
O luns 10 de marzo recibimos a visita do escritor Marcos Calveiro, que impartiu dúas charlas, unha dirixida ao alumnado de 1º de ESO, que leu o libro Palabras de auga; e outra para o alumnado de 3º de ESO, que leu O pintor do sombreiro de malvas. As charlas foron moi interesantes, amenas e didácticas, pois o escritor acompañou o seu discurso dunha presentación moi gráfica, contounos detalles importantes do núcleo argumental e explicou as motivacións que o levaron a escribir as dúas novelas. Foi presentado por Sofía García e Xabier Pérez de 1º ESO e Paula Nogueira e Sheila Valencia de 3º ESO. Logo de cada charla asinou libros do alumnado e da biblioteca.
Agradecemos a visita foi un pracer contar de novo coa súa presenza no instituto.
Deixamos aquí unha crónica da visita realizada por Carmen Rodríguez Rodríguez, alumna de 1º A de ESO.
O día 10 de marzo visitounos Marcos Calveiro, escritor e avogado. Non puidemos recibilo no noso instituto xa que o salón de actos quedou estragado pola recente inundación, así que fomos ao I.E.S Cidade de Antioquía, o instituto que está situado ao lado do noso.
Contounos un pouco sobre a súa vida e díxonos que, como gran lector, el quería escribir libros igual que un músico quere escribir cancións.
Explicounos un pouco sobre o seu libro Palabras de auga. É un libro moi bonito que conta a historia dun neno e da súa familia e como loitan por sobrevivir na seca. Está ambientado en África, un continente tan rico en recursos e tan pobre ao mesmo tempo. Relatounos cousas horribles que están sucedendo alí. Mulleres que lle teñen que roubar a comida ás formigas. Nenos soldado e mineiros traballando de sol a sol. Xente que morre de fame e nais que teñen que vender ao fillo maior para alimentar os máis pequenos. Persoas que escapan daquel pesadelo e morren por intentalo. Pero non todo é traxedia. El coñece a unha familia que conseguiu escapar daquel horror.
Foi unha visita moi bonita na que aprendemos moitas cousas.
VISITA DE MARCOS CALVEIRO |