Celebramos a 2ª tertulia no Liceo ourensán. A esta cita acudimos os clubs do IES Lagoa de Antela, IES Cidade de Antioquía, IES Allariz e o IES O Couto.
Unha vez máis a experiencia foi moi interesante, con debate intenso e intercambio vehemente de opinións diferentes. As palabras ían e viñan dunha mesa a outra sen tregua, esmiuzando os temas máis polémicos da novela de Lorenzo Silva, La estrategia del agua. Que se a custodia compartida viña a ser ou non a mellor opción para os fillos, que se as personaxes femininas respondían a estereotipos ou non, que se os prexuízos influían na percepción das persoas, que se a política e a xustiza favorecía os poderosos, que se a crise, que se isto que se aquilo, múltiples intervencións e perspectivas que removían os afectos e abrían as mentes, e todo nun clima de respecto exemplar, con aplausos desatados e algunhas risas incontidas polo medio.
A lectura e o diálogo compartido son un pracer e unha vacina contra o medo, a ignorancia, a amargura e, como non, a crise.