Club de lectura Nós tamén navegar IES Lagoa de Antela


ler sen cancelas

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

CITA LITERARIA EN ALLARIZ CON NEIRA VILAS

CRÓNICA DA CITA LITERARIA CON NEIRA VILAS


O pasado luns día 14 de Maio visitamos Allariz. Alí, alumnas e alumnos lectores de Xinzo de Limia, Maceda, Celanova e Allariz fomos á casa da cultura da vila para coñecer o gran escritor galego Xosé Neira Vilas e falar do seu libro Memorias dun neno labrego. O autor foi recibido polo alcalde, a concelleira de educación e polos alumnos alí presentes, que pertencen ós clubs de lectura. O alcalde agasallou ó autor con obxectos simbólicos da vila tales como a figura do “boi” e unha cesta de pan trigo con algúns amendoados.
Posteriormente, algúns dos alumnos presentes no acto procederon á lectura de diferentes partes da novela noutros idiomas como, por exemplo, en inglés, portugués, francés, castelán e, por suposto, en galego.

O autor recoñeceu que era a primeira vez na que oía ós alumnos ler o relato en distintos idiomas. A continuación, o autor deu unha breve explicación e, acto seguido, procedeu a responder as diversas cuestións plantexadas polos alumnos alí presentes.

Preguntáronselle sobre o libro que leva como título Memorias dun neno labrego cuestións tales coma:

- Inspirouse na súa vida para escribir este libro?


- Non, só me inspirei brevemente nalgunhas cousas - contestaba o autor- xa que eu tiven unha infancia moi diferente á que se relata no libro, porque meu pai era moi distinto a como era o pai do personaxe principal, Balbino. O que si que é verdade é que os meus pais eran campesiños pero eles posuían as súas propias terras e non precisaban arrendarllas a ningún Señor como sucede no caso de Balbino e de Manolito.

- A que idade comezou a escribir?

- Comecei a escribir dende pequeno, cando cos meus aforros puiden comprar libros que ía agochando no tellado, ata que un día meu pai os atopou e aconselloume que os mercara con máis moderación dado que tiña o tellado cheo de libros.

- Séguese producindo a mesma diferenza socioeconómica entre os ricos e os pobres hoxe en día?

-Si, pero en menor medida á que se podía atopar na época relatada no libro.

Estas foron algunhas das cuestións máis destacables da reunión que mantivemos. Acto seguido despedimos ó autor cun forte aplauso, xa que se quedou sen tempo para poder seguir respondendo as nosas cuestións, debido a que tiña que acudir a outra reunión cos alumnos do IES Allariz.


NURIA DOMÍNGUEZ GARCÍA 2º ESO



Na foto da cabeceira podemos ver o noso alumno Xosé Manuel Quintela ler un fragmento da novela. Seica leu moi ben, dándolle vida ás palabras. Noraboa, Xosé Manuel! Tamén felicitamos o alumnado que participou nesta xornada literaria, en especial o que interveu na tertulia e a moza que escribiu esta crónica.





Comentarios (0) - Categoría: ENCONTROS LITERARIOS - Publicado o 19-05-2012 12:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal