Celebramos un coloquio literario en Ourense algunhas das profes que participamos nas tertulias ourensás co noso alumnado lector. Acudimos á cita Almudena e Paloma, do IES Ferro Couselo; Xela, do IES Julio Prieto Nespereira; Avelina, do IES Blanco-Amor; Carmen, do IES Lagoa de Antela; e Sara, a coordinadora do proxecto. A pesar do frío a reunión tivo lugar ao aire libre, dentro das augas cálidas do balneario d'As Burgas, onde a cálida temperatura favoreceu o diálogo e o intercambio de impresións. Unha experiencia literaria totalmente terapéutica.
Purga, de Sofi Oksanen, foi a novela que nos convocou. Ambientada en Estonia, conta a historia dúas mulleres vítimas de agresións similares en épocas diferentes e cuxas vidas van converxer por motivos que non imos desvelar. A autora crea dende o 1º capítulo un clima de intriga que se mantén ata o final a base de indicios e saltos temporais. Bucea nas mentes das personaxes, verte interrogantes, reabre feridas, destripa o pasado, describe maxistralmente os ambientes, enfía escenas, lugares e tempos distintos... Non podemos desgranar máis sobre a novela para que as persoas se animen a lela, pois é un libro proposto para o noso club de profes. Chapeau para esta caste de libros que provocan adicción. Entrevista no diario El País
Celebramos unha reunión para perfilar os detalles para o diálogo previo á tertulia que se celebrará en Ourense o 26 de xaneiro. Faltaban varios membros do club por estar preparando o festival de Nadal pero o libro, Futuro imperfecto, de Xulia Alonso, promete.
Máis abaixo deixamos unhas liñas orientativas para o debate.
Celebramos a 2ª reunión do club de profes que adquiriu o sabor da pizza. A novela El manuscrito de piedra foi unha novela moi cuestionada polo sector máis esixente fronte a Sunset Park que só recibiu eloxios, sobre todo pola maneira de enfocar as personaxes, tanto como individualidades como polas relacións que establecen.
En 4º de ESO e 1º de BAC abordamos na clase de Lingua unha nova estratexia de animación á lectura. Grupos de tres e catro persoas leron un libro e realizaron unha exposición sobre o mesmo. A tarefa consistiu en escoller unha novela dun amplo itinerario temático e tratar aspectos literarios da novela (temas, personaxes...), ler textos seleccionados, clasificala tematicamente e abordar a biografía do autor ou autora. O obxectivo, ademais dos propiamente curriculares, era espertar a curiosidade lectora e, para iso, evitouse comentar o final. A experiencia resultou moi interesante pois logrouse captar a atención do alumnado oínte e provocar o desexo de ler algúns libros. Destacamos os de maior éxito: A cabeza de Medusa, de Marilar Aleixandre; Soidades de Ana, de Jordi Sierra i Fabra; Baixo mínimos, de Diego Ameixeiras; Un home que xaceu aquí, de Aníbal Malvar; O mecanoscrito da 2ª orixe, de Avi, Chamábase Luís, de Marina Mayoral e Aire negro, de Agustín Fernández Paz.
Xa comezamos a nosa campaña de lectura para o Nadal. Á beira da nosa árbore de Nadal, unha pirámide de libros, colocamos unha mesa chea de lecturas variadas para todo tipo de lectoras e lectores. Tamén elaboramos este boletín de promoción con algunhas novidades. De paso, xa que estamos a preparar o PI entre Lingua e Plástica, confeccionamos un boletín con recomendacións de banda deseñada.
Video promocional da obra de banda deseñada A man do diaño, do autor Brais Rodríguez, premiado có Premio Castelao de BD da Deputación da Coruña no 2010. Unha historia dura nun contexto de guerra. Para reflexionar.
O venres 25 de novembro asistimos a unha conferencia dada no salón de actos do noso instituto polo escritor Joan Manuel Gisbert, autor dun dos relatos que compoñen o libro Cinco cuentos sobre Velázquez lido este ano polo alumnando de 3º e 4º de ESO.
Pasamos con el un agradable momento que nos permitiu ver as cousas dende un punto de vista distinto e comprender mellor a orixe das súas ideas e do relato que lemos.
O fermoso poema "Los nadies" de Eduardo Galeano na súa voz.
Chéganos a través de Trafegando ronseis, como non.
Acábase de crear un club de lectura virtual, Falemos de lecturas, e o libro que se está a comentar é Sunset Park, de Paul Auster. Si, o mesmo que estamos a ler no club de profes.
A película Eu, Cristina F. (Christiane F - Wir Kinder vom Bahnhof Zoo, Uli Edel, 1981), convertida en película de culto, trata o tema das drogas na adolescencia dunha maneira dura. Intervén no filme o cantante David Bowie.