
O xoves 26 acudimos a unha nova cita coa literatura compartida no Liceo de Ourense. Viaxamos cos nosos veciños lectores do IES Cidade de Antioquía á capital e pola mañá visitamos a exposición de O Quixote e os Dereitos Humanos sita no IES Otero Pedrayo, cuxo autor, Queralt Blanch, desempeñou o papel de guía. Unha exposición moi interesante para espertar as conciencias.
Pola tarde reunímonos cos colegas lectores do IES de Allariz e intercambiamos impresións sobre o libro Futuro imperfecto de Xulia Alonso. Durante dúas horas dialogouse e discutiuse sobre diferentes aspectos temáticos e formais da novela e o debate seguiría se non fose polo encontro concertado coa autora. Xulia Alonso, no medio dunha palpable expectación, chegou, falou e cautivounos a todas as persoas presentes. Foi inevitable renderse á forza das palabras dunha muller que viviu unha época convulsa, que sufriu a dor da perda, que se enfrontou ao mundo e ao estigma dunha enfermidade maldita. O seu testemuño é un exemplo de superación, a súa novela unha lección de amor. Foi unha experiencia inesquecible.
Parabéns para todas as persoas que interviñeron e dinamizaron o debate (Fatima Aboufaris, Tiziana, Lucía, Álex, Inma?) e para todas as que escoitaron e non se atreveron a romper as barreiras da vergonza e a timidez. Non vos preocupedes, todo é cuestión de aprendizaxe, de práctica?
|

Abordamos con 4º de ESO o 1º coloquio sobre a novela de Jordi Sierra i Fabra Durmido sobre os espellos. O debate xirou en torno a temas como a ditadura e a censura e manipulación informativas, a falta de liberdade de expresión, a xustiza mediatizada polo poder político, a revolución cubana e os protagonistas desta? Cando tocou o timbre quedaron cuestións por discutir que se tratarán na seguinte xornada. Houbo persoas ás que non lles gustou a 1ª parte pola falta de acción e intriga e outras que necesitan un empurrón para intervir. |