Club de lectura Nós tamén navegar IES Lagoa de Antela


ler sen cancelas

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

FIN DE SÉCULO EN PALESTINA: UN LIBROO PARA A REFLEXIÓN

Fin de século en Palestina,
Miguel Anxo Murado,
Editorial Galaxia

Miguel Anxo Murado viviu varios anos no mesmo epicentro do conflito palestino-israelí, primeiro como cooperante das Nacións Unidas e logo como correspondente xornalístico. Este libro é produto das súas vivencias en Xerusalén e nos territorios ocupados de Gaza e Cisxordania e van acompañadas de interesantes reflexións sobre a orixe da intifada e os odios seculares que enfrontan a palestinos e israelís e que non parecen ter fin.

“Xerusalén é, en definitiva, o lugar da fin do mundo, onde as tres relixións monoteístas cren que terá lugar o Xuízo Final. ¿Non estaban acaso os xudeus ricos de medio mundo mercando a prezo de ouro un espazo no cemiterio do Monte das Oliveiras para seren os primeiros cando chegase ese día? ¿Non vivía eu mesmo no val onde os musulmáns crían que había sentar Mahoma para xulgar os fieis unha vez que se consumise o tempo? ¿Non crían millóns de cristiáns que ese día final Xesús Cristo estaría sentado un puco máis alá, entre as frescas oliveiras do Hospital Augusta Victoria? ¿Quen podía no fondo reprocharlle nada a unha cidade que tiña unha historia que era pura loucura e que vivía na loucura?”


“Era ben certo, Palestina é un país de nenos. Máis da metade da súa poboación son nenos e esta era, en gran medida, unha revolta dos adolescentes. A icona, a imaxe de todo isto, non tardou en facer acto de aparición. Ese domingo, un cámara da televisión francesa captou unhas imaxes que deron a volta ao mundo: en Gaza, un neno palestino chamado Mohamed al-Durah morría cribado a balazos a carón do seu pai, quen tamén recibiu doce impactos mentres levantaba os brazos unha e outra vez para pedir axuda. Ían do norte ao sur da Franxa para mercaren un coche de segunda man, e víranse sorprendidos por un tiroteo no temible cruce de Netzarim, un campo de batalla arredor dun asentamento no que se intercambiaban pedras e disparos con tanta regularidade que o lugar se enchera de vendedores de limoada e xeados.”


“Estabamos ceando alí cando unha repentina ansiedade transmitiuse como unha descarga eléctrica naquel local cheo de xente. Empezaron a soar teléfonos móbiles e algúns clientes saíron ás présas do restaurante, berrando. Nin sequera preguntamos que pasara. non podía ser outra cousa que un atentado en Xerusalén. pero non. non era un, eran tres: tres rapaces voáranse a poucos metros un do outro no peonil de Ben Yehuda. Mais ao pasar por aí máis tarde, camiño da casa, non vin apenas nada que saíse do normal, tan só máis policía na zona. Así é en Xerusalén: retírase axiña da rúa a iconografía do atentado para evitar que a poboación se desanime, e tamén como unha estraña forma de desprezo. Un home que varría cristais diante dun comercio era o único que delataba que esa noite morreran alí dezaseis persoas.”

“Nestes días, os prisioneiros eran tan numerosos en toda Cisxordania que o exército empezou a pintarlles números nos antebrazos. Cando se soubo, estoupou un escándalo no parlamento israelí. Un deputado, antigo supervivente dos campos de exterminio nazis, pedía explicacións desde a tribuna, louco de ira. Pero a explicación era evidente. “Son demasiados”, dicía un militar nas noticias, “¿Qué queren que fagamos? Os nazis facíano porque é un sistema que funciona ben. Non o copiamos deles, é que así é como se fan estas cousas...”
Era así como se facían esas cousas...”


Comentarios (0) - Categoría: PARA LER - Publicado o 19-09-2008 19:03
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal