Club de lectura Nós tamén navegar IES Lagoa de Antela


ler sen cancelas

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

RAQUEL TRIGO VALORA A SÚA EXPERIENCIA NO CLUB DE LECTURA

Raquel Trigo, integrante do club de lectura e gañadora do libro do mes de maio (Rúa Carbón) valora a súa experiencia no club de lectura e comenta os libros:

Ata que non comecei a formar parte do club de lectura nunca lera libros pola miña conta que non fosen os típicos en que uns rapaces viven unas aventuras irreais e acaban namorándose. Este club abriume as portas a outro tipo de lecturas que te fan pensar.

Gustoume moito a etapa en que a “madriña” do grupo nos daba relatos breves moi interesantes, sempre acababas con ganas de que che dese máis ou directamente te puñas a ler todas as obras do autor. Internet foi a miña salvación! Os libros estiveron magnificamente escollidos e cada un agochaba unha valiosa intención. Eu acabei con fame de máis e máis galego!

Moonkid e Liberty (Paul Kropp) gustoume porque me fascina a psicoloxía dos adolescentes (e tamén a dos adultos) e as actitudes propias destes diante das aparencias. Ademais a lectura é fácil. Dous irmáns e dous puntos de vista: un considérase un extraterrestre e no acepta o comportamento da súa irmá nin do resto da humanidade, quizais un mecanismo de autodefensa para non sentirse culpable diante das inxustizas e non asumir a súa propia responsabilidade como humano; a outra loita por ser alguén, popular e avergonzase de seu irmán e de seu pai. Os dous maduran e…

Un home que xaceu aquí (Aníbal Malvar) atraeume aínda que antes non me gustaban as novelas policíacas. Pero, por que os protagonistas destas novelas son homes amargados e divorciados? Cóntase a investigación dun profesor, incitada por unha compañeira, acerca do roubo dun manuscrito.

As confesións de Carlota Doyle (Avi) enganchoume pola ambientación, o mundo da navegación e trata das aventuras dunha rapaza a bordo dun barco.

O diario vermello de Flanagan ( Andreu Martín) foi moi construtivo pero non me gustou demasiado. O máis interesante foron os debates na clase e as conversas co sexólogo sobre a homosexualidade, a prostitución e as diferenzas entre sexos: por que esa teima do tamaño do pene nos rapaces?

Made in Galiza (Séchu Sende) é un libro con metáforas sobre a lingua que te fan escachar de risa ou que che dan unha labazada pola crúa realidade. Recomendo “Falar en soños”, “Eu fixen ouigha co espírito de Castelao” e “O paracaídas”. O autor, Séchu Sende, tamén é moi divertido.
Ollos de auga (Domingo Villar) engancha e o humor vén da man dun policía de Zaragoza que se desespera cos costumes e forma de contestar dos galegos.

Durmido sobre os espellos … encantoume. Esta novela apaixonoume polas cousas que contaba de Cuba, da súa xente, da súa ideoloxía, historia… Sentín a pel escura abrasante rozando a miña. Merece a pena coñecer unha cultura como a deses países, namóraste!
Comentarios (0) - Categoría: VARIOS - Publicado o 27-06-2008 10:17
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal