O club le Ollos de auga, a primeira novela policíaca de Domingo Villar. O inspector Leo Caldas debe resolver un caso de asasinato na illa de Toralla axudado polo seu axudante Rafael Estévez, un zaragozano ao que se lle atragantan os interrogatorios pola maneira de responder dos galegos.
O éxito da 2ª novela de Domingo Villar, A praia dos afogados, en que Leo Caldas e Rafael Estévez se enfrontan a un complexo e intrigante caso, conformou un nutrido grupo de fans deste escritor no noso centro que espera ansiosamente unha nova entrega das pescudas destes dous policías. E, casualmente, hoxe publica o xornal La Voz de Galicia que falta pouco para que saia ao prelo esa tan agardada novela co título Cruces de pedra.
O xoves celebramos a 1ª tertulia literaria organizada pola Concellaría de Educación de Ourense capital. Compartimos autobús co club de lectura do IES Cidade de Antioquía e ás 16:30 reunímonos no Liceo para debater co club do IES Allariz sobre a novela de Rosa MonteroLágrimas en la lluvia. Lucía e Tiziana, dúas lectoras empedernidas e veteranas do club, abriron o debate con tan bo facer que arrancaron os aplausos dun público entregado. O coloquio foi intenso e cuestións como a memoria, a ética na ciencia, as relacións, o afán de poder e a corrupción suscitaron moita controversia.
Felicitamos o alumnado pola súa participación nesta actividade. A lectura sempre dá que pensar e falar, está claro.
Celebramos a 3ª tertulia de profes e foi moi animada.
Comezamos por Las cruzadas vistas por los árabes, de Amin Malouf, e as persoas que fomos capaces de rematar o libro (6) confesamos ter aprendido moito dese período convulso da historia. A perspectiva dos historiadores árabes contribuíu a incrementar un pouco os nosos precarios coñecementos sobre a famosa Guerra Santa e a ocupación dos territorios árabes. Manuel, o noso benquerido profe de Historia, aclarou as nosas dúbidas dunha maneira didáctica. Soubemos dos conflitos, rivalidades e divisións entre faccións musulmán (chiitas e sunitas, a seita dos asasinos, os fatimitas?); da crueldade e fanatismo dos cristiáns (canibalismo incluído); da personalidade de Saladino, unha figura que ensombrece e anula ao cinematográfico Ricardo Corazón de León; da orixe dalgunhas palabras como azar e asasino; das diferenzas entre sultán, califa, emir e visir, as. Viaxamos no tempo por Alepo, Mosul, Beiruth, Antioquía?
O que está claro é que as guerras santas son guerras polo poder.
Na sobremesa, tocou falar de O curioso incidente do can a medianoite, de Marck Haddon e o debate xirou en torno ao tema das relacións, as emocións e as dificultades de comunicación do protagonista fronte á súa extraordinaria capacidade analítica e matemática. Tamén se comentou a maneira de procesar a información dos Asperger, as reaccións ante o que non comprende, o que se sae do programa; a maneira de escribir a historia dende o punto de vista do rapaz, cunha redacción sinxela, ordenada e lóxica. Pero foi un problema de lóxica que se aborda na historia o que provocou un serio enfrontamento entre tertulianos, o tema das probabilidades deu moito de si.
Os integrantes do club de lectura de 1º ciclo leron e falaron sobre Contos por palabras, de Agustín Fernández Paz, e agora comezan a lectura de O tempo das palabras en voz baixa, de Anne-Lise Grobéty. Esta historia está ambientada na Alemaña nazi e chega ao corazón.
Dúas películas significativas desa época son Napola e Europa Europa.