
A andaina do club superou unha etapa máis desta travesía cuxo destino é o mesmo feito de navegar con palabras. Desexamos que sigan intactas ou que se incrementasen as ganas de entrar e percorrer páxinas de libros, de amasar versos, de abrazar frases, de identificarse con personaxes entrañables, de detestar malvados, de andar mundos...
Como fin de festa organizamos un recital ao que convidamos outra xente á que queremos contaxiar este virus da lectura.
Os clubs de lectura do IES Lagoa de Antela e IES Cidade de Antioquía e alumnado de 4º de ESO e 1º de BAC puideron gozar dunha sesión intensa de poesía e música coas poetas María Lado e Lucía Aldao. Laura Aparicio e Lucía Fernández encargáronse da presentación, Lucía leu un poema de Lucía Aldao e Tiziana Rodríguez e Alba Nogueira leron un poema a dúas voces de María Lado. Houbo moitas risas e aplausos e o público participou da creación dun poema colectivo con trazos dadaístas. Estivo xenial!
|