
Acudimos a unha nova cita coa literatura no Liceo de Ourense. Viaxamos cos integrantes dos clubs de lectura do IES Cidade de Antioquía e IES ALLariz para reunírmonos máis tarde, xa no Liceo ourensán, cos lectores e lectoras do IES San Mamede e IES Ribadavia. O libro que nos convocou nesta ocasión foi O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila.
Serafín Alonso, profesor de Lingua do IES Ribadavia, deu uns datos sobre a escritora e abriu o camiño para o debate co tema da identidade e a partida. Ao principio ao alumnado custoulle entrar no coloquio pero logo foron agromando temas que suscitaron moita discusión como: a relación dependente entre Clarissa e Emma, a relación homosexual entre mulleres, o ambiente abafante de Faith, a literatura como coñecemento e liberación?
Para finalizar, xa no Salón de Actos e xunto cos integrantes dos clubs da capital, celebrouse o encontro con Berta Dávila. A escritora falou de como concibiu a historia, respondeu as numerosas preguntas formuladas polas lectoras e lectores e asinou libros. Durante a súa intervención, a autora do libro O derradeiro libro de Emma Olsen fixo gala dunha fina ironía.
|