Asistimos á cita coa literatura en Allariz, como vén sendo habitual nestes últimos anos.
O libro que nos convocou nesta ocasión foi Aqueles días en que eramos malas, de Inma López Silva. Aínda que ao principio custou entrar en calor, non era moi propicia a temperatura do local, logo se sucederon as intervencións máis animadas do coloquio. Para rematar, a presenza da escritora proporcionou un clima favorable ao diálogo e á confidencia. A partir desta novela con personaxes femininas como Margot, Sor Mercedes, Valentina e Laura foron abordados temas como: a falta de liberdade e o fráxil que é a fronteira que separa a quen está dentro de quen está fóra, as circunstancias que levan a delinquir e que converten as vítimas en culpables, as relacións entre mulleres, o machismo, o acoso, a maternidade? A verdade é que a lectura da novela fíxoseme algo pesada pero, non obstante, pagou a pena escoitar a Inma López Silva. Seduciunos tanto coa palabra que foi como se nos roubasen o tempo, cando nos demos conta xa había que marchar.