Club de lectura Nós tamén navegar IES Lagoa de Antela


ler sen cancelas

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

VISITA A CELANOVA

O luns 17 de xuño os clubs de lectura do IES Lagoa de Antela e IES San Mamede xuntámonos en Celanova, vila cun extraordinario patrimonio cultural e berce de escritores tan senlleiros como Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro e Xosé Luís Méndez Ferrín, para empaparnos de historia e poesía.

A primeira visita foi ao IES Celanova, onde o equipo da biblioteca, con Isidora á fronte, nos recibiu con amabilidade e agasallounos con varias pezas musicais e un emotivo recital no cal participaron alumnas e alumnos dos tres institutos. Os versos de Celso Emilio Ferreiro, Curros Enríquez e Rosalía de Castro inxectaron maxia no ambiente e arrancaron sonoros aplausos. Logo, deambulamos polos diferentes recunchos da biblioteca e curioseamos os libros que descansaban nas mesas e andeis dese “marco incomparable” que forma parte do mosteiro beneditino de Celanova. Máis tarde, visitamos o claustro dos poleiros e o salón de actos, antigo refectorio, onde as nosas anfitrioas exerceron de magníficas guías e leron algunhas normas curiosas que rexían o comportamento dos monxes durante a súa estancia no mosteiro.

A continuación, coa guía da oficina de turismo visitamos outros espazos do mosteiro: o claustro barroco, cheo de gárgolas, medallóns e inscricións; a igrexa, unha obra de arte de varios estilos onde quedamos abraiados cos coros, os libros, os retablos, o órgano e as portas; e a preciosa capela de San Miguel, de estilo mozárabe.

Despois do xantar, realizamos unha visita guiada moi interesante á casa de Curros Enríquez e asistimos a unha proxección sobre “Nouturnio”, un dos seus poemas.

Para rematar, subimos ao campanario da igrexa por unha escaleira en espiral non apta para os que padecen vertixe, como puidemos comprobar.

Damos as grazas a Isidora e os membros do equipo da biblioteca do IES Celanova que nos acolleron con tanto agarimo nestas datas tan cargadas de traballo.





Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 23-06-2013 13:57
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal