Club de lectura Nós tamén navegar IES Lagoa de Antela


ler sen cancelas

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

VISITA A CELANOVA

O luns 17 de xuño os clubs de lectura do IES Lagoa de Antela e IES San Mamede xuntámonos en Celanova, vila cun extraordinario patrimonio cultural e berce de escritores tan senlleiros como Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro e Xosé Luís Méndez Ferrín, para empaparnos de historia e poesía.

A primeira visita foi ao IES Celanova, onde o equipo da biblioteca, con Isidora á fronte, nos recibiu con amabilidade e agasallounos con varias pezas musicais e un emotivo recital no cal participaron alumnas e alumnos dos tres institutos. Os versos de Celso Emilio Ferreiro, Curros Enríquez e Rosalía de Castro inxectaron maxia no ambiente e arrancaron sonoros aplausos. Logo, deambulamos polos diferentes recunchos da biblioteca e curioseamos os libros que descansaban nas mesas e andeis dese “marco incomparable” que forma parte do mosteiro beneditino de Celanova. Máis tarde, visitamos o claustro dos poleiros e o salón de actos, antigo refectorio, onde as nosas anfitrioas exerceron de magníficas guías e leron algunhas normas curiosas que rexían o comportamento dos monxes durante a súa estancia no mosteiro.

A continuación, coa guía da oficina de turismo visitamos outros espazos do mosteiro: o claustro barroco, cheo de gárgolas, medallóns e inscricións; a igrexa, unha obra de arte de varios estilos onde quedamos abraiados cos coros, os libros, os retablos, o órgano e as portas; e a preciosa capela de San Miguel, de estilo mozárabe.

Despois do xantar, realizamos unha visita guiada moi interesante á casa de Curros Enríquez e asistimos a unha proxección sobre “Nouturnio”, un dos seus poemas.

Para rematar, subimos ao campanario da igrexa por unha escaleira en espiral non apta para os que padecen vertixe, como puidemos comprobar.

Damos as grazas a Isidora e os membros do equipo da biblioteca do IES Celanova que nos acolleron con tanto agarimo nestas datas tan cargadas de traballo.





Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 23-06-2013 13:57
# Ligazón permanente a este artigo
6ª TERTULIA DE PROFES

Celebramos a última reunión do club de profes na Corte dos Bois, en Sandiás.

Durante o xantar falamos do libro libro La vuelta al mundo de un forro polar rojo que deu pé a debater sobre o fenómeno da globalización, a deslocalización das empresas, a industria téxtil, o consumismo e o imparable proceso de mercantilización da sociedade. Lembramos, como non podía ser doutra maneira,o derrubamento do edificio de Bangladesh onde morreron máis de 1000 persoas que traballaban para firmas de renome nunhas condicións laborais precarias.

Logo do xantar visitamos a Torre do Castro dende onde hai unha impresionante perspectiva sobre a bisbarra limiá. A Torre do Castro foi construída con fins defensivos entre os séculos XII e XIII e, xunto coa Torre da Pena e a Torre da Forxa, forman parte do patrimonio cultural d’A Limia.



Comentarios (1) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 23-06-2013 13:44
# Ligazón permanente a este artigo
POETIZÁMONOS

Unha actividade sinxela e atractiva para iniciarse na creación poética é construír versos a partir dun Gústame, Lémbrome, Non me gusta, Teño medo. Os versos creados polo alumnado de 3º de ESO recóllense aquí, xunto con algúns acrósticos elaborados co seu nome.






Comentarios (0) - Categoría: POETIZÁMONOS - Publicado o 12-06-2013 09:32
# Ligazón permanente a este artigo
O CLUB DE PROFES LE LA VUELTA AL MUNDO DE UN FORRO POLAR ROJO

O libro que nos vai convocar na última reunión do club será La vuelta al mundo de un forro polar rojo, de Wolfgang Korn e con ilustracións de Birgit Jansen.
Wolfgang Korn describe o itinerario dun chaleco de forro polar vermello dende Dubai, onde se extrae o petróleo con que é fabricado, ata que acaba no lixo en Tenerife, onde chega abrigando un senegalés que viaxa en caiuco a Europa á procura dun futuro mellor.
Un libro para reflexionar sobre a orixe da roupa que vestimos, a maior parte dela fabricada en países do leste asiático como Bangladesh, con persoas traballando por salarios ínfimos en condicións laborais precarias e en edificios insalubres como o que non hai moito foi noticia nos medios de comunicación.

Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 02-06-2013 21:09
# Ligazón permanente a este artigo
6ª TERTULIA DE PROFES

Celebramos a 6ª tertulia de profes de novo na Taberna de Acevedo, en Xunqueira de Ambía, para delicia dos nosos padais.
O libro que suscitou máis debate foi Mi hermana vive sobre la repisa de la chimenea, de Annabel Pitcher, cuxa lectura agradou a case todos os membros do club. Falamos sobre como viven os diferentes membros dunha familia a perda dun deles, como esa perda causada polo horror destrúe a harmonía familiar e altera o comportamento das persoas, e falamos do sentimento de abandono que sente o neno narrador, que desexa unha estabilidade familiar imposible de recuperar e que só cando experimenta en propia carne a dor da perda comeza a comprender a dor dos demais.


Despois da sobremesa realizamos unha visita guiada polo entorno de Santa Mariña de Augas Santas, un espazo máxico que nos retrotrae a unha época pasada. Petroglifos, inscricións latinas, unha construción prerromana cristianizada (Os fornos de Santa Mariña), un castro, un guerreiro, lendas, unha paisaxe natural única que foi hábitat de xentes antigas e que merece a pena visitar.

Agradecer ao guía as súas interesantes explicacións que serviron para ampliar o noso coñecemento da cultura do país.


Máis información do proxecto de recuperación do castro e no cal participa o noso compañeiro Manuel Grande na súa páxina web.




Comentarios (1) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 02-06-2013 20:47
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal