
Celebramos hai xa tres semanas a 1ª reunión do club de profes. Os textos escollidos para o debate foron a novela Sabor a canela, de José Carmona, un artigo de Noam Chomsky, "El control de las mentes", e o 1º capítulo de No logo, de Naomi Klein. O debate foi intenso dende o primeiro momento, con enfrontamentos dialécticos interesantes. O libro de José Carmona provocou a primeira discusión, pois algunhas persoas viron defraudadas as súas expectativas iniciais e sentíronse estafadas, mentres que outras sentiron a historia como un xogo de realismo máxico.
O tema das marcas, tema do libro de ensaio de Naomi Klein, No logo, foi moi controvertido, pois houbo un contertulio que discrepaba totalmente do enfoque do texto, restándolle actualidade e orixinalidade. Fronte á opinión xeral, defendía que o valor das marcas, a súa identificación cun estilo de vida e cuns valores afastados do produto en si, non é un fenómeno moderno, que xa se vendía a marca como un valor en si hai séculos nas transaccións comerciais dos pobos antigos.
Co texto de Noam Chomsky non se produciu moita discusión pois as persoas que quedamos na sobremesa compartiamos a mesma perspectiva do intelectual estadounidense, que ve os mercados e as grandes empresas como entidades con dereitos fronte a unha cidadanía cada vez máis indefensa, que ve na criminalización da opinión pública unha estratexia da oligarquía para preservar intereses, privilexios e poder.
|