Club de lectura Nós tamén navegar IES Lagoa de Antela


ler sen cancelas

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ENTREVISTA A AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

ENTREVISTA A AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Con motivo dun traballo para a materia de literatura alumnas de 4º da ESO entrevistaron a Agustín Fernández Paz, autor de libros de éxito como Corredores de sombra, Rapazas e O único que queda é o amor, libro este co que conseguiu o Premio Nacional de Literatura o ano pasado. Mirian, Úrsula, Uxía e Isabel elaboraron unha batería de preguntas que o escritor contestou amablemente.

1. Como comezou a súa traxectoria como escritor?

R. Pois o certo é que comecei tarde, un pouco por casualidade. Comecei escribindo contos para utilizar nas miñas clases, logo pasei a facelos para incluílos en materiais didácticos (os meus primeiros relatos apareceron como lecturas da serie O Noso Galego, que faciamos os do colectivo Avantar) e, finalmente, comecei a publicar dun xeito autónomo. Cadrou que dous dos meus primeiros libros levaron premios de importancia; iso fíxome descubrir que os meus libros eran ben recibidos e que tiñan lectores, e iso animoume a seguir escribindo. E ata hoxe.



Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 29-05-2009 13:51
# Ligazón permanente a este artigo
SEMANA DAS LETRAS GALEGAS
Alumnado de 1º, 3º, 4º de ESO e 1º de BAC realizaron lecturas dramáticas de varios poemas de Xohana Torres (“Penélope”), Celso Emilio Ferreiro (“Inverno” e “Deitado fronte ao mar” e Chus Pato, poeta de raíces limiás (versos de A ponte das Poldras). Tamén leron varios textos de Made in Galiza de Séchu Sende: “Falar”, “Estou contigo” e “Ás veces sinto que no meu país faltan palabras”. Co gallo do decimoquinto aniversario da publicación d’A esmorga e decimoterceiro do pasamento do escritor ourensán Eduardo Blanco-Amor, tamén dramatizaron varias escenas da adaptación teatral d’A esmorga realizada pola dramaturga Begoña Muñoz Saá e Carlos Couceiro.
Agradecementos e felicitacións a: Mª José (profesora de Lingua Castelá), Raquel Trigo, Mayte, Raquel Vázquez, Néstor, Pablo, Cándido, Úrsula, Uxía, Isabel, Mirian, Miguel, Anxo, Xosé, Cristian e dúas rapazas de 1º de ESO das que non sei o nome (desculpas).
Dedicámoslle estas lecturas á nosa querida compañeira Ana Escudero, a alma da biblioteca que está a recuperarse dunha operación ósea. Bicos e apertas, Ana.


As miñas devanceiras
mulleres domésticas, todas, precedidas polos bois
as que contratan a producción das operarias
as que ceiban esposos cegos alén dos mares

logo dirán AntaAntelaArcaArquiñaMedorra cousa

cando a todos nos desecaron a memoria

pendurados, eles, os oráculos, con pinzas de roupa de plástico translúcido de cores
das pólas das árbores
que me arrolan
que me arrolan

escrita
(cando a fala era creación)
creación das avoas

das trinta xeracións de nais que me precederon e falaron en galego
das trinta ou mais xeracións de nais que me precederon e falaron nunha lingua
extinta da que conservo ecos na memoria
e daquelasoutras, sen nome, erguendo a fala entre os seus cabelos
Antas
Avós de meu-Nosas
contrarquitectas Túmulos grandes laxes da Vida, da Morte
No Idioma

Ao igual que todas as mulleres que me precederon e encetaron o seu canto
nas vendimias ou nas segas, nas luminiscencias e cegadoras senras-como cobra saltarina
como cobra-eu, a primeira entre todas elas que non sei cavar, nin segar, nin vendimar,
quixera comunicar lingua, creación, praxe linguística: ESCRITA

Chus Pato




Comentarios (0) - Categoría: DATAS E ACCIÓNS PARA LEMBRAR - Publicado o 25-05-2009 10:02
# Ligazón permanente a este artigo
BIBLIOTECA DIXITAL MUNDIAL
"Roubámoslle" ao blog do CPI A Picota esta nova de interese para lectores ávidos, investigadores, persoas curiosas e movidas polo interese de coñecer. O noso compañeiro Manuel Grande xa nons achegara o enlace hai tempo.

Biblioteca Dixital Mundial

Desde o pasado 21 de Abril e, a través da dirección que abaixo adxunto, pódese entrar á Biblioteca Dixital Mundial, unha iniciativa da Unesco que ofrece acceso a libros, gravados, pergamiños e un longo etc. de obras custodiadas en bibliotecas de todo o mundo.




www.wdl.org/es
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 24-05-2009 20:46
# Ligazón permanente a este artigo
INAUGURACIÓN DA BIBLIOTECA DO IES ALLARIZ

O venres 15 de maio asistimos á inauguración da biblioteca do IES Allariz, reformada con criterio segundo as orientacións de Bibliotecas Escolares. O espazo é moi acolledor e está moi ben distribuído. Parabéns, María.

O momento máis emotivo da sesión foron as palabras que María, a responsable da biblioteca, lle dedicou á nosa querida Ana Escudero pola súa axuda desinteresada no desenvolvemento do proxecto. Agradeceulle a xenerosidade manifestada en todos os momentos e dixo, que fermosas palabras!, que con Ana aprendera o significado da palabra compartir. Ana, se estiveses alí seguro que che caería algunha bágoa.

María colleu o temón e embarcouse no proxecto con valentía pero encontrou o apoio dos compañeiros e compañeiras, da dirección, das institucións municipais e dun alumnado activo que contribuíron a que o soño se convertese en realidade. Así dá gusto.
Comentarios (3) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 16-05-2009 12:14
# Ligazón permanente a este artigo
A PRAIA DOS AFOGADOS, DE DOMINGO VILLAR

A praia dos afogados, de Domingo Villar
De novo o inspector Leo Caldas en acción, resolvendo casos difíciles, como en Ollos de auga. Diálogos áxiles e intrigas enredadas en labirintos delitivos e ambientes mariñeiros.

“-Traballo? –interesouse o pai.
-O meu axudante –confirmou Leo Caldas, separándose uns metros e buscando o tabaco no peto antes de contestar.
-Como foi todo? –preguntou, sostendo un cigarro entre os dentes ao que lle achegou a chama do acendedor.
-Aínda estou no porto este.
-Co afogado?
-Parece que o axudaron a afogar.
-E logo?
-Ten as mans atadas.
Con certa frecuencia, os suicidas que se lanzaban á auga ataban as mans ou os pés para ter a seguridade de que se cumpriría o seu propósito.
-Puido facelo el mesmo –apuntou Leo Caldas.
-Non, inspector. Non me pregunte por que, pero o forense cre que ese home nin se suicidou nin morreu pescando troitas.
-Troitas no mar hai poucas –dixo Caldas lacónico.
-Vostede xa me entende.”


Comentarios (1) - Categoría: PARA LER - Publicado o 15-05-2009 18:43
# Ligazón permanente a este artigo
ELENA PONIATOWSKA

Elena Poniatowska, escritora mexicana, foi elixida pola Asociación de Escritores de Lingua Galega como Galega Universal. Destacamosda súa produción literaria: El tren pasa primero, Las siete cabritas e Luz y luna, las lunitas. A súa obra fala de persoas que traballan en espazos subterráneos, que viven vidas que non "merecen" figurar nos libros de historia: indíxenas, vendedores ambulantes, traballadoras domésticas, obreiros do ferrocarril... Vidas anónimas que son rescatadas do anonimato.

Manuel Rivas escribiu un artigo, "Da vergoña allea ao orgullo universal", no cal falabba, entre outras "cousas", desta escritora. Extraemos estas palabras:


Leo un retrato literario de Szymborska feito por Elena Poniatowska e prendo nese principio luminoso do Non Sei. Anoto nese texto fértil dous detalles históricos que me chamaron a atención. Houbo soldados polacos que cargaron montados de a cabalo contra os tanques alemáns. Despois da guerra, o primeiro estabelecemento que abriu as súas portas en Varsovia foi unha tenda de flores. Talvez o feito de fixarme neses detalles ten de ver co xeito de escribir unha e outra. Por unha banda, vai unha amazona a cabalo contra un tanque. Por outra, ábrese unha floraría.

Agora si. Agora é tempo de orgullo. Se todo vai ben, teremos en Galicia a vindeira semana a Elena Poniatowska, elixida pola Asociación de Escritores de Lingua Galega como Galega Universal. Entre outros froitos desta visita, darase a coñecer o volume A filla do filósofo, relatos de La Poni (como lle chama con agarimo Carlos Fuentes) traducidos por escritores de nós ao galego.

É unha moi boa iniciativa a da AELG, que en ocasións anteriores distinguiu con esa condición de escritor ou escritora Galega Universal a autores relevantes de moi diversas orixes planetarias: Mahmud Darwish, Pepetela e Nancy Morejón. É evidente que Galicia sería algo moito máis pechado, provinciano, de non existir a cultura galega, esa floraría, esa amazona. Na liña de cultura aberta van tamén os premios Rosalía que outorga o Pen-Club de Galicia. Na última edición, o colombiano Álvaro Mutis, o catalán Joan Margarit e o vasco Jon Kortazar.

A nova Galega Universal é mexicana nacida en París e de orixe polaco. Como escritora, enfeitiza o xeito en que crea personaxes inesquecíbeis, como o son para min, por exemplo, os protagonistas das novelas El tren pasa primero e La piel del cielo. Mais ela, Elena Poniatowska, tamén é un personaxe co seu propio ronsel de lenda. Unha escritora e xornalista que tivo a coraxe de enfrontarse ao silencio criminal cando todos, ou case todos, calaban. Foi cando escribiu La noche de Tlatelolco, que trata da matanza de máis de 300 persoas na praza das Tres Culturas, na capital mexicana, en 1968, durante unha protesta estudantil, pouco antes de que comezaran as Olimpíadas. Un dos episodios máis sinistros e brutais da recente historia latinoamericana.

Como escribe ese libro Elena Poniatowska? "A noite, viúva do día", di un verso da súa amiga Szymborska. Pois ben. Nunha lección maxistral de xornalismo, o que fai Elena é apañar as cachizas daquela noite e compor con elas un tremente día. Vai apañando na escuridade todas as voces baixas, perseguidas, feridas, encarceradas, horrorizadas. Mais tamén figuran as do poder e os titulares ominosos duns medios de comunicación que deron por boas as trolas do poder criminal que ordenou a carnicería. É así que La noche de Tlatelolco figura entre os mellores libros de novo xornalismo do mundo enteiro, xunto cos tamén para min imprescindíbeis: Memorias do cárcere, do brasileiro Graciliano Ramos; Recuerdo de la muerte, do arxentino Miguel Bonasso, Memorias del calabozo, dos uruguaios Mauricio Rosencof e Eleuterio Fernández Huidobro, e El olvido que seremos, do colombiano Héctor Abad.

Elena Poniatowska, Galega Universal. Que sorte!
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 12-05-2009 20:17
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal