Club de lectura Nós tamén navegar IES Lagoa de Antela


ler sen cancelas

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ACHÉGASE O 8 DE MARZO

Achégase o 8 de marzo e xa agroman iniciativas e propostas didácticas interesantes. Dámoslle publicidade a esta completísima batería de actividades deseñadas polo STEG.
Comentarios (0) - Categoría: DATAS E ACCIÓNS PARA LEMBRAR - Publicado o 25-02-2012 12:18
# Ligazón permanente a este artigo
PRÓXIMAS LECTURAS PARA PROFES

Para a seguinte sesión propuxemos estas dúas lecturas:

Purga, de Sofie Oksanen, unha novela que non vai deixar a ninguén indiferente, que trata das mulleres vítimas de violencia. Xa falamos deste libro noutra ocasión, aquí está o enlace.

Maldito karma, de David Safier, unha novela divertida cuxo propósito é entreter e arrancar un sorriso, aínda que algunhas pasaxes poden provocar a reflexión.

Comentarios (1) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 19-02-2012 22:01
# Ligazón permanente a este artigo
CELEBRAMOS A 3ª REUNIÓN DE PROFES

Celebramos a 3ª reunión do club de profes en torno a unha boa mesa. Falamos do humano e o divino en torno á novela La fiesta del chivo, de Mario Vargas LLosa, e comentamos as manobras de despiste e o humor presentes nos relatos de Menú de enganos, de Núñez Singala. As miserias humanas, a estupidez, a crueldade, a degradación, o endeusamento, entre outros, foron temas que centraron o debate.
Comentarios (4) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 19-02-2012 21:24
# Ligazón permanente a este artigo
LAURA GALLEGO ASINOU LIBROS DAS SÚAS FANS

Aquí vemos a Alba e Ledicia coa súa admirada Laura Gallego, escritora que estivo en Ourense asinando libros. A La Región tamén se achegou Ana, encargada da biblioteca, que é a que está detrás da cámara


Palabras de Ledicia Prieto

O martes 7 de febreiro a escritora de narrativa fantástica Laura Gallego deleitounos coa súa presenza na librería Outro en Ourense.
Ás cinco da tarde procedeuse á firma de libros, principalmente da súa nova obra Donde los árboles cantan. Pese a que había moita xente, esperando impaciente a súa quenda, Laura Gallego firmou todos os libros e permitiu que sacásemos fotografías.
Eu penso que, para todos aqueles que asistimos a este acto, o feito de coñecer a unha escritora á cal admiramos foi unha experiencia fantástica.
Comentarios (2) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 11-02-2012 19:07
# Ligazón permanente a este artigo
ENGURRAS UN CÓMIC DE PACO ROCA

El Patito Editorial leva ao galego esta novela gráfica tenra e emotiva de Paco Roca sobre o alzheimer e que recibiu o Premio Nacional de Banda Deseñada 2008.

Baseada nela realizouse unha película de animación, Arrugas.

Comentarios (0) - Categoría: PARA LER E VER - Publicado o 11-02-2012 19:00
# Ligazón permanente a este artigo
RECIBIMOS A VISITA DE TOKIO, AUTOR DE CABANA DE BALIEIROS

O venres recibimos a visita de Tokio, pseudónimo artístico de Alfredo López, autor da novela gráfica Cabana de Balieiros.

Despois da impecable presentación de Fatima Aboufaris, alumna de 4º B de ESO, Tokio tomou a palabra e deunos unha charla moi interesante sobre a súa vida artística, fluíron as palabras e fundíronse coas imaxes que as acompañaron.

Contounos que foi un dos pioneiros no ámbito da banda deseñada en Vigo nos anos 80 e que participou nas xornadas organizadas anualmente pola Casa de Xuventude de Ourense e promovidas polo tristemente xa falecido Benito Losada. Eran anos de movida viguesa e de revistas como Katarsis e Frente Comixario. Alfredo López é biólogo e, nestes momentos, preside a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) por iso pasa moito tempo no mar, ao que se nota que adora, investigando e estudando a fauna mariña.

Tokio combina a súa faceta plástica coa de biólogo, por iso foi ilustrador de libros de ciencia ademais de libros de ficción e o protagonismo dos animais na súa obra é constante. Despois de contarnos como xestou e deu corpo á novela gráfica Cabana de Balieiros (unha homenaxe á poboación mariñeira, homes e mulleres e ás súas crenzas e mitos, con guiños aos fotógrafos Caamaño e Ruth Matilda Anderson) agasallounos cunha mostra da súa habilidade artística debuxando en papel continuo unha viñeta mariña, con mar, gaivota, golfiño, barca e mariñeiro incluídos.

Ademais das súas palabras, deixounos unha morea de agasallos: calendarios, marcadores, unidades didácticas sobre a fauna mariña, libros de ficción...

Alfredo, agradecémosche a visita, os agasallos e a charla, tan didáctica e amena. Foi un pracer contar coa túa presenza neste instituto da Limia, onde a memoria, aínda que foi vilmente desecada, conserva a súa alma acuática.



Comentarios (2) - Categoría: VISITAS - Publicado o 05-02-2012 19:08
# Ligazón permanente a este artigo
CRÓNICA DA XORNADA POLA PAZ

Celebramos o Día da Paz con varias actividades:
En plástica o alumnado pintou 50 paraugas participando así no proxecto internacional de Lamb pola Paz. A idea partiu dun profe de Historia ao que se sumaron as profes de plástica. No 1º recreo do día 30 expuxéronse os paraugas no patio interior, desafiando o frío intenso, e formouse un dos símbolos máis repreentativos da paz. No 2º recreo léronse textos pola paz na biblioteca, proxectouse o vídeo dos abrazos e houbo apertas.

Unha xornada moi emotiva e na cal se implicaron moitas persoas da nosa comunidade!


Comentarios (1) - Categoría: DATAS E ACCIÓNS PARA LEMBRAR - Publicado o 04-02-2012 19:50
# Ligazón permanente a este artigo
NOVAS LECTURAS DO CLUB

O club de 1º ciclo le O misterio das badaladas, de Xabier P. Docampo.


No campanario da igrexa de Eiranova acaban de instalar un reloxo. Comezan a soar por primeira vez as badaladas que anunciarán a todos os habitantes que son as doce da noite. Unha, dúas, tres..., dez, once... Entón sucede algo que haberá dar nun acontecemento que só cinco rapaces resoltos e afoutados quererán pescudar até encontrar explicación para un fenómeno que a todos confunde. Unha por unha irán resolvendo as pistas que lles van aparecendo e que os levarán a encontrar ao responsábel do anormal comportamento do reloxo de Eiranova. Mais cando isto suceda e cheguemos á última páxina do libro, abrirase un novo misterio que desafiará a perspicacia e a intelixencia do lector.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 04-02-2012 19:45
# Ligazón permanente a este artigo
NOVAS LECTURAS DO CLUB

O club de 2º ciclo e BAC le O curioso incidente do can á media noite, de Mark Haddon.

Christopher Boone ten quince anos, é un experto en ciencias e matemáticas, sabe as capitais de todos os países do mundo e os números primos ata o 7.507, pero ten dificultades para relacionarse con outras persoas. Unha noite atopa a Wellington, o can da veciña, atravesado por unha forca de xardín, e decide comezar unha investigación para descubrir o asasino. Mentres leva a cabo as súas pescudas, que converte nunha novela policial, cuestionará a lóxica do mundo que o rodea e desvelará certos misterios que van alterar a súa vida metódica e ordenada.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 04-02-2012 19:42
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal