O club do 2º ciclo le Lágrimas en la lluvia, de Rosa Montero (entrevista), lectura que servirá para compartir impresións con outros clubs da provincia no Liceo ourensán a finais de xaneiro. Agradecemos á Concellería de Educación de Ourense o seu compromiso coa lectura organizando estes encontros.
Elaboramos esta guía para facilitar a reflexión e o debate.
A proposta de Manuel, profesor de Historia, leremos La cruzada vista por los árabes, do escritor libanés Amin Malouf, un libro de ensaio sobre o tema das cruzadas dende a perspectiva dos árabes.
Celebramos a 2ª reunión do club e non pedimos mexillóns! Foi interesante a pesar da menor afluencia de membros, época de exames e iso nótase.
Arrancamos co magnífico libro de Brigitte Vanderbeke, Mexillóns para cear, e houbo un debate interesante ao redor da figura dun pai que, aínda que ausente, é o protagonista-antagonista da historia. O seu papel na familia vai agromando pouco a pouco ata converterse nunha figura odiosa, que somete e anula todos os membros, que exerce unha autoridade baseada na violencia e no medo. Un ser frustrado que finxe o que non é, que se avergonza das súas orixes, que despreza as artes e sobrevalora as ciencias exactas. A súa parella e os fillos libéranse da tiranía na súa ausencia, comportándose da maneira que el detesta.
Sobre a vida dos personaxes planea a división entre os réximes da Alemaña do leste, do cal proceden, e a Alemaña do oeste, no cal se instalan.
As alusións á musica e a algúns personaxes literarios como Medea son simbólicos e acadan significado na historia.
O texto de Einstein e as súas opinións sobre a vida tamén suscitaron controversia, pois aínda que coincidimos coa súa maneira de pensar, cando soubemos das súas contradicións, algunhas persoas non puidemos evitar a decepción.
O club de 1º ciclo debateu sobre Palabras de caramelo, de Gonzalo Moure. Un neno xordomudo saharaui que vive nun campamento de refuxiados faise amigo dun camelo e aprende a escribir para expresar as súas emocións. Unha historia sobre a amizade e a necesidade de comunicación das persoas e dos pobos amordazados.
O club de aula de 3º de ESO debateu sobre Pel de lobo, de Xosé Miranda. Unha historia sobre a lenda do lobishome que provoca a reflexión sobre a condición do ser humano e a liberdade.
O club de profes le Mexillóns para cear, da escritora alemá Birgit Vanderbeke, unha novela curta que transcorre un tempo de espera no ámbito familiar e que, probablemente, non deixará indiferente a ninguén.
Análise crítica do libro.
Tamén falaremos de dúas películas que nos recomenda Manuel Grande, profesor de Historia e experto en linguaxe cinematográfica: Intocable, dirixida por Eric Toledano e Olivier Nakache, película francesa que recibiu varios premios e foi un éxito o ano pasado, e El enigma del cuervo, de James MacTeique, actualmente en carteleira e onde encontraremos a Edgar Allan Poe no papel de detective, atrapado nunha serie de asasinatos inspirados nos seus propios contos. Recomendamos a lectura dalgúns deles, de acceso libre na páxina que enlazamos, como "O corazón delator", "O pozo e o péndulo" e o poema "O corvo".
Por último, unha compañeira proponnos unha lectura reflexiva de carácter filosófico de Albert Einstein.