Club de lectura Nós tamén navegar IES Lagoa de Antela


ler sen cancelas

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

BIOGRAFÍA DE DARWIN
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 17-02-2009 18:29
# Ligazón permanente a este artigo
A EXPEDICIÓN DO PACÍFICO, DE MARILAR ALEIXANDRE

No ano de Darwin propoñemos esta lectura para a ESO: A expedición do Pacífico, de Marilar Aleixandre

Unha rapaza, interesada pola Zooloxía, viaxa de polisón nun barco coa intención de formar parte da expedición dun grupo de científicos á procura de novas especies polo continente americano. Para ser admitida no grupo (estamos a mediados do século XIX) disfrázase de mozo e, deste modo, cumpre o seu soño: observar e estudar in situ exemplares da fauna e flora dos países latinoamericanos, correr aventuras cheas de perigos e sentir a emoción do amor.

“... Falemos dos insectos que ti ben coñeces. Pódese negar que as distintas especies de formigas parécense entre si máis que formigas e avésporas? Pero, por outra banda, as formigas, as avésporas, as abellas e os abellóns teñen semellanzas entre eles e son distintas das moscas e mosquitos, ou dos escaravellos, comprendes?
- Comprendo, pero non vexo a relación entre as clasificacións e as teorías de Darwin.
- Pois está ben claro! Sendo estes grupos cada vez máis distintos entre si, ou cada vez máis semellantes, segundo percorremos a scala de clasificación nun sentido ou noutro, non é razoable defender, como fan os fixistas, que cada especie foi creada independentemente das outras, senón que, todos os que se parecen, proceden de antepasados comúns.”
Comentarios (0) - Categoría: PARA LER - Publicado o 15-02-2009 19:27
# Ligazón permanente a este artigo
A SEMANA DO AMOR FOI UN ÉXITO

Celebramos a semana do amor con éxito de palpitacións.

O alumnado de 1º de BAC puxo en marcha o proxecto “Bombón ou toxo” que tanto disparou os niveis de concentración hormonal e incrementou a temperatura corporal (e as expectativas amorosas) que a piques estivo de colapsarse o centro: tantas emocións producen taquicardias, xa se sabe. Circularon sobre todo bombóns e algún que outro toxo, esa planta que doura os montes de Galicia (palabras poéticas de Manuel Rivas)
A biblioteca adornouse de frases de “quéroche” nun monte de idiomas e colocou unha mesa con algúns títulos sobre o amor, o desamor e a perversión do amor que non é amor.

Algúns deses títulos:

A pomba e o degolado, de Fina Casalderrey: sobre o amor adolescente.
O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz: sobre o amor con letras maiúsculas e tamén minúsculas.
Resistencia: sobre o amor que permanece a pesar dos obstáculos.
O centro no labirinto, de Agustín fernández Paz: sobre o amor adolescente e o amor á lingua e á natureza.
Memoria para Xoana, de Marica Campo: sobre o amor xeracional.
20 canciones de amor y una canción desesperada, de Pablo Neruda: sobre a metáfora do amor.
As lágrimas de Shiva, de César Mallorquí: sobre o amor á lectura e o amor adolescente.
Cartas de amor, de Fran Alonso: sobre
Made in Galiza, de Séchu Sende: sobre o amor á lingua.
Trilogía de la huida, de Dulce Chacón: sobre a destrución nas parellas.
Romeo and Juliet, de William Shakespeare: sobre os amores que acaban en traxedia polo odio.
Tristes armas: sobre o amor filial e fraternal.
Mira si yo te querré, de Luis Leante: sobre o amor a pesar das dificultades.
El amor en los tiempos del cólera, de Gabriel García Márquez: sobre o amor.

Entregamos os premios do concurso de declaracións de amor:
1º ciclo: David Gonçalves
2º ciclo: Alejandra Parejas
Noraboa!!!
Comentarios (1) - Categoría: DATAS E ACCIÓNS PARA LEMBRAR - Publicado o 15-02-2009 11:52
# Ligazón permanente a este artigo
CELEBRAMOS A SEMANA DO AMOR

Ule esta hora como cando regresas
e soño aguas agallopando na mar brava.
Este sangue derrámase como auga
sobre o cemento no outono e ule
o rastro que deixan os paxaros
cando fuxen en solpores de espada.
Así rasga a túa presencia,
e fágome sal e pranto.
ule esta tarde como cando marchas
e levas contigo as miradas brancas,
as singraduras dos dedos na ternura.

