Club de lectura Nós tamén navegar IES Lagoa de Antela


ler sen cancelas

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

25 DE NOVEMBRO, DÍA MUNDIAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
Deixamos aquí uns textos e unha presentación para tratar o tema da violencia de xénero nas aulas e na biblioteca.


Máis material no blog da biblioteca.




Comentarios (0) - Categoría: DATAS E ACCIÓNS PARA LEMBRAR - Publicado o 24-11-2012 20:18
# Ligazón permanente a este artigo
ARDALÉN DE MIGUELANXO PRADO, UNHA NOVELA GRÁFICA

Celebramos esta nova como amantes da Banda Deseñada e fans de Miguelanxo Prado.

A obra céntrase na memoria, na súa perda e reconstrución e nos xogos e confusións que se producen na mesma. Prado xoga con documentos , fotografías ou obxectos para narrar unha historia na que convida a participar ao lector. Máis información no páxina de Cultura Galega.
Comentarios (2) - Categoría: PARA LER E VER - Publicado o 24-11-2012 19:40
# Ligazón permanente a este artigo
O CLUB VIAXOU A ALLARIZ PARA DEBATER SOBRE LUME DE COBIZA, DE MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ
O club de 2º ciclo e BAC viaxou a Allariz para debater sobre a novela Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, cos integrantes do club do IES Allariz, do do IES San Mamede e do club do IES Cidade de Antioquía, co cal compartimos bus, para ter un encontro co autor. A sesión foi moi interesante aínda que custou romper o xeo ao principio, quizais polo medo a que algúns dos tipos duros da novela ou o mesmo Frank Soutelo aparecese e cargase as tintas contra os asistentes. Destacamos as intervencións de Tiziana, Lucía e Paula, que animaron o debate.

Posteriormente celebrouse un encontro co autor, un tipo afable, aínda que de aspecto impoñente, que resolveu as dúbidas e curiosidades das lectoras e dos lectores. Algunhas das preguntas formuladas foron incisivas e críticas pero topáronse cun escritor experto nestas lides que soubo capear o temporal con habilidade e resistiu o interrogatorio (aínda que fose virtual, feito que lle deu vantaxe).

Despois do xantar visitamos a Fundación Vicente Risco e o presidente, Luís Risco, contounos amablemente como funcionaba a Fundación, como se levaba a cabo o rexistro e a catalogación dos fondos e amosounos as dependencias, onde causou impresión o escritorio de Vicente Risco e algúns mobles preciosistas, acordes á atracción do membro da Xeración Nós polo orientalismo. Tamén vimos recibos de cobro de foros e varios documentos da época.

Grazas ás persoas do equipo da Biblioteca do IES Allariz por organizar este encontro e ao Concello por facilitar as instalacións e xestionar a visita á Fundación Vicente Risco.



Comentarios (1) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 24-11-2012 19:26
# Ligazón permanente a este artigo
VISITOUNOS RAMÓN CARIDE OGANDO
O xoves 22 recibimos a visita de Ramón Caride Ogando, autor dos libros Perigo vexetal e Exogamia 0.3, o primeiro lido polo club de aula de 2º de ESO e o segundo lido polos clubs de aula de 4º de ESO e 1º de BAC. A lectura de Perigo vexetal foi guiada polo profesor Francisco Prol, de Lingua, e a lectura de Exogamia 0.3 foi guiada polos profesores Tomás García, de Bioloxía, e Miguel Yebra, de Ciencias para o Mundo Contemporáneo.
O escritor, biólogo e profesor de ensino medio, foi presentado polo alumnado nas dúas charlas que impartiu e respondeu as preguntas formuladas e previamente traballadas na aula.

Destacamos as seguintes preguntas:

Se as cousas que relatas ocorresen, cre que sería posible a vida na terra?

Algunha vez pensou en tomar algún medicamento que producise amnesia para esquecer algo?

Que opina sobre a alteración xenética nos animais para o seu uso na medicina?

O encontro resultou moi interesante ao abordar cuestións sobre a ética dalgúns experimentos científicos e o mercantilismo dalgúns produtos tecnolóxicos que supoñen a sobreexplotación de recursos medioambientais e humanos. Tamén lembrou o desastre do Prestige, xusto cando se producen 10 anos da catástrofe que asolou as nosas costas.

Parabéns para as persoas que interviñeron e gratitude para Ramón Caride e a súa amabilidade, foi un pracer contar coa súa presenza e escoitar as súas palabras, que nos fixeron reflexionar.



Comentarios (0) - Categoría: VISITAS - Publicado o 24-11-2012 19:15
# Ligazón permanente a este artigo
O ALUMNADO LE A RAMÓN CARIDE OGANDO

Perigo vexetal e Exogamia 0.3 son os dous libros de Ramón Caride Ogando que está a ler o club de aula (2º de ESO o primeiro e 4º de ESO e 1º de Bac o segundo). Estas lecturas planificáronse entre os departamentos de Bioloxía, Física e Química e Lingua Galega xa que a temática da novela e os relatos dan pé a tratalos dende diferentes ámbitos, ademais cómpre salientar que Ramón Caride Ogando é biólogo.

Deixamos aquí o cuestionario elaborado polo profesor de Bioloxía, Tomás García, para tratar o libro de Exogamia 0.3.

O xoves recibiremos a súa visita e teremos a sorte de que imparta dúas charlas.


Comentarios (0) - Categoría: club de aula - Publicado o 20-11-2012 18:49
# Ligazón permanente a este artigo
1ª REUNIÓN DO CLUB DE PROFES


A 1ª reunión do club foi un éxito, e non só pola asistencia dos membros á cita (foron 12 de 16 integrantes!) senón polo debate que suscitou e a curiosidade que espertou a lectura de El ladrón de arte. A ninguén lle gustou a trama da novela, alguén detectou machismo no deseño das personaxes femininas, e mesmo o noso experto en arte detectou fallos graves na interpretación dos cadros e no uso de conceptos pero… cantas persoas navegamos por internet á procura dos cadros e de información sobre estes? Discutimos sobre o mercado da arte, a iconografía, os criterios para decidir que é ou non arte, a sensibilidade, falamos da nosa actitude fronte ás diferentes formas artísticas, sobre o valor das obras…
Descubrimos o anaformismo con O altar de Gante, de Van Eyck, o suposto significado do suprematismo, a intensa vida de Caravaggio, o simbolismo dos elementos da escola holandesa, a habilidades dos falsificadores, a miseria das elites…
A miña planta de laranxa lima (para min sempre será Meu Pé de Laranja Lima) obtivo mellor recepción e emocionou a case todo o mundo.


Deixo aquí unhas imaxes sobre algunhas obras que aparecen na novela: O matrimonio Arnolfini e O altar de Gante, de Van Eyck, Branco sobre branco, Kasimir Malevich, A anunciación, Caravaggio, Melancolía, un gravado de Durero, O bar de Folies, Manet, Os embaixadores, de Golbein, esculturas de Vigeland e Barbara Hepworth, Kuznekov…


Comentarios (3) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 18-11-2012 19:55
# Ligazón permanente a este artigo
O CLUB DE 1º CICLO LEU UNHA ADAPTACIÓN DE RISCO

O club de 1º ciclo leu e falou sobre unha adaptación de Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros, de Vicente Risco.


Comentarios (7) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 18-11-2012 10:54
# Ligazón permanente a este artigo
O CLUB DE 2º CICLO E BAC DEBATEU SOBRE LUME DE COBIZA

Interesantes sesións de diálogo a partir da novela de Miguel Anxo Fernández Lume de cobiza. Alumnado de 3º de ESO e BAC participarán en Allariz nun debate con integrantes dos clubs do IES San Mamede, IES Cidade de Antioquía e IES Allariz, centro que organiza esta xuntanza. Tamén terán a oportunidade de conversar co escritor.
Un intenso debate que tocou temas como a especulación urbanística, os incendios, os personaxes estereotipados, o sexismo, as pegadas e referencias cinematográficas...


Comentarios (1) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 17-11-2012 12:02
# Ligazón permanente a este artigo
DEBATEMOS SOBRE MADE IN GALIZA

O club de aula de 1º de BAC debateu durante dúas sesións sobre o libro de Séchu Sende Made in Galiza. Nótase a experiencia do alumnado que comezou o curso pasado con esta experiencia enriquecedora.
Comentarios (0) - Categoría: club de aula - Publicado o 17-11-2012 11:53
# Ligazón permanente a este artigo
CARTAS DE INVERNO EN CÓMIC

Antonio Seijas leva ao cómic a novela de Agustín Fernández Paz Cartas de inverno. Na páxina de Xerais atoparedes unha entrevista ao autor gráfico.
Comentarios (1) - Categoría: PARA LER E VER - Publicado o 06-11-2012 07:29
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal