|
|
|
|
2ª TERTULIA DE PROFES |
|

Celebramos a 2ª tertulia do club de profes deste curso. Desta vez convocáronos dous textos breves: o relato ?Ver las orejas al lobo? de Alice Munro, galardoada co Premio Nóbel de Literatura este mesmo ano; e a famosa e polémica carta do xefe Seatle ao presidente dos USA. Tamén falamos da película Lejos de ella, dirixida por Sarah Polley e baseada no relato da escritora canadense.
O relato conta como unha muller comeza a perder a memoria e toma a decisión de ser internada nun centro psiquiátrico. A enfermidade provoca turbulencias emocionais na aparente estabilidade matrimonial, liberando mentiras, reproches velados, sentimentos de culpa e medos agochados. O deterioro progresivo da muller e o seu comportamento?inadecuado? dende un punto de vista racional desconcertan o seu home que, ao principio, se resiste a aceptar os cambios condutuais derivados da enfermidade.
A polémica xurdiu coa expresividade emocional dos personaxes cinematográficos da película, demasiado contidos e fríos para algunhas persoas. Quizais a nosa pertenza a unha cultura máis ruidosa e xestual nos impide comprender e mesmo desconfiar da expresión emocional que non se axusta á nosa aprendizaxe cultural.
A carta do xefe Seattle foi interpretada como unha apoloxía da defensa da terra, a costa da idealización do bo salvaxe. Algunhas persoas sorprendéronse de que a carta fose en parte falsificada para favorecer a concienciación ecolóxica. A maior parte das contertulias coincidían en que o importante era a mensaxe, a denuncia da agresión á natureza exercida por unha parte da humanidade.
|
|
|
|
TERTULIA LITERARIA EN ALLARIZ |
|

O mércores pasado acudimos á nosa primeira cita literaria fóra do instituto. Os membros do club de lectura do 2º ciclo do IES Lagoa de Antela debateron cos integrantes dos clubs do IES Allariz e IES San Mamede sobre a novela Hora Zulú de Antón Lopo. Logo, realizouse un encontro co autor, quen contestou amablemente as preguntas que lle formularon os contertulios.
Mentres se celebraba a tertulia, alumnado dos tres clubs participaron nun programa radiofónico co escritor.
Entre as cuestións que foron obxecto de debate salientamos a estrutura da novela, un mosaico de textos, e temas como o tempo, a ecoloxía, as relacións e a saúde mental.
Agradecemos o convite a María, responsable da Biblioteca do IES Allariz, e felicitámola pola organización da actividade.
|
|
|
|
COMEZAMOS CO CLUB DE PROFES |
|

Celebramos hai xa tres semanas a 1ª reunión do club de profes. Os textos escollidos para o debate foron a novela Sabor a canela, de José Carmona, un artigo de Noam Chomsky, "El control de las mentes", e o 1º capítulo de No logo, de Naomi Klein. O debate foi intenso dende o primeiro momento, con enfrontamentos dialécticos interesantes. O libro de José Carmona provocou a primeira discusión, pois algunhas persoas viron defraudadas as súas expectativas iniciais e sentíronse estafadas, mentres que outras sentiron a historia como un xogo de realismo máxico.
O tema das marcas, tema do libro de ensaio de Naomi Klein, No logo, foi moi controvertido, pois houbo un contertulio que discrepaba totalmente do enfoque do texto, restándolle actualidade e orixinalidade. Fronte á opinión xeral, defendía que o valor das marcas, a súa identificación cun estilo de vida e cuns valores afastados do produto en si, non é un fenómeno moderno, que xa se vendía a marca como un valor en si hai séculos nas transaccións comerciais dos pobos antigos.
Co texto de Noam Chomsky non se produciu moita discusión pois as persoas que quedamos na sobremesa compartiamos a mesma perspectiva do intelectual estadounidense, que ve os mercados e as grandes empresas como entidades con dereitos fronte a unha cidadanía cada vez máis indefensa, que ve na criminalización da opinión pública unha estratexia da oligarquía para preservar intereses, privilexios e poder.
|
|
|
|
|
|