Así, sen ti,
fica o mar tan tristemente en calma
e eu canto.

Ana Romaní

VII (amor valente)

El amor está en lo que tendemos

El amor está en lo que tendemos
(puentes, palabras)
El amor está en todo lo que izamos
(risas, banderas)
Y en lo que combatimos
(noche, vacío)
por verdadero amor.
El amor está en cuanto levantamos
(torres, promesas)
En cuanto recogemos y sembramos
(hijos, futuro).
Y en las ruinas de lo que abatimos
(desposesión, mentira)
por verdadero amor.

José Angel Valente.

Comentarios (0) - Categoría: DATAS E ACCIÓNS PARA LEMBRAR - Publicado o 12-02-2009 21:09
# Ligazón permanente a este artigo
A ESMORGA, DE EDUARDO BLANCO - AMOR


O club de lectura de 1º de BAC le e comenta a novela de Blanco – Amor no ano en que se cumpren os 50 anos da súa publicación.

Unha historia sórdida, con tres personaxes marxinais cuspindo os instintos máis primarios nunha xornada de néboa, chuvia e alcohol.

“ “…sandiós!”, seguiu a falar, coma se non nos tivese oído. “Ponte aí, déixame vela outro pouco”.
- “Daquela eu tamén quero ver o que é iso...”.
Sacou o Aladio unha botella de augardente, que roubara no mesón e que traía no peto da zamarra, e pegámoslle uns bos grolos para nos animar. Logo apañamos uns paus que alí había e fómolos espetando, a modo de apeas, na terra mol da parede, ata facer coma uns banzos de escada. Eu saquei as chancas, amalloeinas para colgalas do colo e subín o primeiro. O furado daba a un soutiño de camelias, tan escuro que as flores somellaban luciñas de cor. Naquel instante tiven medo, máis que a cousa deste mundo, a calisquera cousa que poida vir de non sei onde. “

Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 03-02-2009 19:47
# Ligazón permanente a este artigo
UN CASOIRO BEN MAL AMAÑADO, DE BALI RAI


Unha historia de ruptura, de rebeldía. Un adolescente punxabi, criado en Inglaterra, enfróntase á súa familia, que acorda a súa voda segundo a tradición, sen ter en conta os intereses do mozo. O conflito entre as dúas xeracións reflicte a realidade das comunidades inmigrantes e os seus fillos e fillas, a loita por manter as raíces nun espazo que pode chegar a ser hostil e os valores da sociedade onde se instalan. Integración e desintegración. Manny, o rapaz punxabi, toma unha decisión que vai dar un xiro á súa vida.

“ A miúdo falaba nunha mestura de inglés – punxabi, cousa que me provocaba un riso de suficiencia porque me facía graza e logo, ala, empezábame a zunir o meu oído esquerdo!
- Pra onde vas?
- Vou por aí adiante –nunca lle contestaba máis ca iso.
- Non che estou pitoño, Manjit. Xa sei que vas por aí adiante. Pra onde?
- Só vou alí, por aí adiante con Adri.
- Con Adri? Me cago na tose! Por que sempre andas con ese Kalah (negro)?
E aí acababa a conversación. Poñíame doente porque o meu vello estaba a lle faltar ao respecto ao meu mellor amigo. Eu chamáballe racista, el dábame outro moquetón e logo empezaba coa súa ladaíña contra dos negros.”
Comentarios (0) - Categoría: PARA LER - Publicado o 03-02-2009 19:42
# Ligazón permanente a este artigo
DA PAZ

Colgaremos o libriño de lecturas pola paz na sección de normalización da páxina web. Aquí unha pequena mostra.
Comentarios (0) - Categoría: DATAS E ACCIÓNS PARA LEMBRAR - Publicado o 03-02-2009 19:32
# Ligazón permanente a este artigo
30 DE XANEIRO: DÍA DA PAZ

ODA Á GUERRA
Manuel María
A guerra é a salvación da Humanidade,
fai avantar a Ciencia, desenrola
o pobo, crea industrias importantes
e potentes, fai florecer a Economía
dun xeito case milagroso, asegura
a paz, é construtiva, sirve
de inspiración aos cantos épicos,
fabrica heroes inmortais e lexendarios.
Na guerra un pode demostrar o seu
valor e o seu valer, gañar ascensos,
acadar condecoracións moi preciadas,
brillantes e honrosísimas. En tempo
de guerra todo é progreso, ledicia
e máis fartura. Misís, tanques,
fusís, pistolas, metralletas,
escuadras, cañóns aéreos e antiaéreos,
bombas atómicas, de mao e de napal
erguen unha música doce e harmoniosa
que a xente escoita compracida
e enlevada. Todos van á morte
moi felices, os feridos teñen nos beizos
a flor dun sorriso. Non se derrama
sangue, ai, iso non! Os campos
bombardeados e incendiados
seméllanse aos xardíns e ás máxicas
fogueiras do San Xoán.
Os homes esquécense de odiar
e aprenden a amarse de verdade.
Comentarios (3) - Categoría: DATAS E ACCIÓNS PARA LEMBRAR - Publicado o 25-01-2009 19:46
# Ligazón permanente a este artigo
O XARDÍN DAS PEDRAS FLOTANTES, DE MANUEL LOURENZO GONZÁLEZ, PREMIO XERAIS DE NOVELA

Unha historia inquietante.
Unha serie de acontecementos en cadea, que arrancan na Idade Media, provoca que dous adolescentes se coñezan e namoren. Un libro maldito que condena a quen o toque. Amores prohibidos, imaxinación desbordada, presenzas funestas…, todas pezas dun puzle que van encaixando pouco a pouco.


"[...] Tras un silencio, preguntei:
- Campás, que é morrer?
Dubiou ao escoller as palabras que necesitaba:
- Xa sabes o que din, morrer é irse un pouquiño. Estás aquí e logo estás alá. É entrar nun burato negro e pasar a ser outra cousa. Unha flor, un barco, unha estrela. Ou unha pociña de chuvia. Ti que quererías ser? – Baixei a cabeza, buscando unha resposta que non atopei. El púxose serio-: Oín a Rouco. Sabes que me doe tanto coma a ti.
- Só quixera estar seguro de que non sofre.
- Diso podes estar seguro. Onde el foi, non saben o que é sufrir. Nin estar ben. Por iso están ben. É coma se durmisen.

[...]

Esa noite bicámonos por primeira vez. Entón, coñecín o sabor dos seus beizos, máis fresco ca a auga da fonte, máis doce ca as uvas da infancia, máis embriagador ca calquera licor. Bicámonos unha vez, outra vez, beixos como lúas, como flores, como bolboretas ou augamares, beixos como cancións, como raios de luz na penumbra.

[...]

- Eu non sei cal será o meu futuro. Só sei que agora estou contigo e que non desexo estar noutro lugar nin con outra persoa. Mais non sei o que pode ocorrer mañá, ti sábelo? Non se pode predicir. Nós xogamos a facer promesas como se a eternidade fose un territorio da nosa propiedade, e non o é. Só son palabras, son as palabras que dicimos porque nos gustan e porque os demais as queren oír. Pero a vida vai por onde quere, é independente das nosas palabras."

Se queredes contactar co autor este é o seu blog:


batume
Comentarios (0) - Categoría: PARA LER - Publicado o 23-01-2009 17:33
# Ligazón permanente a este artigo
OS IRMÁNS CORAZÓN DE LEÓN, DE ASRID LINDGREN

Os irmáns Corazón de León,
Astrid Lindgren (colección Merlín, Xerais)

Dous irmáns, Ionatán e Karlos, atópanse en Nanguillala, lugar a onde voan todos os que morren. Alí deben intentar salvar o Val das Cerdeiras e o Val das Silveiras do dominio do cruel Ténguil. Aventuras con pasadizos, traidores...
Interesante historia con aventuras da creadora de Pipi Calzaslongas.


"Meteu a man por debaixo dunha das ás da pomba esacou unha pequena cápsula. E do interior desta quitou un papel envolto que era igual ó que vira cando Ionatán o quitaba do cesto e agochaba no aparador, aló na casa!
- Le de présa –impacientouse Ionatán-, bule, veña!
Sofhía leu e coa desesperación escapóuselle un salouco.
- Fixeron prisioneiro a Órvar tamén –desacougouse-. Agora xa non queda ninguén alí que poida facer algo.
Pasoulle o papel a Ionatán a quen, tras lelo, ata lle mudou a cara a peor.
- Un traidor no Val das Cedeiras –repetiu-. Quen pensas ti que pode ser?"
Comentarios (0) - Categoría: PARA LER - Publicado o 18-01-2009 11:30
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal