|
|
|
|
|
|
| O falaxismo gastronómico e as botas de goma. |
|
Supoño que a estas alturas xa todos ouvistes falar da famosa “polémica dos cociñeiros”, esa arroutada que lle deu a Santiago Santamaría, que teima agora en acusar Ferrán Adriá e a os demais representas da “nova cociña” de empregar na elaboración dos seus pratos “produtos químicos, “sintéticos” e “reacción químicas”, co agravante engadido ademais de non empregar produtos “nosos”. Vamos, que ao acusador semella estar baixo o influxo dunha crise de falanxismo tradicionalista gastronómico. Só lle falta ir por aí berrando co brazo alto: “Arriba as Feixoadas!!!”.
Lendo a nova esta semana, a polémica lembroume a un artigo que lin hai anos de Vicente Risco, artigo do que lamento ter que dicir que non achei nin rastro por ningures; gustaríame poder referilo de primeira man, mais non vai poder ser. Explícovolo, polo tanto, con larvosiana paciencia: nel, o señor Risco criticaba de xeito furibundo o emprego por parte dos labregos das botas de goma (situémonos: estamos nas primeiras décadas do século XX), innovación que estaba levando ao desuso ás zocas e as madroñeiras de toda a vida. O miolo da súa crítica radicaba no feito de que, ao seu esotérico ver, as botas de goma, ao contrario que o calzado artesanal taxado en madeira, illaba aos campesiños das “enerxías telúricas” que recibían da terra dende tempos ancestrais. Ao igual que o polémico cociñeiro, o artigo de Risco non fixo senón darme a risa (aínda que en ningún dos dous casos era esa a intención dos protagonistas). Para comezar, aínda me estou preguntando como demos fixo don Vicente para medir o fluxo desas “enerxías telúricas” e determinar con tan absoluta certeza que as botas de goma illaban o que as zocas permitían circular libremente. Disporía dun contador Geiser ao efecto? Ou sería un voltímetro (telurímetro neste caso)? A pregunta supoño que vai quedar irremediablemente sen resposta, pero, por fortuna para eles, e como todos sabedes, os labregos tiveron a ben non lle facer nin o máis mínimo caso (para que logo digan que o sentido común é o menos común de tódolos sentidos); as zocas, ademais das telúricas filtracións, absorbían e empozaban a auga decote, sendo así un fervedoiro de fungos que inzaban os xa maltreitos pes do campesiñado, e, ademais, o permanente estado de humidade ao que os sometían remataba sempre por provocar dolorosísimas artroses e reumas nos osos dos dedos (e non vou entrar nas unllas retortas cravándose na carne para que non me chamedes sensacionalista). Pero claro, para don Vicentiño era moi sinxelo falar. El, seguramente, xamais na súa vida tivo que ir traballar cos pes metidos nun deses trebellos artesanais. Si, Risco, si, as zocas están moi ben. Non cho nego. Están moi ben.... nos museos tradicionais.
A relación entre o artigo de Risco e a polémica do cociñeiro está, obviamente, en que ambos comparten esa mesma e ridícula fobia á tecnoloxía. Non se trata, por suposto, de algo privativo dos cociñeiros. Non hai moito, dous ilustres escritores como Sánchez Dragó e Javier Marías, coincidiron tamén en diferentes entrevistas en afirmar con bastante fachenda, que, por repudiaren a tecnoloxía, negábanse a escribir a ordenador e seguían a facelo a máquina. Entenrecedor, verdade? Non dan gañas de regalarlles a Chochona, o Perrito Piloto, e un par de Gallifantes? A pena é que ninguén lles teña explicado a estes dous cabaleiros cruzados contra o cable eléctrico que, postos a repudiar a tecnoloxía, deberían escribir co dedo, como facían os nosos devanceiros das cavernas, pois, en realidade, a máquina de escribir é tan “tecnolóxica” como poida ser un ordenador, so que nese caso trátase dunha tecnoloxía xa obsoleta e en proceso de ser substituída. Pero, se me apuras, até a pluma estilográfica e o papel son tecnoloxía. Vamos, home, que a estas alturas do século XXI, se renuncias á tecnoloxía non podes nin sonar os mocos tranquilo.
