O club de profes le Exogamia 0.3, de Ramón Caride Ogando e 1984, de George Orwell, cuxa lectura estaba prevista para a tertulia anterior e que houbo que aprazar.
Tamén visionaremos as películas La faute à Fidel (A culpa tena Fidel), de Julie Gavras, e Brazil, de Terry Gilliam.
Información e cuestións para a lectura de Exogamia 0.3.
O neno can, de Francisco Castro e Fina Casalderrey, ilustrado por Patricia Castelao.
Un libro de historias de nenas e nenos que carecen de dereitos : cativos que teñen que sobrevivir remexendo nos colectores de lixo, nenas obrigadas a casar con homes adultos cando aínda nin deixaron as bonecas... Velaquí unha pequena mostra dunha realidade infame que existe no mundo que habitamos.
Unha historia conmovedora. Paulo é un neno que comprende o seu avó: un ser adulto que tornou á infancia. Os outros adultos non poden entender nada, orfos da mirada dos cativos.
Paulo, ou Simbad o Mariñeiro, tanto ten, loitará contra a enfermidade do avó, contra dos adultos e, sobre todo, contra do egoísmo.
O club de profes celebrou a 4ª tertulia literario-gastronómica. A novela Marcas de nacemento de Nancy Huston suscitou moita controversia, sobre todo o personaxe de Sol, incrible para moitas persoas. Moitos temas agromaron á mesa: a influencia do entorno e a función e actitude dos pais na educación dos fillos, a violencia normalizada e o fácil acceso a ela, a frivolización da morte por unha banda e a súa negación por outra, a dobre moral de individuos e pobos, os conflitos que se reproducen, a modernización das guerras actuais, a aniquilación da identidade, a música como salvación.
Sobre eles, planeaba o signo de identidade, a orixe: a marca.
Aprazamos para a próxima reunión o debate sobre 1984.
Por certo, a comida deliciosa, o trato exquisito e o contorno moi acolledor. Facemos publicidade do lugar, Taberna Acevedo, en Xunqueira de Ambía, pois, ademais do dito, organizan sesións de contacontos, recitais, exposicións... Un lugar ideal para a cultura. Estivemos moi a gusto.
Unha historia de profecías, intrigas e segredos que se remontan á época medieval.
Hadrián é o elixido para conseguir que se cumpra a profecía. Un antigo medallón de metal en estado vivo, herdanza do seu pai, será a chave que lle abrirá ao rapaz as portas para cumprir co seu destino. Para atopar respostas, o mozo tamén deberá buscar nos libros prohibidos da vella biblioteca do seu bisavó e mergullarse nos segredos que agochan as augas da Poza da Moura. Mónica, compañeira de clase, axudarao nesta aventura.
O luns 8 de marzo o club de lectura do 2º ciclo e BAC participou nun obradoiro de poesía con Carlos Negro. O poeta chegou á biblioteca cargado de libros, despregou a maxia da poesía sobre a mesa, encheu o aire de palabras e repartiu metáforas de chocolate que se nos derreteron na boca.
Coñecemos a Frederick, o rato que recollía as palabras, as cores e os raios de sol para compartir no inverno, e a Ajo, unha poeta madrileña que crea versos sorprendentes, micropoemas desconcertantes.
Escoitamos a voz do poeta, lenta, acelerada, eufórica, rota, mascando Makinaria.
Aprendemos, reflexionamos, xogamos, creamos, cantamos, mergullámonos na poesía como unha aventura.
E rapeamos.
Fotos e micropoemas do alumnado.
Carlos Negro tamén recitou para e co alumnado de 1º de BAC. Foi presentado por Lucía e Tiziana, dúas das máis veteranas do club e voraces lectoras.
O alumnado está a ler este sorprendente relato de Birgit Vanderbeke que xa debatemos co club de profes. Máis información da historia no blog.
Aquí deixamos algunhas pezas musicais dos compositores mencionados na historia e que teñen valor simbólico na caracterización dos personaxes. Grazas á profesora de Música descubrimos o seu significado.
O club de 1º ciclo le El tigre que tenía miedo a las gallinas, de Alfredo Gómez Cerdá. A historia trata dun neno que vive nun Centro de Menores dende que recorda e ve a oportunidade de saír fóra, grazas á intervención dun novo compañeiro, e experimentar a liberdade. A experiencia comeza sendo fascinante, a sensación de liberdade embriaga.
O alumnado de PCPI le ¿Quién se ha llevado mi queso? de Spencer Johnson, un libro de motivación para afrontar os cambios. Empregando o estilo dunha parábola, con ratos á procura do queixo, abórdase a necesidade de vencer resistencias e medos e emprender cambios con confianza e optimismo.
O alumnado de 4º de ESO e 1º de BAC len El síndrome de Mozart, de Gonzalo Moure, unha novela que trata sobre o síndrome de Williams, que se sospeita que puido ter Mozart, e que consiste en posuír un extraordinario talento musical. No relato Irene coñece a Tomi, un rapaz sensible que é capaz de tocar calquera instrumento sen ter recibido leccións previas, e namórase del, enfrontándose a seu pai, que trata a Tomi como un experimento.