Celebramos a 4ª tertulia de profes, desta vez escollemos o restaurante Habana en Ourense para a nosa reunión, acompañando as palabras con delicioso pastel de cabracho e arroz con curri. Aínda que foi a sesión menos concorrida, só 6 persoas acudimos á cita aínda que moitas máis persoas leron os libros, foi moi interesante. Con Maldito karma houbo un intenso debate sobre a calidade do texto, as expectativas defraudadas dalgunhas persoas, o pracer que lles provocou a lectura a outras e tamén se polemizou sobre o final da historia. A novela enganchou a algunas persoas que pasaron momentos divertidos coa parodia dos valores occidentais na procura dunha felicidade enganosa e a consciencia do valor das cousas cando se perden.
Respecto a Purga houbo unanimidade na consistencia e calidade da novela, caracterizada pola dureza e a violencia cara ás mulleres. Destacouse a técnica de crear unha atmosfera de misterio a través da incorporación de elementos de intriga dosificados, de indicios, de interrogantes; o paralelismo das personaxes, vítimas da humillación e o medo; os ambientes sórdidos e a falta de liberdade; a situación dun país sometido e as secuelas que deixa nos seus habitantes?
Nesta ocasión tivemos unha compañeira moi especial que foi a fotógrafa oficial da reunión. Paula, de seis anos, escribiunos unha dedicatoria ás integrantes do club, concentrándose na tarefa mentres nós falabamos. Dende aquí unha homenaxe para esta cativa que promete na creación de historias. De nai lectora, xa se sabe...
O xoves vindeiro celebraremos a 2ª tertulia no Liceo ourensán. Na novela de Lorenzo Silva hai referencias a películas e cancións, deixamos algunha información de interese:
The Wire é o nome dunha serie policíaca de culto onde se tratan temas variados como: o narcotráfico, a política, a corrupción, o ensino, os medios de comunicación... Nesta serie moitos dos seus protagonistas son nenos e adolescentes nacidos en ambientes marxinais que se ven obrigados a delinquir.
O pasado 19 de marzo, o alumnado de 1º e 2ºde ESO do IES Lagoa de Antela, recibiu unha agradable visita do coñecido escritor chairego Xabier P. Docampo.
Ao entraren no salón de actos, dous compañeiros fixeron a presentación e relataron os seus méritos. O modesto escritor comentou que non era precisa a súa exposición, xa que non se necesitaba coñecelos, que el só era un escritor. Seguidamente, e con un gran sentido do humor, explicou e argumentou con varios exemplos o importante que era a literatura para o ser humano, ata convencelos a todos.
No remate da súa intervención respondeu todas as dúbidas e preguntas dos alumnos, e despediuse deixándonos a todos con ganas de máis, e expectantes tras a súa extensa charla na que falou de todo, pero principalmente da literatura. Deixou a moitos alumnos co desexo de exercer o mesmo traballo que Xabier, o de escribir, porque como el dixo: "non hai máis pracer que poder darlle vida a outro mundo, no que ti es o que decides os seus sucesos". Finalmente rexeitou asinar autógrafos, como xa dixen é ben modesto , e como el dixo : "o de asinar autógrafos é cousa de futbolistas". Pero asinou con orgullo os seus libros, varias veces premiados.
Víctor Álvarez Canto 2º A
Unha das cousas que máis chamou a atención dos aistentes foi que Xabier P. Do Campo lles dixese que, cando era pequeno, na súa casa só había dous libros, cousa que sorprendeu moito debido a súa profesión. Finalmente o escritor despediuse e os alumnos voveron ás súas respectivas aulas.
O día 22 de marzo recibimos a visita de Fran Alonso, autor de Cartas de amor e de Poetízate.
Primeiro o escritor, editor e xornalista, mantivo un encontro cos membros do club de lectura na biblioteca, onde respondeu diversas preguntas e asinou libros, e, posteriormente, deu unha charla no Salón de Actos aos cursos de 4º de ESO e 1º de BAC. Foi presentado por Álex Rodríguez, de 1º de BAC, e Fatima Aboufaris, de 4º de ESO. Tamén Tiziana Rodríguez e Alba Alonso,de 1º de BAC, recitaron un poema seu.
Cando Fran Alonso tomou a palabra resolveu todas as dúbidas que provocaran os seus libros, contounos como se xestaran as historias de Cartas de amor, contestou algunhas preguntas e, para rematar, agasallounos coa lectura animada duns poemas propios e alleos. Unha delicia.
Grazas, Fran, pola túa visita e as túas palabras. Foi un pracer escoitarte.
Hoxe é o día do teatro e cómpre lembralo e dedicarlle unha entrada.
No noso insti temos un grupo de teatro que mañá vai celebrar o día representando dúas pezas creadas e ensaiadas de maneira autónoma. Ben merecen os seus membros unha homenaxe.
Que é e para que serve o teatro?
O teatro é unha forma de comunicación que serve para expresar pensamentos e emocións.
Na antigüidade, a través das máscaras as persoas imitaban escenas da realidade e creaban rituais para pedir algo aos deuses ou espantar perigos. A comunidade participaba en ceremonias que provocaban a catarse ou alivio emocional.
Os beneficios do teatro nas aulas son múltiples: favorece as habilidades sociais e comunicativas, incrementa a autoestima, potencia a observación, a concentración e a memoria, facilita o traballo grupal, ensina a respectar ao diferente, fomenta a sensibilidade, axuda a pórse na pel do outro estimulando a empatía, abre as portas á imaxinación, fai tomar conciencia da realidade e de un mesmo?
Achégase o 21 de marzo, día da poesía, e xa estamos a celebralo.Vía Trafegando ronseis soubemos deste vídeo baseado no caligrama de Guillaume Apollinaire "Il pleu"t.
Tamén atopamos estoutro vídeo poético-musical baseado en caligramas.
O club de 2º ciclo le La estrategia del agua,de Lorenzo Silva.
Trátase dunha nova historia policíaca de Bevilacqua e Chamorro: tras unha decepcionante experiencia co sistema xudicial, que puxo en liberdade a un asasino ao que detivera logo dunha longa investigación, o brigada Bevilacqua, alias Vila, desencantado e escéptico, enfróntase a un novo caso: un home chamado Óscar Santacruz apareceu con dous tiros na caluga no ascensor da súa casa. Parece o «traballo» dun profesional, o que se antolla desmesurado dada a pouca transcendencia da vítima, que ten algúns antecedentes menores por tráfico de drogas e violencia de xénero. Vila e a súa compañeira, a sarxento Chamorro, afrontan a tarefa, moi de mala gana por parte de Vila, actitude que empezará pagando «o novo», Arnau, un novo garda que aos poucos se irá gañando a confianza do brigada.
Parece que os problemas na vida de Óscar, aparte dos seus rozamentos coa xustiza, limítanse ao seu divorcio, mal levado e cun fillo polo medio. Pero, que esconde a denuncia que pesaba sobre a vítima por malos tratos? E a súa detención por tráfico de drogas? En que escuros asuntos estaba envolto este home en aparencia tan pouco perigoso?
No PCPI están a ler Rúa Carbón, de Marilar Aleixandre: Paula viaxa a Donosti de vacacións para coñecer a historia de seu pai Iñaki e a súa relación con ETA. O amor, a conformación da identidade, o conflito basco son os temas en torno aos cales xira esta novela.
O alumnado de Diversificación lerá O centro do labirinto, de Agustín Fernández Paz, novela de ciencia-ficción ambientada en 2054, nunha Europa unificada na que a lingua oficial é o euroinglés. A historia iníciase coa desaparición de David, un mozo alemán que viaxa con súa nai a Galicia para coñecer a terra dos seus devanceiros. O suceso permítelle contactar cunha comunidade clandestina que mantén a lingua e a cultura de seu, ademais de descubrir o amor na relación con Branda, unha rapaza da comunidade.