En
Febre cóntase unha historia ambientada na década dos 40 do século pasado, en plena febre do volframio. Na vila de Noia, Carmucha, unha moza con inquedanzas, libra unha batalla contra as normas e lánzase a unha aventura chea de obstáculos. A ideoloxía franquista rebaixaba a categoría das mulleres á condición de servas trazando unha liña ríxida entre as decencia e a indecencia. Carmucha traspasará esa liña e loitará contra o destino castrador que intentaba impor a dobre moral dos vencedores.
Durante a década dos 40, en plena 2ª Guerra Mundial e pouco despois da Guerra Civil, a febre do volframio estendeuse por Galicia. Este mineral, usado para a fabricación de armamento, foi obxecto de disputa por parte de alemáns e ingleses que, baixo un aparente clima de rivalidade mercantil, libraban unha guerra de espías. A decantación das forzas franquistas polos nazis nesta contenda poñía en evidencia a falsa neutralidade exhibida por Franco. Mentres isto ocorría, os que se dedicaban á extracción e venda do prezado mineral trataban de sacar proveito, uns a través da explotación legal das minas e outros co contrabando. As autoridades políticas e militares eran untadas con cartos procedentes das transaccións, convertendo as comisións nun salvoconduto para as operacións de venda. Nesta consentida clandestinidade, mentres uns trataban de sobrevivir, outros enriquecéronse a custa do mineral, arruinándose logo por culpa do xogo e a torpeza á hora de administrar o diñeiro. Un pobo que acababa de padecer unha guerra, sumido na miseria, a dor e a ignorancia, con enfrontamentos entre irmáns tan recentes, converteuse en vítima da súa propia cobiza.
As minas de volframio con máis produción estaban situadas en San Finx (Lousame), Casaio (Valdeorras), no Xurés e Noia, onde se desenvolve a acción da novela de
Héctor Carré.