Club de lectura Nós tamén navegar IES Lagoa de Antela


ler sen cancelas

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O CLUB ASISTIU A UNHA CREACIÓN EN DIRECTO DO ARTISTA RAFAEL CACHALDORA

Deixamos unha foto do momento de creación de Rafael Cachaldora, que pintaba inspirado na música de Daniel Minimalia.

Un pracer para os sentidos.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 01-06-2014 13:51
# Ligazón permanente a este artigo
2ª TERTULIA EN OURENSE

Celebramos a 2ª das tertulias ourensás organizadas pola Concellaría de Educación. El lector de Julio Verne, de Almudena Grandes, foi a novela que nos convocou a unha nova cita coa literatura compartida. Unha historia que resultou difícil de ler para os membros do club pola frecuencia de saltos temporais e múltiples personaxes que aparecen. O coloquio xirou en torno ás relacións entre os personaxes, á división entre os bandos enfrontados, á dureza dunha guerra civil e as súas consecuencias; tamén se falou de amizade, do amor en todas as súas manifestacións, de heroes e mitos, de realismo, de personaxes nada maniqueos… A pesar de seren a Guerra Civil e a posguerra acontecementos dun período que ao noso alumnado lles queda moi lonxe, resultoulles interesante saber como era a vida nesa época, mesmo reprocharon que nas clases se tratase pouco este período da nosa historia.

Despois da tertulia a nosa coordinadora Sara Dacal tíñanos reservada unha sorpresa moi agradable, un encontro no Museo Municipal co artista que estaba expoñendo, Rafael Cachaldora, que nos agasallou cunha creación en directo, sendo acompañado no proceso creativo pola música en directo de Daniel Minimalia. Logo guiounos pola exposición facendo de anfitrión a un alumnado realmente impresionado. Só nos queda dar as grazas a Sara, a Rafael e a Daniel por este agasallo artístico.
Comentarios (1) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 01-06-2014 13:48
# Ligazón permanente a este artigo
CELEBRAMOS A 4ª REUNIÓN DO CLUB DE PROFES

Celebramos a 4ª reunión do club de profes. O lugar escollido nesta ocasión foi Casa Outeiriño, no concello de Rairiz de Veiga, onde degustamos ricas viandas durante a tertulia.
Un libro dos que nos convocaron foi Unha lectora fóra do común, de Alan Bennet, que nos pareceu interesante porque fala do poder da lectura e dos beneficios que proporciona. Aínda así non foi un libro que convencese a algunhas persoas. Outro libro que xerou controversia foi A esmorga, de Eduardo Blanco-Amor, pois a algunhas persoas resultoulles difícil de entender e a outras encantoulles. A novela conta como tres personaxes marxinais despois dun día de festa descontrolada acaban morrendo traxicamente. O exceso de alcohol desata os instintos máis primarios e conduce os mozos a un camiño sen retorno.
O terceiro libro, La cena, de Hermann Koch, suscitou moita discusión, pero como algunhas persoas non leran a novela, decidiuse aprazar o coloquio ata a seguinte reunión. O escritor holandés logra trazar unha historia que engancha, confunde e arrastra o lector por camiños insospeitados. Reservaremos os comentarios para a próxima reunión, que se prevé animada.
Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 18-05-2014 19:44
# Ligazón permanente a este artigo
O CLUB LE EL LECTOR DE JULIO VERNE

O club de lectura de 2º ciclo e BAC le El lector de Julio Verne, de Almudena Grandes. A novela é a segunda entrega da serie Historia de una guerra interminable e trata da resistencia dalgunhas persoas a someterse a un réxime opresor, que se enfrontan a ignominia con dignidade. A historia cóntase a través da mirada dun neno que se debate entre a atracción polos proscritos e o amor a seu pai, un garda civil que os persegue. Unha novela de iniciación á vida, onde os sentimentos afloran, onde todos os medos cohabitan e se confunden.


Máis información aquí e aquí.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 16-04-2014 12:21
# Ligazón permanente a este artigo
RECIBIMOS A RAMÓN CARREDANO

O luns 7 de abril recibimos a visita do escritor Ramón Carredano que impartiu dúas charlas, unha a 2º de ESO sobre o libro Unha branca de cobre para Martiño e outra para 3º de ESO sobre Veleno tinto. Foi presentado por alumnas e alumnos dos diferentes niveis, respondeu as preguntas dos presentes e asinou exemplares das súas novelas. Tamén estiveron presentes alumnas e alumnos do IES Cidade de Antioquía.

Agradecemos a Ramón Carredano a súa visita.

Comentarios (0) - Categoría: VISITAS - Publicado o 15-04-2014 20:55
# Ligazón permanente a este artigo
MARCOS CALVEIRO IMPARTIU DÚAS CHARLAS NO INSTITUTO

O luns 10 de marzo recibimos a visita do escritor Marcos Calveiro, que impartiu dúas charlas, unha dirixida ao alumnado de 1º de ESO, que leu o libro Palabras de auga; e outra para o alumnado de 3º de ESO, que leu O pintor do sombreiro de malvas. As charlas foron moi interesantes, amenas e didácticas, pois o escritor acompañou o seu discurso dunha presentación moi gráfica, contounos detalles importantes do núcleo argumental e explicou as motivacións que o levaron a escribir as dúas novelas. Foi presentado por Sofía García e Xabier Pérez de 1º ESO e Paula Nogueira e Sheila Valencia de 3º ESO. Logo de cada charla asinou libros do alumnado e da biblioteca.

Agradecemos a visita foi un pracer contar de novo coa súa presenza no instituto.

Deixamos aquí unha crónica da visita realizada por Carmen Rodríguez Rodríguez, alumna de 1º A de ESO.

O día 10 de marzo visitounos Marcos Calveiro, escritor e avogado. Non puidemos recibilo no noso instituto xa que o salón de actos quedou estragado pola recente inundación, así que fomos ao I.E.S Cidade de Antioquía, o instituto que está situado ao lado do noso.

Contounos un pouco sobre a súa vida e díxonos que, como gran lector, el quería escribir libros igual que un músico quere escribir cancións.

Explicounos un pouco sobre o seu libro Palabras de auga. É un libro moi bonito que conta a historia dun neno e da súa familia e como loitan por sobrevivir na seca. Está ambientado en África, un continente tan rico en recursos e tan pobre ao mesmo tempo. Relatounos cousas horribles que están sucedendo alí. Mulleres que lle teñen que roubar a comida ás formigas. Nenos soldado e mineiros traballando de sol a sol. Xente que morre de fame e nais que teñen que vender ao fillo maior para alimentar os máis pequenos. Persoas que escapan daquel pesadelo e morren por intentalo. Pero non todo é traxedia. El coñece a unha familia que conseguiu escapar daquel horror.

Foi unha visita moi bonita na que aprendemos moitas cousas.




VISITA DE MARCOS CALVEIRO

Comentarios (0) - Categoría: ENCONTROS LITERARIOS - Publicado o 22-03-2014 11:59
# Ligazón permanente a este artigo
3ª TERTULIA DE ADULTOS

Celebramos a 3ª tertulia de adultos, non só de profes, na Taberna Acevedo cun menú composto de literatura, cine e ricas viandas.

Falamos sobre a peza teatral El chico de la última fila, de Juan Mayorga, da película baseada nela, Dans la maison (En la casa), de François Ozon, e da novela Morning Star, de Xosé Miranda.

No texto de Mayorga ficción e realidade acaban fundíndose no mesmo plano. Para algunhas persoas o motor do conflito é a frustración do profesor que leva o exercicio da docencia máis alá da aula e acaba sucumbindo á curiosidade; para outras persoas, é a propia curiosidade a que altera a rutina do profesor e precipita os acontecementos. As relacións persoais, os sentimentos de soidade, de abandono, as diferentes percepcións ou miradas, o egoísmo, a imaxinación, o desamor, todos estes temas están presentes neste texto breve e que foi levado ao cine por François Ozon co título de Dans la maison.
Morning Star é unha novela de aventuras ambientada na Galicia do século XIX, cando se produciu o levantamento do xeneral Solís, e que homenaxea a mítica novela de Robert Louis Stevenson A illa do tesouro. O nome remite ao barco do que se apoderou o famoso pirata galego Benito Soto. Xosé Miranda constrúe unha historia ben artellada con todos os ingredientes necesarios para conformar unha novela de aventuras: misterio, cofres secretos, bandos enfrontados, crueldade, ambición, amor, redención, superación e triunfo do ben; por outra banda, a novela inclúe referencias ao movemento provincialista e aos Mártires de Carral, acontecementos que marcaron a historia de Galicia e a lingua.


)
Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 13-03-2014 20:10
# Ligazón permanente a este artigo
TERTULIA LITERARIA EN OURENSE

O xoves pasado mantivemos no Liceo da capital o primeiro encontro literario. Esta actividade, organizada pola Concellaría de Educación de Ourense, reúne varios clubs do municipio e da provincia, que, primeiro, debaten sobre aspectos formais e temáticos dunha novela e, logo, acoden a unha cita co autor ou autora.

Nesta ocasión convocounos a novela de Manuel Portas Faneca Brava. O debate foi iniciado por Paula Nogueira, membro do noso club, a partir do tema dos roles femininos impostos polo franquismo e a posición da muller na sociedade da posguerra. Outros temas que se trataron foron as agresións a nenas no ámbito familiar, a pederastia na Igrexa, o mundo das aparencias, os desexos de vinganza, o afán de superación etc. Tamén se falou dos personaxes, as relacións entre eles e as voces narradoras. A discusión foi moi animada e algúns temas suscitaron algunha controversia, non obstante, en xeral, as valoracións coincidiron bastante entre os contertulios/as.

Só nos cabe felicitar os membros do noso club polo seu saber estar e polas súas intervencións. Unha mención especial merecen Paula Nogueira Nogueira e José Manuel Rodríguez Quintela, que participaron activamente no debate.

Comentarios (0) - Categoría: ENCONTROS LITERARIOS - Publicado o 17-02-2014 19:46
# Ligazón permanente a este artigo
O CLUB LE FANECA BRAVA, DE MANUEL PORTAS

O club de 2º ciclo e BAC le Faneca brava, de Manuel Portas, unha novela sobre unha familia agarrada ao fío fráxil das aparencias, detrás das cales se agochan segredos e mentiras.

Crítica de Trafegando ronseis.


Recensión de Manuel Rodríguez Alonso
.

Recensión de Manuel Bragado
.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 08-01-2014 13:20
# Ligazón permanente a este artigo
VISITOUNOS MANUEL NÚÑEZ SINGALA

O mércores 18 de decembro recibimos a visita de Manuel Núñez Singala, autor de Menú de enganos, En galego por que non? e O achado do castro entre outros libros. O escritor falou co alumnado de 4º de ESO e 1º de BAC sobre como concibiu os relatos de Menú de enganos, respondeu amablemente as preguntas que lle formularon e asinou libros. O alumno de 1º de BAC e membro do club de lectura Xosé Manuel Rodríguez Quintela foi o encargado da súa presentación, que realizou de maneira impecable, sen soporte textual.
Comentarios (0) - Categoría: VISITAS - Publicado o 07-01-2014 14:55
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal