Celebramos a 3ª tertulia de adultos, non só de profes, na Taberna Acevedo cun menú composto de literatura, cine e ricas viandas.
Falamos sobre a peza teatral
El chico de la última fila, de Juan Mayorga, da película baseada nela,
Dans la maison (En la casa), de François Ozon, e da novela
Morning Star, de Xosé Miranda.
No texto de Mayorga ficción e realidade acaban fundíndose no mesmo plano. Para algunhas persoas o motor do conflito é a frustración do profesor que leva o exercicio da docencia máis alá da aula e acaba sucumbindo á curiosidade; para outras persoas, é a propia curiosidade a que altera a rutina do profesor e precipita os acontecementos. As relacións persoais, os sentimentos de soidade, de abandono, as diferentes percepcións ou miradas, o egoísmo, a imaxinación, o desamor, todos estes temas están presentes neste texto breve e que foi levado ao cine por François Ozon co título de Dans la maison.
Morning Star é unha novela de aventuras ambientada na Galicia do século XIX, cando se produciu o levantamento do xeneral Solís, e que homenaxea a mítica novela de Robert Louis Stevenson A illa do tesouro. O nome remite ao barco do que se apoderou o famoso pirata galego Benito Soto. Xosé Miranda constrúe unha historia ben artellada con todos os ingredientes necesarios para conformar unha novela de aventuras: misterio, cofres secretos, bandos enfrontados, crueldade, ambición, amor, redención, superación e triunfo do ben; por outra banda, a novela inclúe referencias ao movemento provincialista e aos Mártires de Carral, acontecementos que marcaron a historia de Galicia e a lingua.