Ao cociñeiro falanxista-tradicionalista gastronómico, que xa se gañou un cantos adeptos pola súa arroutada, acontécelle tres cuartos do mesmo. A ver, señor Santamaría, cal é a comida que non se basea en “reaccións químicas”, “produtos sintéticos”, e produtos que non son “nosos”? Para dar resposta á pregunta, imos analizar un exemplo cotiá: as pataquiñas fritidas.
- Fritir. Fritir é, a menos que baixe Einstein a explicarnos o contrario, é un proceso químico e físico que se induce mediante a transmisión de calor ao alimento vía inmersión nun fluído oleoso en ebulición, neste caso, xeralmente, aceite de xirasol. O que nos leva, efectivamente, ao:
- Aceite de xirasol. A menos que baixe madam Curie a me contradicir, o aceite de xirasol é un produto que sintetizan as flores do xirasol nas súas sementes. Sintético? Claro que é sintético. Que fai a natureza senón precisamente sintetizar? Non se basea toda a vida vexetal (e, de xeito indirecto, tamén a animal) na fotoSÍNTESE?
E agora imos co protagonista do prato:
- Patacas. Si, amigo, xa sei que estamos moi acostumados a velas, pero, que eu saiba (e diga o que diga Arguiñano), sonche traídas de América. Ou sexa que, nosas, o que se di nosas, non o son máis do que o poidan ser os cocoteiros ou os kiwis. E se alguén nos explica que a dieta galega, antes da pataca, se baseaba na castaña, non fai senón retroceder na “importación”: os castiñeiros foron traídos até a Gallaecia polos romanos. Vamos, que cada vez que nos botamos algo ao buche, por tradicional que sexa, podemos estar seguros que de que, en maior ou menor medida, estamos a sufrir unha “inxerencia estranxeira”. E que ricas están, neste caso, as inxerencias fritidas. Con chourizos sobre todo.
Así que, en base a todo o relatado, o incompetente autor de “Eu xamais terei un blog” outórgalle ao ilustre cociñeiro Santiago Santamaría o Premio Bota de Goma 2008.
Pode pasar a recoller o premio na sede central do Larvosbullding cando lle pete.
|
|
|
|
|
| Quen me ía dicir a min que ía acabar por gustarme Rajoy!!! |
|
Contra todo pronóstico, e sen que sirva de precedente, teño que dicir que agora até me cae ben Rajoy. Non, non é que me volvese tolo, habendo o que hai no PP, estou seguro de que o que o substitúa (se non aguanta o tirón, que é, creo eu, o máis probábel) o vai facer bo. Imaxinádesvos que gaña esta impía batalla pola sucesión esa sección da dereita española que lle segue os pasos aos “neo-cons” (máis ben son “teo-cons”) ianquis? Imaxinádesvos que intentan implantar no noso ensino chorradas tan absolutamente ridículas como a “Teoría do Deseño Intelixente”, esa sorte de ciencias naturais con cataquese incorporada? Imaxinades que o noso futuro sea pelexar contra a oficialización no século XXI de teorías que non poderían provocar máis que risa en calquera mente ilustrada do século XIX?
A que, así pensado, xa non resulta o pontevedrés tan alerxénico?
