Celebramos o Samaín con diferentes actividades: concurso de contos de medo, concurso de cabazas e lecturas dramatizadas de contos elaborados e escenificados polo grupo de teatro de 3º C de ESO. Preparamos o ambiente con elementos decorativos de terror, sombras e sons de medo, escenario propicio para que a Santa Compaña e un monicreque diabólico se paseasen pola biblioteca. Ao final houbo doces propios da época para os asistentes: mouse de castaña, brazo de xitano e pastas deliciosas preparadas polas alumnas do PCPI de Cociña, guiadas pola profesora Ivana. Que rico estaba todo! E como devoraban algúns!
Comezamos coas actividades do club de lectura de aula, na foto alumnado de 4º de ESO debatendo sobre a novela de Marilar Aleixandre Rúa Carbón, cuxo tema está de actualidade. A experiencia foi moi gratificante.
Esta semana celebramos o Día da Biblioteca. O luns 24 de outubro, o equipo da biblioteca fixémoslles entrega dun libro de Os megatoxos, un adhesivo, un marcador e un folleto a todos os alumnos e alumnas de 1º de ESO, que visitaron a biblioteca en diferentes quendas. Tamén realizamos un exercicio para a formación de usuarios: un xogo-concurso entre equipos para aprender a buscar libros de diferentes materias na biblioteca e interpretar as sinaturas, para o cal se lles entregou unha folla coa CDU a cada grupo. Este xogo resultou moi entretido e eficaz para a aprendizaxe. Como premio simbólico os membros dos equipos gañadores recibiron un diploma.
O 2º libro de lectura é As miñas tardes con Margueritte, de Marie-Sabine Roger, unha historia tenra de iniciación á lectura con personaxes entrañables. Optamos pola tradución ao galego da editorial Galaxia.
Esta novela foi levada ao cine co título de La tête en frich por Jean Becker, con Gérard Depardieu e Gisèle Casadesus como protagonistas. Velaquí o trailer.