O mércores asistimos á 2ª tertulia organizada pola Concellaría de Educación de Ourense sobre a novela Febre, de Héctor Carré. Compartimos autobús co club do IES Cidade de Antioquía e espazo de debate no Liceo co IES San Mamede e o IES Allariz. Desta vez aos asistentes custoulles arrancar, quizais polas altas temperaturas. Falouse das relacións entre os personaxes, da rebeldía frustrada, dos obxectivos truncados, da cobiza e das loitas polo poder, da discriminación sexual e da hipocrisía, do pouco que se ten avanzado en certos aspectos? Posteriormente celebrouse o encontro co autor de Febre, Héctor Carré Alvarellos, que contestou preguntas sobre o libro e falou da súa faceta de guionista e director de cine, evidenciada na novela, onde algunhas escenas son moi visuais, máis cinematográficas ca narrativas. Para rematar, asinou libros.
Tamén tivemos a oportunidade de ver un tráiler da nova película do polifacético Héctor Carré, Personal movie, non apta para menores de 18 anos.