanto cando acudimos ós cines como á hora de mercar un DVD, algo que non entendo como non se pode facer a día de hoxe.
Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.