
Celebramos una nova xuntanza literario-gastronómica. Os libros que se leron e comentaron foron El profesor, de Frank Mccourt e O bosque dos raposos aforcados, de Arto Paasilinna. Entre o humor da novela do escritor finés e o tema da docencia que trata dende un punto de vista autobiográfico o escritor irlandés pasamos a xornada. As maneiras de ensinar, o sistema educativo, as relacións entre os diferentes membros da comunidade educativa etc foron algúns dos aspectos máis controvertidos da sesión. |

O pasado mesde abril acudimos á 2ª tertulia que organiza cada ano a Concellaría de Educación do municipio de Ourense. O debate foi intenso e controvertido pois expresáronse opinións moi diverxentes.
A novela Matarte lentamente, do escritor e guionista ourensán Diego Ameixeiras, provocou moita discusión entre o público en relación a algúns temas: sexualidade, moral, delincuencia, consumo de drogas, aborto?
Logo da tertulia, asistimos a un encontro co autor, compartindo espazo cos integrantes doutros clubs. O escritor falou do oficio de escribir e de como vai madurando unha historia na súa cabeza e no papel; tamén respondeu as preguntas que lle formularon. Finalmente, Diego Ameixeiras asinou con infinita paciencia todos os libros de mozas e mozos presentes.
Matarte lentamente é unha novela negra-social que narra a derrota duns personaxes que viven á deriva, nunha realidade opresiva. As circunstancias, a falta de comunicación, os conflitos persoais colócaos en situacións tan límite que acaban tomando decisións desesperadas, á marxe da lei. As historias, fragmentadas, conforman a radiografía dunha sociedade en crise, onde a ausencia de valores non deixa lugar para a esperanza.
Parabéns para o escritor Diego Ameixeiras, que acaba de gañar o premio Antón Losada Diéguez. |