Celebramos a 2ª tertulia do club de profes deste curso. Desta vez convocáronos dous textos breves: o relato ?Ver las orejas al lobo? de
Alice Munro, galardoada co Premio Nóbel de Literatura este mesmo ano; e a famosa e polémica carta do xefe Seatle ao presidente dos USA. Tamén falamos da película
Lejos de ella, dirixida por
Sarah Polley e baseada no relato da escritora canadense.
O relato conta como unha muller comeza a perder a memoria e toma a decisión de ser internada nun centro psiquiátrico. A enfermidade provoca turbulencias emocionais na aparente estabilidade matrimonial, liberando mentiras, reproches velados, sentimentos de culpa e medos agochados. O deterioro progresivo da muller e o seu comportamento?inadecuado? dende un punto de vista racional desconcertan o seu home que, ao principio, se resiste a aceptar os cambios condutuais derivados da enfermidade.
A polémica xurdiu coa expresividade emocional dos personaxes cinematográficos da película, demasiado contidos e fríos para algunhas persoas. Quizais a nosa pertenza a unha cultura máis ruidosa e xestual nos impide comprender e mesmo desconfiar da expresión emocional que non se axusta á nosa aprendizaxe cultural.
A carta do
xefe Seattle foi interpretada como unha apoloxía da defensa da terra, a costa da idealización do bo salvaxe. Algunhas persoas sorprendéronse de que a carta fose en parte falsificada para favorecer a concienciación ecolóxica. A maior parte das contertulias coincidían en que o importante era a mensaxe, a denuncia da agresión á natureza exercida por unha parte da humanidade.