Club de lectura Nós tamén navegar IES Lagoa de Antela


ler sen cancelas

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

COMEZA A ANDAINA DO CLUB DE LECTURA

Entramos no outono con ganas de aventuras. Navegaremos por todos os cursos con barcas de papel e palabras impermeables.

“Un libro aberto é un cerebro que fala; pechado, un amigo que espera; esquecido, unha alma que perdoa; destruído, un corazón que chora.”

Proverbio indio

“Un libro é coma un xardín que se leva no peto.”

Proverbio árabe

“Un libro, coma unha viaxe, comézase con inquietude e remata con melancolía.”

José de Vasconcelos

“Estar a soas cun bo libro é ser capaz de comprenderte máis a ti mesmo.”

Harold Bloom

“Non hai mellor fragata que un libro para levarnos a terras afastadas.”

Emily Dickinson

Eu escribo para que vostedes saiban, para que comprendan, grito para que me oian, vou diante para mostrarlles o camiño”.

Flora Tristán

Comentarios (1) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 30-10-2008 21:14
# Ligazón permanente a este artigo
CABEZA DE MEDUSA, Marilar Aleixandre

A CABEZA DE MEDUSA
Marilar Aleixandre

Marilar Aleixandre aborda o tema da violación dende o mito de Medusa, a Górgona mortal que foi vítima dunha dobre condena. A historia transcorre polos corredores e as aulas dun instituto e mostra a repercusión emocional, xudicial e social das agresións sexuais máis abominábeis. A novela obtivo o Premio da Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil neste ano 2008.

“ Contalo é sentirse culpábel, pois aínda que a policía non pregunte por que subiron ás catro e media da madrugada no coche duns descoñecidos, ela interrógase unha e outra vez como puideron facelo, que distinto sería todo se non o fixeran. Iso a pesar de que a muller repetía de cando en vez:
- Non te culpabilices. Os culpábeis son eles. Pasouche a ti como lle puido pasar a calquera outra rapaza.”
Comentarios (0) - Categoría: PARA LER - Publicado o 30-10-2008 21:02
# Ligazón permanente a este artigo
PARABÉNS A AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ, PREMIO NACIONAL DE LITERATURA

Rescatamos estas palabras do escritor nunha entrevista

E que lle preguntan os rapaces cando se dirixen a vostede?

Pois non me podo queixar dos afagos. É extraordinario que che escriban para darche as grazas polo pracer dunha lectura, que che digan que te seguen e que van mercando os teus libros. Habitualmente sempre fan referencia a libros concretos. Hai reflexións inxenuas e tamén moi maduras. Hainos que teñen inquedanzas literarias, outros que non lían até que din atopar algo que lles gustou.

Falando de rapaces, ten vostede unha comprometida traxectoria a pé dos movementos de renovación pedagóxica. "O pracer de ler" transformou abondo a escola? Parece que só escoitamos reflexións pesimistas... Como ve a situación?

Disinto profundamente desa visión negativa. Non creo que houbera ningunha pasada idade de ouro onde os rapaces lían moito máis. Eu de feito lembro todo o contrario da miña propia infancia, onde o acceso a libros e ao propio ensino era reducido. Pola miña experiencia, penso que cando lle pos nas mans a un cativo o libro axeitado para el, vai descubrir con agrado que lle gusta. Téñoo visto máis dunha vez. Recordo por exemplo o caso dun rapaz que escapaba da literatura como o vampiro dos allos e logo de descubrirmos que lle gustaba o xénero do terror, vimos como rematou devorando o Drácula de Bram Stoker. Sempre pensei que aparte de investir en bibliotecas había que facer esforzo en mediadores, xente que contribúa a abrir canles que unan lectores e libros. E por certo, a rede estáse descubrindo como medio moi atractivo para o espallamento do devezo literario, hai blogs de aula e bibliotecas interesantísimos.

"Na vida o único que queda é o amor", o verso de Pamuk do que nace o título do libro, como é que se decidiu por el?

Inicialmente tivo un título provisorio. Estaba inspirado nunha frase tirada do filme 2046, "Todas as nosas lembranzas son sucos de bágoas". Quedeime coa idea e "Sucos de bágoas" era en principio a opción pensada para o título. Posteriormente, lendo Neve, de Orhan Pamuk, atopei unha idea que encaixaba como anel no dedo. Ese verso, "Na vida o único que queda é o amor", concentraba perfectamente o fío dos relatos, en todas as súas dimensións, tanto na parte amarga do amor, como na beira que os relatos tamén exploran a súa parte luminosa. A convicción de que o amor cámbialles a vida ás persoas.
Comentarios (0) - Categoría: VARIOS - Publicado o 24-10-2008 11:47
# Ligazón permanente a este artigo
CLUB DE LECTURA NÓS TAMÉN NAVEGAR

Nós tamén navegar

Club de lectura
curso 2008-2009

Un club de lectura é:
 Un grupo de persoas que se reúnen para comentar textos literarios: relatos, contos, capítulos de novela, poesías…
 As reunións organízanse en función dos intereses das persoas que participan.
 As lecturas escóllense tendo en conta os niveis e os gustos das persoas lectoras.
 O ritmo de lectura depende das persoas que compoñen o club.

Comentarios (1) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 21-10-2008 22:45
# Ligazón permanente a este artigo
24 DE OUTUBRO: DÍA DAS BIBLIOTECAS

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ ESCRIBE SOBRE A BIBLIOTECA

ONDE HAI UNHA BIBLIOTECA HAI UNHA LUZ
Agustín Fernández Paz

ABRE AS PORTAS e entra. Entra neste espazo que agarda por ti, neste ámbito onde cada palabra é un don que recibimos como agasallo. Percorre todos os recantos desta casa da liberdade, respira este aire que non sabe de fronteiras, déixate levar polo río de recendos que anuncia os tesouros da biblioteca.
Estamos nun lugar especial, sería imposible confundilo. Desde o ceo debe de verse como un punto de luz brillando coa intensidade maior, como un aleph que contén a memoria e os soños da humanidade. Unha luz, si. Unha luz que escintila coma un faro entre as tebras, co rítmico latexar dun corazón inmenso que expande ondas de liberdade e de esperanza polo territorio que a circunda.
Quizais poderiamos seguir vivindo se nos faltase este aire que fai vibrar todas as células do noso corpo, se cadra as persoas continuariamos coa nosa existencia rutineira se non existise a biblioteca, mais algún lugar decisivo ficaría baleiro no noso corazón.
Faltaríanos a enerxía que nos fai desexar unha vida mellor, unha cidadanía máis libre, unha sociedade máis xusta. Doeríanos non escoitar a voz das persoas que sufriron a historia e a das que a sofren agora mesmo; sería insoportable oír só as palabras dos que tentan dirixir e controlar as nosas vidas.
Para que isto non suceda, abre as portas e entra. Ábreas sempre, todas as portas, pois cada vez que o fas incorpóraste ao río subterráneo que alimenta a biblioteca, ao torrente de liberdade que a fai vivir e lle dá azos renovados.

ABRE OS LIBROS e mergúllate na auga da vida que abrolla irreprimible desde as súas páxinas. Déixate arrastrar pola fervenza de voces, de linguas, de recendos, de paisaxes. Non esquezas nunca o abraio que experimentamos nos anos da infancia, cando se nos revela a dimensión máxica que teñen as palabras e descubrimos que as páxinas dos libros poden conter o mundo enteiro.
Como as labregas que se afanan na rebusca de espigas entre os regos despois da ceifa, tamén os escritores recollen as palabras unha a unha e elaboran con elas o humilde pan dos seus textos. Deste xeito fan que cheguen ata nós, sempre novas e sempre sorprendentes, pois os libros posúen a insólita capacidade de revivir e reinventarse en cada nova lectura.
Todas as persoas necesitamos as historias, os soños, as palabras, talvez sexa unha característica inscrita no ADN da humanidade. Necesitámolas coma o comer, como beber auga, xaora que si. Para entendermos o mundo e para entendernos a nós mesmos, para soñar outros destinos, para loar os dons que a vida nos dá. Sabemos que non poderiamos vivir sen o alento da imaxinación e da creatividade, sen as palabras que expresan a variedade e a beleza dos nosos desexos e dos nosos sentimentos.
Por todo iso, abramos os libros. Eles conteñen os soños, as paixóns, os medos, os amores, as risas. Nas súas paxinas habita a inmensa variedade de sentimentos e experiencias da humanidade, das persoas que viven agora en calquera lugar do mundo e das que desapareceron hai moitos anos. Os libros: ríos de palabras que se nos ofrecen con xenerosidade para axudarnos a aprender o oficio de vivir, para cambiarnos a vida e implicármonos na transformación do mundo.
ONDE HAI UNHA BIBLIOTECA HAI UNHA LUZ que traspasa todos os muros, unha luz que se fai máis intensa cando medran as persoas que a incorporan ás súas vidas. As mesmas persoas que logo, ao saíren por rúas e prazas, levarán canda elas o reflexo desa luz, a semente dese mundo novo que algún día faremos agromar. Un mundo máis solidario, máis plural, máis culto, máis xusto. Un mundo onde non se escoite a voz adormecedora dos poderosos, senón as palabras múltiples e diversas de todas as persoas que habitamos esta casa común que é o noso planeta.
Comentarios (0) - Categoría: DATAS E ACCIÓNS PARA LEMBRAR - Publicado o 16-10-2008 08:17
# Ligazón permanente a este artigo
AS LETRAS GALEGAS DE LOITO: FALECE RAMIRO FONTE


Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957, Barcelona 2008), licenciado en Filosofía e Letras, profesor de Lingua e Literatura Galegas, era director do Instituto Cervantes de Lisboa. Membro correspondente da Real Academia Galega. Poeta, narrador, ensaísta, crítico e estudoso da literatura galega, formou parte dos poetas do Colectivo Cravo Fondo. Como poeta publicou: As cidades da nada (1983); Designium (Xerais 1984), Premio da Crítica e Premio Losada Diéguez de creación; Pensar na tempestade (1986); Pasa un segredo (Xerais 1989), Premio da Crítica Española; As lúas suburbanas (1991); Adeus norte (1991), Premio Esquío; Luz de mediodía (1995); Persoas de amor (1995); O cazador de libros (1997); Mínima moralidade (1999), Premio González Garcés; Capitán inverno (Xerais 1999); A rocha dos proscritos (2001, e Xerais, 2005), O xardín do Pasatempo (Tambre, 2008) e Reversos (Xerais 2008). Como ensaísta publicou As bandeiras do corsario (1996). (1990); Os leopardos da lúa (1993), novela; Soños eternos (1994), relato e a triloxía das novelas «Vidas de infancia» formada por Os meus ollos (Xerais 2003), Premio Losada Diéguez de creación 2004, Os ollos da ponte (Xerais 2004) e A ponte nos ollos (Xerais 2007).

VITA NUOVA

-páxina de diario-

Deixar que o solpor morra co seu ritmo
de imposible navío ou de rapaza
e descifre o remate da novela.

Beber na noite os seus licores lenes
e brindar cos amigos nesa copa
escura que nos ata á mesma causa.

Escribir algún verso que a fortuna me dicte
e nalguna hora acaso como esta,
mollada na lembranza, perseguir
sen pintalos nos lenzos,
certos corpos amados.


PERSÉGUENOS A MÁSCARA BALEIRA,
O símbolo, columna que se ergue
Como de nós ó deus, ó seu dominio
Quen nos refai no espello vai negando
Cidades ou xardíns, praias ou azas.
Nós conquerimos sedes ou esteiros,
Algún lugar incerto na memoria
No que a chorar estamos longamente,
Facedores de lumes, condeados
A poñer nome ás cousas e deixalas
Noutros ríos do tempo máis inmensas.
Xa sabedor de illas tan feridas
Ó recibi-los ventos na fronteira
Has te-la fronte clara, os ollos grandes.

*Dous poemas de As cidades da nada (Colección Esquío)
Comentarios (0) - Categoría: VARIOS - Publicado o 12-10-2008 22:59
# Ligazón permanente a este artigo
LECTURAS RECOMENDADAS: NOVELA HISTÓRICA

O frío azul
Ramón Caride Ogando
Sotelo Blanco

Ao mosteiro de Oseira, no ano 1517, chega un cabaleiro con ansias de saber. O abade recíbeo ao cabo duns días e tece un sorprendente relato de guerras, nigromancia, amor, panteísmo e tiranía. O escenario desta historia é Xálima, nas terras do Val de Ellas en Extremadura. O cabaleiro, á súa vez, trae outra historia estarrecedora das terras do Caurel. A realidade é un fío que cose vidas nun territorio de lendas.
Comentarios (0) - Categoría: PARA LER - Publicado o 08-10-2008 21:28
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal