Club de lectura Nós tamén navegar IES Lagoa de Antela


ler sen cancelas

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

5ª TERTULIA DE PROFES

Os membros do club de profes acudimos a unha nova cita coa literatura, o cine e a gastronomía.

O debate sobre o libro Exogamia0.3, de Ramón Caride Ogando, xirou en torno a temas derivados do progreso tecnolóxico e científico: a submisión por parte de moitos consumidores á publicidade tecnolóxica; a falta de ética das empresas que, movidas pola obtención de beneficios, enchen o mercado de produtos con data de caducidade (obsolescencia programada), os conflitos xerados pola explotación dos recursos naturais, que vulneran os dereitos das persoas; a falta de ética dos poderosos, que antepoñen os seus intereses, moitas veces meros caprichos, aos dereitos dos animais e das persoas máis desfavorecidas; a indecencia dun sistema económico que divide as persoas en distintas categorías; a agresión á natureza e os animais que, nalgúns casos, se volve en contra dun ser humano irresponsable…

1984, de George Orwell, tamén foi obxecto de debate, e os conceptos de dobrepensar, neolingua, nonpersoa e crimental relacionáronse coa realidade e os gobernos actuais. Unha novela que se escribiu para denunciar os estados totalitarios está a converterse nunha alegoría do comportamento dalgúns estados democráticos. Respéctase a privacidade das persoas? Respéctase ou falséase a realidade? Respéctase ou pervértese a linguaxe? Respéctase ou criminalízase o pracer sexual? Respéctase ou recórtase a liberdade de expresión? Respéctase a disidencia e a crítica do sistema ou condénase?...

Tamén se debateu sobre a película La faute à Fidel, de Julie Gavras. Falouse do compromiso político, das contradicións do ser humano canto ao discurso ideolóxico e a súa materialización; falouse da evolución e maduración dos personaxes, das relacións familiares; discutiuse sobre adoutrinamento e educación e outras cuestións derivadas das actitudes e relacións humanas.
Unha sesión moi interesante e, mentres falabamos, devoramos unha paella exquisita, digna dos mellores padais.

Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 05-05-2013 21:13
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal