Club de lectura Nós tamén navegar IES Lagoa de Antela


ler sen cancelas

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

TERTULIA LITERARIA EN ALLARIZ

O mércores 26 de novembro celebramos en Allariz unha tertulia literaria arredor da novela de Francisco Castro O corazón da Branca de Neve. Mentres rapazas e rapaces do noso club de lectura e dos clubs do IES Allariz, IES Cidade de Antioquía, IES San Mamede e IES de Bande debatían sobre diferentes aspectos temáticos e literarios, o escritor vigués participaba nun programa de radio con outros membros dos diferentes clubs. Despois dun intenso debate, Francisco Castro fixo acto de presenza e mantivo un coloquio con todos os presentes, respondendo amablemente as súas preguntas. Finalmente, asinou algúns libros.

Temas como a adopción ilegal, as mafias, a corrupción, as adiccións suscitaron moita discusión e enfrontou posturas nun clima de diálogo e respecto.

A charla do escritor foi amena, didáctica e moi suxestiva, Francisco Castro é un excelente comunicador que conecta moi ben cos seus lectores e lectoras.

Agradecemos ás organizadoras todo o traballo de planificación para gozarmos desta xornada inesquecible.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 04-12-2014 20:41
# Ligazón permanente a este artigo
COMEZAMOS CO CLUB DE PROFES

Celebramos a primeira tertulia do club de lectura de profes na Taberna Acevedo de Xunqueira de Ambía combinando literatura e gastronomía. O libro que inaugurou a xornada foi El chico, de Steve Hamilton, unha novela de intriga contada por un rapaz que non fala pero que, non obstante, é capaz de comunicarse coas persoas coas que se relaciona. A historia engancha porque mantén a incertidume e dosifica a información. Describe con precisión o mundo da delincuencia en todas as súas formas, explora vehículos de comunicación coma o cómic, fala da intervención do azar na vida das persoas, do amor, da capacidade de superación, da necesidade de escoitar…
Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 16-11-2014 12:17
# Ligazón permanente a este artigo
COMEZA A ANDAINA DO CLUB

Comezou a andaina dos clubs de lectura co libro de Fancisco Castro O corazón da Branca de Neve, unha historia policial de nenos roubados e mafias que trafican con seres humanos.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 16-11-2014 12:15
# Ligazón permanente a este artigo
CHUS ESCRIBE SOBRE A SÚA EXPERIENCIA NO CLUB

A nosa compañeira Chus conta a súa experiencia no club.


O pasado mes de setembro incorporeime outra vez ao IES Lagoa de Antela despois de pasados oito anos e, a verdade, sentinme partícipe da frase que pronunciou fray Luis de León: “… como decíamos ayer…” ao incorporarse á súa cátedra despois de pasado anos. Poucos cambios había, tanto no troco de xente como no “desgaste” que producen os anos, máis ben parecía ao contrario.

A xente, na miña primeira etapa, tíñame por unha lectora ávida, pero cando voltei seguíanme recordando como tal; e pronto comenzáronme a recomendar libros, cheguei a ter lista de espera. Da noite para a mañá atopábame afiliada á biblioteca que, por certo, funciona fenomenal, levan todo “al dedillo”, non se lles escapa nada!; e tamén era membro do clube de lectura. Nunca pertencera a ningún e, ao principio, impúñame un pouco, pero, a verdade, atopeime cunha moi grata sorpresa: un grande respecto, unha boa amizade e, como non, unha diversidade de opinións que che fan reflexionar sobor o porqué das cousas e que non son tan simples como a primeira vista nos parece.

Para o clube de lectura recoméndanse entre os membros textos diversos, xa sexan artigos, relatos, libros ou películas para logo ser comentadas. Sempre vin que non había problemas; todo o mundo aceptaba, pero por convencemento, nunca por imposición ( dá gusto ver a democracia interna que existe e o bo ambiente que impera).

Outra das grandes sorpresas coas que me atopei foi co libro electrónico. Reacia onde as haxa a estes progresos, non por medo, senón por afianzamento ao papel, fíxenme defensora de tal aparello (crede que só ata un punto); máis ca nada pola comodidade que me supón poder facer outra cousa ó mesmo tempo (camiñar, facer ximnasia, estar na cama, etc) e sobor de todo polo peso e a comodidade de non ter que ir con “guías telefónicas” a tódolos sitios. Saber que tes outros libros gardados esperándote e cun coste cero é algo extraordinario: si, xa sei que na biblioteca tamén os tes, pero é distinto.

Remata o curso, e non sei se voltarei o ano vindeiro, pero o que si sei é que levo os mellores recordos e experiencias que se poden levar dos compañeiros. Todos temos “a nosa leira en Toledo”, pero é moi importante sabela repectar e delimitar (aí é onde se demostra a verdadeira liberdade e democracia); pois ben, aquí de verdade que existe. Levarei sempre estas experiencias, que aínda que non son “fortes”, non deixan de ser menos importantes e axudan a seguir formándonos como persoas.

GRAZAS A TODOS/AS

En Xinzo de Limia a 18 de xuño do 2014

Dende o club agradecemos estas palabras da nosa compañeira Chus, incansable e voraz devoradora de libros, excelente tertuliana e asidua visitante da biblioteca.
Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 24-06-2014 21:14
# Ligazón permanente a este artigo
5ª REUNIÓN DO CLUB

A última reunión foi una festa. Xantamos no Langrina un restaurante situado na zona vella de Xinzo e que prepara uns menús deliciosos, exquisitos.

Debatemos sobre La cena, de Hermann Koch, sobre a película Un dios salvaje, de Roman Polanski, e sobre o poemario Penúltimas tendencias, de Carlos Negro. A charla foi moi animada, distendida, salpicada de reflexións pero tamén de moito humor, notábase que as clase remataran. Falouse da relación pais e fillos, da herdanza biolóxica, de natureza e sociedade, dos instintos primarios e a súa domesticación. Cando algo inesperado activa as emocións, salta o salvaxe reprimido que habita en nós, e xa non hai razón que valla, nin idea de xustiza nin ética, só instinto.


FELIZ VERÁN LECTOR!!
Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 24-06-2014 21:13
# Ligazón permanente a este artigo
AS NOSAS ALUMNAS PARTICIPARON COMO XURADO NO PREMIO LITERARIO SAN CLEMENTE

O martes 16 de xuño acudimos a unha cita coa literatura en Santiago. Seis das nosas alumnas de 2º de BAC, Clara, Lara, Kimberly, Eva, Lorena e Leticia, participaron, xunto con alumnas e alumnos doutros institutos de Galicia e do IES Rosalía de Castro de Santiago, como xurado no prestixioso premio literario San Clemente que convoca o instituto compostelán. Despois de reunirse, defender a súa escolla e votar, os membros do xurado comunicaron aos medios os gañadores en cada unha das tres categorías convocadas. En Lingua Galega o premio foi para Carlos Reigosa pola súa novela A vitoria do perdedor, en Lengua Española o premio recaeu no escritor colombiano Juan Gabriel Vászquez por Las reputaciones e o premio en Lingua Estranxeira levouno o escritor suízo Joël Dicker, pola novela La verdad sobre el caso Harry Quebert. Logo dunha sesión de fotos xantamos no Casino e paseamos polas rúas cargadas de historia de Santiago. Algunhas das nosas alumnas percorrerán as rúas de Santiago moitas veces nos próximos anos, deixarán pegada nelas e sucumbirán ao seu magnetismo, inevitablemente.

Foi unha xornada inesquecible. Pero máis inesquecible supoñemos que será o día da entrega de premios, cando as nosas alumnas e nón teñamos a oportunidade de saudar e intercambiar palabras cos escritores galardoados.

O noso acompañante e profesor de inglés, Pablo Antorrena, viviu con especial emoción esta cita, pois estudou o bacharelato no instituto Rosalía de Castro e fartouse de saudar o profesorado e lembrar vellos tempos.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 23-06-2014 09:16
# Ligazón permanente a este artigo
O CLUB ASISTIU A UNHA CREACIÓN EN DIRECTO DO ARTISTA RAFAEL CACHALDORA

Deixamos unha foto do momento de creación de Rafael Cachaldora, que pintaba inspirado na música de Daniel Minimalia.

Un pracer para os sentidos.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 01-06-2014 13:51
# Ligazón permanente a este artigo
2ª TERTULIA EN OURENSE

Celebramos a 2ª das tertulias ourensás organizadas pola Concellaría de Educación. El lector de Julio Verne, de Almudena Grandes, foi a novela que nos convocou a unha nova cita coa literatura compartida. Unha historia que resultou difícil de ler para os membros do club pola frecuencia de saltos temporais e múltiples personaxes que aparecen. O coloquio xirou en torno ás relacións entre os personaxes, á división entre os bandos enfrontados, á dureza dunha guerra civil e as súas consecuencias; tamén se falou de amizade, do amor en todas as súas manifestacións, de heroes e mitos, de realismo, de personaxes nada maniqueos… A pesar de seren a Guerra Civil e a posguerra acontecementos dun período que ao noso alumnado lles queda moi lonxe, resultoulles interesante saber como era a vida nesa época, mesmo reprocharon que nas clases se tratase pouco este período da nosa historia.

Despois da tertulia a nosa coordinadora Sara Dacal tíñanos reservada unha sorpresa moi agradable, un encontro no Museo Municipal co artista que estaba expoñendo, Rafael Cachaldora, que nos agasallou cunha creación en directo, sendo acompañado no proceso creativo pola música en directo de Daniel Minimalia. Logo guiounos pola exposición facendo de anfitrión a un alumnado realmente impresionado. Só nos queda dar as grazas a Sara, a Rafael e a Daniel por este agasallo artístico.
Comentarios (1) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 01-06-2014 13:48
# Ligazón permanente a este artigo
CELEBRAMOS A 4ª REUNIÓN DO CLUB DE PROFES

Celebramos a 4ª reunión do club de profes. O lugar escollido nesta ocasión foi Casa Outeiriño, no concello de Rairiz de Veiga, onde degustamos ricas viandas durante a tertulia.
Un libro dos que nos convocaron foi Unha lectora fóra do común, de Alan Bennet, que nos pareceu interesante porque fala do poder da lectura e dos beneficios que proporciona. Aínda así non foi un libro que convencese a algunhas persoas. Outro libro que xerou controversia foi A esmorga, de Eduardo Blanco-Amor, pois a algunhas persoas resultoulles difícil de entender e a outras encantoulles. A novela conta como tres personaxes marxinais despois dun día de festa descontrolada acaban morrendo traxicamente. O exceso de alcohol desata os instintos máis primarios e conduce os mozos a un camiño sen retorno.
O terceiro libro, La cena, de Hermann Koch, suscitou moita discusión, pero como algunhas persoas non leran a novela, decidiuse aprazar o coloquio ata a seguinte reunión. O escritor holandés logra trazar unha historia que engancha, confunde e arrastra o lector por camiños insospeitados. Reservaremos os comentarios para a próxima reunión, que se prevé animada.
Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 18-05-2014 19:44
# Ligazón permanente a este artigo
O CLUB LE EL LECTOR DE JULIO VERNE

O club de lectura de 2º ciclo e BAC le El lector de Julio Verne, de Almudena Grandes. A novela é a segunda entrega da serie Historia de una guerra interminable e trata da resistencia dalgunhas persoas a someterse a un réxime opresor, que se enfrontan a ignominia con dignidade. A historia cóntase a través da mirada dun neno que se debate entre a atracción polos proscritos e o amor a seu pai, un garda civil que os persegue. Unha novela de iniciación á vida, onde os sentimentos afloran, onde todos os medos cohabitan e se confunden.


Máis información aquí e aquí.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 16-04-2014 12:21
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal