Club de lectura Nós tamén navegar IES Lagoa de Antela


ler sen cancelas

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

1 DE DECEMBRO: A SIDA EXISTE

Acróstico

Somentes
intentaba conseguir
deixar na terra
algo de min que me sobrevivise

sabendo que debería ter sabido
impedirme a min mesmo
descubrir que só fun un interludio
atroz entre dous muros de silencio

só puiden evitar vivindo á sombra
inocularlle para sempre a quen amaba
doses letais do amr que envelenaba
a súa alma cunha dor eterna

sustituíndo o desexo polo exilio
iniciei a viaxe sen retorno
deixándome levar sen resistencia
ó fondo dunha interna
aniquilación chea de nostalxia.

novembro, 94


Lois Pereiro


Primeiro levaron as persoas de pel escura, pero a min non me importou, porque eu tiña a pel branca. Non fixen nada.

Despois levaron os homosexuais, pero como eu non era homosexual tampouco me importou. Non fixen nada.

Logo apresaron as prostitutas, pero eu como non era prostituta seguiu sen importarme. Non fixen nada.

Máis tarde prenderon as persoas que eran de fóra, as que tiñan SIDA, as que eran pobres, as que coxeaban, pero como eu era do país e non tiña SIDA nin era pobre nin coxeaba seguín sen preocuparme.

Cando viñeron por min estaba completamente só.


(baseado nun poema de Bertolt Brecht)
Comentarios (2) - Categoría: DATAS E ACCIÓNS PARA LEMBRAR - Publicado o 30-11-2008 20:19
# Ligazón permanente a este artigo
CLUB DE LECTURA VIRTUAL

Descubrimos un club de lectura virtual, interesante proposta. Unha das súas lecturas foi O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz, premio nacional de literatura. O grupo de 1º de BAC do noso club están lendo este libro de relatos.CLV
Comentarios (0) - Categoría: VARIOS - Publicado o 28-11-2008 19:13
# Ligazón permanente a este artigo
UN BLOG PARA REFLEXIONAR: MESTURAS
Entrade neste blog e mirade os vieopoemas: alucinante!!
Noraboa ás persoas que o xestionan. Outro mundo é posible.

http://mesturas.blogspot.com/2008/01/existe-por-desgraza-unha-ampla-mostra.html
Comentarios (0) - Categoría: VARIOS - Publicado o 28-11-2008 14:09
# Ligazón permanente a este artigo
LECTURAS DRAMÁTICAS NA BIBLIOTECA

O grupo de teatro de 3º C de ESO ( Uxía, Mónica, Álex, Miriam, Iria, Elsa, Iván, Lucía, Leticia, Laura, Jenni, Andrea) e Pablo, de 3º C, realizaron unha lectura dramática a varias voces dunha adaptación do relato “Un amor que non mate” de Dulce Chacón. Sobre un público atento e entregado caeron as palabras. Unha homenaxe a todas as vítimas da violencia de xénero, a todas elas.

Escribimos un extracto do texto dramatizado:

[…]
Adeus, meu amor:
Principio e fin. O do outro día foi insoportable, que me pegases unha e outra vez con esa carraxe e que case lle pegases ao noso fillo, iso non o podo permitir. Encontrei un traballo lonxe de aquí. Todo ten un final. Sei que a culpa é toda miña, nunca debín consentirche que me anulases así. Pedíchesme tempo e eu deiche toda a miña vida. Todo o fixen por amor pero xa basta. Vou aprender a quererme de novo. Quíxente ata a loucura pero nin un paso máis. “Nin un paso máis”.

A Prudencia atopárona tirada no cuarto de baño, ao lado dun tubo de pastillas baleiro e en medio dun montón de papeis rotos. Teus pais tamén viñeron verte, Prudencia, non paraban de repetir “tiñamos que terte levado de aquí”, e non podes dicirlles que non choren. “Mamá, papá, non me soltedes a man, non vos vaiades”, non te oen, Prudencia, vanse abrazados mirando cara a atrás, “mirando cara a atrás”.
Descansa en paz, Prudencia. Xa non me dás pena, déixame descansar. Non quero que me confundan contigo nunca máis. Mesmo o meu home me chama Prudencia, quere espertarme, pídeme perdón. Teño sono, Prudencia, ti tamén, tantos anos xuntas e vaste sen dicir nin unha soa palabra. Xa dormes e eu encóntrome soa, déixome ir en silencio, coma ti. Xa durmo.

A todas elas, que xa non están.
A C. F. M. , a X. A. O., a Federica, a Nagore, a Maria José, a Mónica, a Encarnación, a Cecilia Natalia, a Rosario, a María, a Hortensia, a Natalia, a María Dolores, a…
Comentarios (2) - Categoría: DATAS E ACCIÓNS PARA LEMBRAR - Publicado o 26-11-2008 12:55
# Ligazón permanente a este artigo
VOCES CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO (2)

Lapidadas

Como ovellas que van ao matadeiro
camiñades a serdes lapidadas
en reas, silenciosas e humilladas,
baixo a mirada atenta do carneiro.

Que o voso sangue sexa o derradeiro
a mollar esas terra magoadas
polo integrismo cruel, polas brigadas
dunha fe que vos nega o abeiro.

Maldita sexa a man que tira a pedra!
maldito na semente e no futuro
o nome dos que erguen ese muro

sobre peitos que alentan! sexa a hedra
nai piadosa a cubrilas, nai que medra
a reclamar a vida en berro puro!

Marica Campo
Comentarios (0) - Categoría: DATAS E ACCIÓNS PARA LEMBRAR - Publicado o 23-11-2008 10:48
# Ligazón permanente a este artigo
UNHA PRIMAVERA PARA ALDARA, Teresa Moure

UNHA PRIMAVERA PARA ALDARA
Teresa Moure

Un convento no século XV ve perturbada a súa rutina polo desembarco do amor. As revoltas irmandiñas están protagonizando unha revolución e o seu ideario entra nas paredes do convento. Os preceptos relixiosos abanean.

NUNO [Ri]: Sabedes, madre prioresa, por que amo a forza e a liberdade dos paxaros? Porque lles permiten ser libres e non escravos! Non hei de defender os falcóns. Só quería anunciarvos que chegará un día en que os pardais deixen de ser criaturas asustadas e se lancen a perseguir a quen os fustriga. Se cadra xa estamos nos albores dese día...
SANCHA [soñadora]: Se cadra...!
XOANA: Os mozos serán señores...
SANCHA: E os pobres teremos as riquezas dos pazos.
XOANA: E os vestidos das condesas...
SANCHA: E bailaremos todas as noites...
XOANA: E durmiremos con quen nos pete e non co guerreiro do señor.
SANCHA: E erguerémonos tarde da cama...
XOANA: E só comeremos amorodos...
NUNO: Amorodos? Eu prefiro comer carne.
XOANA / SANCHA: Ha, ha! Non estades afeitos a ser falcón!
NUNO: Os auténticos pardais, que gañarán a revolta, son xentes coma vós.
XOANA: Aínda gozaba un pouco de mandar un escuadrón e poñer a todo o mundo a cociñar e refregar!
Comentarios (1) - Categoría: PARA LER - Publicado o 20-11-2008 20:23
# Ligazón permanente a este artigo
VOCES CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

IRA
Víamolo agarimando lascivo
Un corno branco de rinoceronte,
Mentres fitaba de esguello á súa lacerada compañeira,
Afirmando taxativamente,
Aínda coas luvas postas,
Que ela probablemente algo fixera para merecelo.

Raúl Gómez Pato


SOMBRAS DOS DÍAS A VIR

a Ivonne A. Bordelois

Mañá
vestiranme con cinzas á alba,
encheranme a boca de flores,
Aprenderei a durmir
na memoria dun muro,
na respiración
dun animal que soña.

Alejandra Pizárnik
Comentarios (0) - Categoría: DATAS E ACCIÓNS PARA LEMBRAR - Publicado o 18-11-2008 19:44
# Ligazón permanente a este artigo
O PROFESOR DE VEGLIOTA, DE MANUEL VEIGA

O profesor de vegliota, Manuel Veiga

Un profesor de vegliota, idioma en vías de extinción pola imposición da lingua oriental como lingua oficial, emprende unha viaxe á súa cidade natal coa intención de pór a salvo as súas investigacións sobre o idioma en perigo. Comparte travesía con personaxes diversos que parecen esconder algo. A reserva, a sospeita, a sombra dunha ameaza indefinida son elementos que, xuntos, constrúen unha atmosfera de misterio. Mentres, o pensamento deseña o seu propio universo ideolóxico.

“Unha amiga preguntoume unha evz por que escribía en vegliota. A pregunta que, non obstante, debería facer era: por que escribía? Podería así responderlle que non só escribo en vegliota, senón que, indo máis alá, escribo para darlle uso ao vegliota. Diriamos que é un caso semellante ao daquel que conduce ocasionalmente, non para ir a parte ningunha, senón para evitar que ao seu automóbil se lle descargue a batería.”
Comentarios (0) - Categoría: PARA LER - Publicado o 16-11-2008 22:12
# Ligazón permanente a este artigo
HORARIO, COORDINACIÓN E LECTURAS DO CLUB DE LECTURA

HORARIO E CALENDARIO

As reunións realízanse na biblioteca os seguintes recreos:

• para 1º ciclo da ESO os venres no 2º recreo (12,10 - 12,30)
• para 3º da ESO tamén os venres no 2º recreo (12,10 – 12,30)
• para 4º da ESO os xoves no 1º recreo (10, 10 – 10,30)
• para 1º de Bac os xoves no 2º recreo (12, 10 – 12,30)

Mª José Lorenzo coordina o grupo do 1º ciclo da ESO.
Uxía Nogueira coordina o grupo de 3º da ESO.
Belén Castro coordina o grupo de 4º da ESO.
Carmen Gómez coordina o grupo de 1º de BAC.

As lecturas que iniciaron esta andaina lectora son: 1º ciclo de ESO: La mansión de las mil puertas; 3º de ESO: O centro do labirinto; 4º de ESO: Moonkid e Liberty; 1º de BAC: os relatos de Arraianos “Lobosandaus”, “Eles” e “Botas de elástico”, de Xosé Luís Méndez Ferrín
Comentarios (1) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 11-11-2008 20:38
# Ligazón permanente a este artigo
CONCURSO LIBROS DO MES

Tres libros para ler, para gozar. Comezamos con tres libros entretidos, moi interesantes: As flores radioactivas, de Agustín Fernández Paz para 1º e 2º da ESO, Los escarabajos vuelan al atardecer, de María Gripe, para 3º e 4º da ESO e Un home que xaceu aquí, de Aníbal Malvar, para Bacharelato. Despois da lectura, unhas preguntiñas e premios!!

Hai 10 exemplares de cada libro na biblioteca.

ANÍMATE!!
Comentarios (0) - Categoría: VARIOS - Publicado o 08-11-2008 21:27
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal