O club de profes le Mi hermana vive sobre la repisa de la chimenea, de Annabel Pitcher, e Cartas de amor, de Fran Alonso. Mi hermana vive sobre la repisa de la chimenea trata sobre a perda e a dor. Unha familia londinense que perde un membro da familia nun atentado e iso vai desencadear conflitos que ameazarán as relacións familiares. Jamie, o irmán da vítima, conta en 1ª persoa, dende a súa perspectiva infantil, as consecuencias dese drama. Un libro cheo de humor e tenrura que non nos deixará indiferentes.
O libro de Fran Alonso, que nos visitou o curso pasado, reúne un conxunto de cartas de amor nada convencionais onde se verten historias dramáticas das mulleres que escriben. A pobreza, a guerra, a inmigración e a prostitución son algúns dos temas destes relatos.
Tamén veremos Una botella en el mar de Gaza, de Thierry Binisti, que trata sobre a relación epistolar que manteñen un mozo palestino e unha moza xudía nun contexto marcado polo conflito entre os dous pobos enfrontados.
Os membros do club de profes acudimos a unha nova cita coa literatura, o cine e a gastronomía.
O debate sobre o libro Exogamia0.3, de Ramón Caride Ogando, xirou en torno a temas derivados do progreso tecnolóxico e científico: a submisión por parte de moitos consumidores á publicidade tecnolóxica; a falta de ética das empresas que, movidas pola obtención de beneficios, enchen o mercado de produtos con data de caducidade (obsolescencia programada), os conflitos xerados pola explotación dos recursos naturais, que vulneran os dereitos das persoas; a falta de ética dos poderosos, que antepoñen os seus intereses, moitas veces meros caprichos, aos dereitos dos animais e das persoas máis desfavorecidas; a indecencia dun sistema económico que divide as persoas en distintas categorías; a agresión á natureza e os animais que, nalgúns casos, se volve en contra dun ser humano irresponsable?
1984, de George Orwell, tamén foi obxecto de debate, e os conceptos de dobrepensar, neolingua, nonpersoa e crimental relacionáronse coa realidade e os gobernos actuais. Unha novela que se escribiu para denunciar os estados totalitarios está a converterse nunha alegoría do comportamento dalgúns estados democráticos. Respéctase a privacidade das persoas? Respéctase ou falséase a realidade? Respéctase ou pervértese a linguaxe? Respéctase ou criminalízase o pracer sexual? Respéctase ou recórtase a liberdade de expresión? Respéctase a disidencia e a crítica do sistema ou condénase?...
Tamén se debateu sobre a película La faute à Fidel, de Julie Gavras. Falouse do compromiso político, das contradicións do ser humano canto ao discurso ideolóxico e a súa materialización; falouse da evolución e maduración dos personaxes, das relacións familiares; discutiuse sobre adoutrinamento e educación e outras cuestións derivadas das actitudes e relacións humanas.
Unha sesión moi interesante e, mentres falabamos, devoramos unha paella exquisita, digna dos mellores padais.
Francisco Castro visitou o instituto para dar dúas charlas, unha ao alumnado de 1º de ESO e outra ao alumnado de 2º de ESO.
Unha alumna de 1º ESO redactou esta crónica.
ENCONTRO CON FRANCISCO CASTRO
O escritor galego Francisco Castro visitounos o pasado venres, vinte e seis de abril. Foi presentado por Nayara Conde e Iago Farto. Francisco contounos que el só escribe cando a súa familia está durmindo ou está só na casa. Grazas a el puidemos aclarar algunhas dúbidas, como cando empezou a escribir, pois díxonos que escribira o seu primeiro libro aos nove anos. Preguntámoslle por que na historia de Chamádeme Simbad o avó ten alzhéimer e non outra enfermidade e el explicounos que a súa nai tiña a mesma doenza e que escribiu esa historia para que nos désemos conta de que algún dos nosos pais pode chegar a tela e para que os coidásemos, porque esta enfermidade non se pode curar. Tamén nos dixo que el e Fina Casalderrey escribiran O neno can para que nos decataramos do afortunados que somos polas cousas que temos. A experiencia foi moi divertida. Ao final, Francisco asinou os nosos libros.