Club de lectura Nós tamén navegar IES Lagoa de Antela


ler sen cancelas

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

TERTULIA LITERARIA EN OURENSE

O xoves pasado mantivemos no Liceo da capital o primeiro encontro literario. Esta actividade, organizada pola Concellaría de Educación de Ourense, reúne varios clubs do municipio e da provincia, que, primeiro, debaten sobre aspectos formais e temáticos dunha novela e, logo, acoden a unha cita co autor ou autora.

Nesta ocasión convocounos a novela de Manuel Portas Faneca Brava. O debate foi iniciado por Paula Nogueira, membro do noso club, a partir do tema dos roles femininos impostos polo franquismo e a posición da muller na sociedade da posguerra. Outros temas que se trataron foron as agresións a nenas no ámbito familiar, a pederastia na Igrexa, o mundo das aparencias, os desexos de vinganza, o afán de superación etc. Tamén se falou dos personaxes, as relacións entre eles e as voces narradoras. A discusión foi moi animada e algúns temas suscitaron algunha controversia, non obstante, en xeral, as valoracións coincidiron bastante entre os contertulios/as.

Só nos cabe felicitar os membros do noso club polo seu saber estar e polas súas intervencións. Unha mención especial merecen Paula Nogueira Nogueira e José Manuel Rodríguez Quintela, que participaron activamente no debate.

Comentarios (0) - Categoría: ENCONTROS LITERARIOS - Publicado o 17-02-2014 19:46
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal