O club de profes le Mi hermana vive sobre la repisa de la chimenea, de Annabel Pitcher, e Cartas de amor, de Fran Alonso. Mi hermana vive sobre la repisa de la chimenea trata sobre a perda e a dor. Unha familia londinense que perde un membro da familia nun atentado e iso vai desencadear conflitos que ameazarán as relacións familiares. Jamie, o irmán da vítima, conta en 1ª persoa, dende a súa perspectiva infantil, as consecuencias dese drama. Un libro cheo de humor e tenrura que non nos deixará indiferentes.
O libro de Fran Alonso, que nos visitou o curso pasado, reúne un conxunto de cartas de amor nada convencionais onde se verten historias dramáticas das mulleres que escriben. A pobreza, a guerra, a inmigración e a prostitución son algúns dos temas destes relatos.
Tamén veremos Una botella en el mar de Gaza, de Thierry Binisti, que trata sobre a relación epistolar que manteñen un mozo palestino e unha moza xudía nun contexto marcado polo conflito entre os dous pobos enfrontados.
Os membros do club de profes acudimos a unha nova cita coa literatura, o cine e a gastronomía.
O debate sobre o libro Exogamia0.3, de Ramón Caride Ogando, xirou en torno a temas derivados do progreso tecnolóxico e científico: a submisión por parte de moitos consumidores á publicidade tecnolóxica; a falta de ética das empresas que, movidas pola obtención de beneficios, enchen o mercado de produtos con data de caducidade (obsolescencia programada), os conflitos xerados pola explotación dos recursos naturais, que vulneran os dereitos das persoas; a falta de ética dos poderosos, que antepoñen os seus intereses, moitas veces meros caprichos, aos dereitos dos animais e das persoas máis desfavorecidas; a indecencia dun sistema económico que divide as persoas en distintas categorías; a agresión á natureza e os animais que, nalgúns casos, se volve en contra dun ser humano irresponsable?
1984, de George Orwell, tamén foi obxecto de debate, e os conceptos de dobrepensar, neolingua, nonpersoa e crimental relacionáronse coa realidade e os gobernos actuais. Unha novela que se escribiu para denunciar os estados totalitarios está a converterse nunha alegoría do comportamento dalgúns estados democráticos. Respéctase a privacidade das persoas? Respéctase ou falséase a realidade? Respéctase ou pervértese a linguaxe? Respéctase ou criminalízase o pracer sexual? Respéctase ou recórtase a liberdade de expresión? Respéctase a disidencia e a crítica do sistema ou condénase?...
Tamén se debateu sobre a película La faute à Fidel, de Julie Gavras. Falouse do compromiso político, das contradicións do ser humano canto ao discurso ideolóxico e a súa materialización; falouse da evolución e maduración dos personaxes, das relacións familiares; discutiuse sobre adoutrinamento e educación e outras cuestións derivadas das actitudes e relacións humanas.
Unha sesión moi interesante e, mentres falabamos, devoramos unha paella exquisita, digna dos mellores padais.
Francisco Castro visitou o instituto para dar dúas charlas, unha ao alumnado de 1º de ESO e outra ao alumnado de 2º de ESO.
Unha alumna de 1º ESO redactou esta crónica.
ENCONTRO CON FRANCISCO CASTRO
O escritor galego Francisco Castro visitounos o pasado venres, vinte e seis de abril. Foi presentado por Nayara Conde e Iago Farto. Francisco contounos que el só escribe cando a súa familia está durmindo ou está só na casa. Grazas a el puidemos aclarar algunhas dúbidas, como cando empezou a escribir, pois díxonos que escribira o seu primeiro libro aos nove anos. Preguntámoslle por que na historia de Chamádeme Simbad o avó ten alzhéimer e non outra enfermidade e el explicounos que a súa nai tiña a mesma doenza e que escribiu esa historia para que nos désemos conta de que algún dos nosos pais pode chegar a tela e para que os coidásemos, porque esta enfermidade non se pode curar. Tamén nos dixo que el e Fina Casalderrey escribiran O neno can para que nos decataramos do afortunados que somos polas cousas que temos. A experiencia foi moi divertida. Ao final, Francisco asinou os nosos libros.
O club de 1º ciclo le O achado do castro, de Núñez Singala, una divertida comedia, valla a redundancia, na época da Roma imperial. Un par de "elementos subversivos" argallan unha conspiración para roubarlle a coroa ao emperador.
No blog do ENDL están colgadas escenas da representación realizada polo grupo de teatro do instituto.
No blog de Rosa Salgueiro encontramos estas actividades.
O club de 2º ciclo le A Praia dos afogados, de Domingo Villar.
O club de aula de 1º de BAC le La evolución de Calpurnia Tate, de Jacqueline Kelly, libro que xa foi lectura do club de profes hai dous anos e que este curso aborda o profesorado de Bioloxía e CMC.
Calpurnia é a única moza de seis irmáns na Texas de principios de S.XX. A nai quere que aprenda actividades ?propias? do seu rol feminino para converterse en futura esposa e nai: cociñar e coser, comportarse como unha dama, deixar de meterse en pelexas e tocar o piano. Con todo ela séntese atraída pola biblioteca e polo laboratorio de seu avó, quen lle regalará un exemplar de A orixe das especies de Darwin e facilitaralle o camiño da ciencia: sairá a observar a natureza, recollerá datos e extaerá conclusións, aplicando o método científico.
Cada capítulo deste libro de aprendizaxe comeza cunha cita do libro de Darwin A orixe das especies.
O mércores asistimos á 2ª tertulia organizada pola Concellaría de Educación de Ourense sobre a novela Febre, de Héctor Carré. Compartimos autobús co club do IES Cidade de Antioquía e espazo de debate no Liceo co IES San Mamede e o IES Allariz. Desta vez aos asistentes custoulles arrancar, quizais polas altas temperaturas. Falouse das relacións entre os personaxes, da rebeldía frustrada, dos obxectivos truncados, da cobiza e das loitas polo poder, da discriminación sexual e da hipocrisía, do pouco que se ten avanzado en certos aspectos? Posteriormente celebrouse o encontro co autor de Febre, Héctor Carré Alvarellos, que contestou preguntas sobre o libro e falou da súa faceta de guionista e director de cine, evidenciada na novela, onde algunhas escenas son moi visuais, máis cinematográficas ca narrativas. Para rematar, asinou libros.
Tamén tivemos a oportunidade de ver un tráiler da nova película do polifacético Héctor Carré, Personal movie, non apta para menores de 18 anos.
O luns recibimos a visita do escritor Xosé Miranda, autor de Pel de lobo e Morning Star, libros que forman parte do noso itinerario lector e que leron as alumnas e alumnos de 3º de ESO, Diversificación e 1º de BAC. O escritor, que foi presentado polo alumnado, impartiu dúas charlas moi interesantes sobre a súa experiencia creadora, sobre aspectos dos seus libros e sobre a realidade actual: falou dos personaxes, de como se documenta, de como bebe das historias e lendas da terra; e tamén falou da necesidade de reflexionar sobre a realidade, da de apreciar o propio, do risco de involución pola situación que vivimos? Contestou as preguntas do público, asinou libros e fotografouse con integrantes do club de lectura.
Xosé Miranda é unha persoa afable, culta, que posúe unha habilidade notoria para contar historias tanto a nivel oral coma escrito: a súa palabra engaiola. Foi un verdadeiro pracer escoitalo.
O 22 marzo recibimos a visita de Elena Gallego, autora da triloxía de Dragal, que charlou co alumnado de 3º de ESO, contándolles como xurdira o proxecto e as repercusións na rede. Foi presentada por José Sarmiento e Paula Nogueira, membros do club de lectura, respondeu as preguntas que lle formularon e asinou libros.
A triloxía será levada ao cine, ao cómic e aos videoxogos.
Máis información na páxina da autora.