Debe ser a avantaxa de rodearse de pasmóns. Que sinxelo resulta parecer bo á súa beira!!! |
|
|
|
|
| Non ten certa graza que.... |
|
| ... despois de tanto agoirar que "España se rompe", o que se estea a romper sexa precisamente o PP??? |
|
|
|
|
| De mal en peor. |
|
 Quizais sexa que che son algo fetichista (pssss, por favor, non llo contedes a ninguén), pero o certo é que me atraen, sexualmente, as noivas cos seus vestidos brancos, as viúvas cos seus veos translucidos, os traxes de cortesana con todos eses voos, e, en xeral, tódolos recargados adornos florais dese pao. É algo que, confeso, se roza o puníbel: o último antroido fun convidado a unha festa na que unha garota ía disfrazada de SiSi Emperatriz (ou como carallo se escriba iso) e botei toda a noite ollándoa de esguello e levando de cando vez algunha que outra pancada por indiscreto. Pero non o podo evitar; nada máis mirar un deses atuendos a miña testa vese asaltada pola imaxe de tangas, medias de rede, braguiñas de encaixe e pubes cobizosamente abeirados baixo tan lucidas vestimentas. Que lle imos facer. Como di a canción de Siniestro Total: “Cada uno es como dios lo hizo, y otros somos aún peor”.
E, agora que vos puxen en antecedentes, supoño que podedes entender por que, ao ver a fotografía adxunta, sentín de súpeto como o esófago se me retorcía, o páncreas rubía polos pulmóns e se puña a facer puenting dende as amígdalas, o fígado me pedía a baixa por estrés laboral, mentres que sentía, ao mesmo tempo, gañas de rañar coa mesma man a testa e os nocellos.
Haberá aquí lugar a unha reclamación por danos e perxuízos??? |
|
|
|
|
| Cousas que se escoitan por aí... |
|
- E ti que? Acaso non che parece unha desghracia que volvese perder Rajoy?
- Tanto me ten. Eu non son nin do PSOE, nin do PP. Eu son do Real Madrid.
Diálogo verídico (xúroo) nunha tasca d'O Porriño.
Dicídeme, por favor, que non hai moitos así. |
|
|
|
|
| Eses diálogos laborais. |
|
- Y venga –díxome no seu impecábel castelán vigués-, ahora que ya vas empalmado, pasemos al siguiente proyecto, que ya debería, por cierto, estar entregado.
Silencio sepulcral na sala. Miradas de complicade cos compañeiros. Sorrisos contidos ao noso redor. Pensamentos de “tanto se me notará?” vagando pola miña testa.
- Espero –engadiu- que me hayas entendido bien en lo de…
- Perfectamente, Cristina. Os proxectos sempre teñen que estar listos para onte.
En fin, éche a miña nova xefa. O seu xeito de traballar resulta bastante estresante, pero a cambio dáche estas alegrías de cando en vez.
Será isto o que os psicólogos definen como “a erótica do poder”?
|
|
|
|
|
| Análises hilarantes... ou non? |
|
Hoxe tiven que ir facer uns análises de sangue. Malia o sacrificio que implica ter que facer xaxún (ter que privarme do cafeciño e primeiro pito do día fai que dea unha preguiza horríbel saír do sobre), erguinme envolto nunha desas veas de xovialidade que, de cando en cando, me dan. Así entrei na consulta e, en canto me arremanguei e me deitei na camilla, preguntoume a enfermeira:
- Mareouse algunha vez nestas circunstancias?
- Non –respondín-. Pero supoño que nunca é tarde para comezar. Vostede, por se acaso, teña a ambulancia lista.
Olloume estrañada e, tras un segundo de dúbida, seguiu coa rolda de preguntas.
- Aconséllolle que, se sente aversión cara as agullas, non mire mentres preparo o material.
- De acordo. Aínda que, a verdade, téñolle máis aversión ao meu xefe e non me queda máis remedio que velo a diario.
Outra vez volveume a ollar estrañada. Tiña cara de reproche. Era como se me dixese cos ollos: “Hoxe toucoume un simpático, mira ti”.
- De feito, encántame as agullas –insistín, por se así derrubaba a súa seriedade-. Tirar sangue e facer empastes e endodoncias son algunhas das máis experiencias máis gratas da vida moderna.
Outra vez non lle fixo nin puñeteira graza. Olloume agora xa con cara de can e, sen máis, procedeu –supoño- segundo indica o regramento ditado pola autoridade competente.
Todo isto aconteceu esta mañá. E, dende entón, non podo deixar de facerme a mesma pregunta: a xente xa non ten humor, ou son eu que perdo calidades?
|
|
|
|
|
| Trastornos blogueiros. |
|
 Creo que acabo de descubrir, en min mesmo, unha nova doenza: o síndrome da desatención blogueira. Non estou ao tanto das novidades dunha materia tan ardua como a psicoloxía (con tódalas súas variantes, escolas, sindicatos e mesías), pero coido que a medicina moderna non a ten (de momento) catalogada.
O mal ao que me refiro, sendo breve, padecémolo (quizais fose mellor usar a primeira persoa do singular) aqueles que abrimos un blog e logo, por diferentes razóns, non o atendemos como é debido. Os desacougantes síntomas da doenza maniféstanse mediante unha serie de forúnculos na alma que che lembran decote o pouco caso que lle estás facer á bitácora, a de tempo que levas sen actualizar, a de oportunidades que deixas pasar en balde para escribir un interesantísimo artigo sobre a contaminación por uranio empobrecido nas patacas novas da comarca de Vigo. En fin, que o noso xeito de ter un blog é realmente especial. De feito, é o xeito máis parecido que hai a directamente non telo.
Pero, aínda así (e aquí esta o grave e o patolóxico) algo nos di que temos que perseverar na nosa potencialidade blogueira.
- Algún día –bérrome a min mesmo-, eu terei cousas que contar. O día menos pensado vou arrasar na rede e converterme nunha vedette dixital (con menos plumas, e moitas máis dioctrías). A deus poño por testemuña que nunca xamais volverei a sufrir o síndrome da desatención blogueira. Antes muerto que sencillo!!!
Así que, presto a pórlle solución ao tema, saio a rúa a, como dicían os novelistas do século XIX, “recabar impresións” e os ollos abertos como esquío da fotografía...
...pero nada: a min, a rúa, impresionar, o que se di impresionar, impresióname moitísimo. Pero sempre me deixa sen gañas nin humor nin folgos para escribir un post. Post que, aínda por riba, de cando en cando en vez de post rematan por ser antipost.
Non sei por qué, pero creo que me sinto dun xeito semellante a como se sentía a miña nai cando, de cativo, non lle quería a comida.
Ti pensas que isto terá remedio??? |
|
|
|
|
| Crónica doutro post que xamais escribirei. |
|

Seica está a facerse un certame nas Filipinas co nome “Misses polo futuro da terra” e, en canto souben da noticia a través do xornal 20 minutos, dado que a miña inspiración decidiu largarse con outro para deixarme triste e esquecido, díxenme: “pero que carallada é esta!? Aquí teño un post estupendo: canta parvada se organiza no mundo!!!”.
A continuación, por aquilo de documentarme a fondo sobre o tema e lucir as miñas (inexistentes) dotes blogueiras, leo con detemento sobre o evento. Descubro así que, efectivamente, é o que me imaxinaba: un concurso de belezas sensibilizadas co medio ambiente (guapas e intelixentes, que se adoita dicir), e que, como poderá concluír calquera que teña dous dedos de fronte, non é máis que a enésima parvada camuflada de boas intencións.
E volvín a repetirmo: Aquí hai un post. Hai un post como unha casa. Un post digno de Saramago.
Acto seguido procedo a botarlle unha ollada ás galerías de fotografías que publica o xornal en cuestión...
Adeus.
Como exclamaba de pequeno para os meus adentros despois de armar algún estropicio por fervellar onde non debía: “eu por que non estaría quieto!?”.
Non hai post.
Cagueina.
Teño que confesalo: Efectivamente, agora teño menos gañas de que rebente o mundo.
PD: por que son tan débil, señor???
|
|
|
|
|
| Que conste... |
|
 Non se me ocorre nada, non acho tempo para actualizar. Pero quero que saibades cando menos unha cousa: EU NON SON O AUTOR INTELECTUAL DESTE BLOG. |
|
|
|
|
|
|
|
|
|