TEXTO LIDO NAS XORNADAS DO CLUB DE LECTURA
PARA QUE SERVE A LECTURA COMPARTIDA?
Un club de lectura crea un espazo de comunicación íntimo que promove o diálogo dende o respecto, provoca a reflexión, potencia a imaxinación, convida a viaxar de balde, contribúe a combater prexuízos e a desenmascarar estereotipos, crea complicidades, esperta a conciencia e a sensibilidade, incrementa a confianza, é un pasaporte ao pasado e ao futuro, favorece o coñecemento da propia identidade e do outro, polo tanto, axuda a aceptar as diferenzas, edifica espazos habitables e tende pontes entre culturas, destrúe muros, sobre todo os que constrúe a ignorancia, compensa desigualdades e contribúe á adquisición das competencias básicas. Ler fainos máis críticos e, polo tanto máis libres. De aí que estea convencida de que a seguinte fase deste proxecto que é a lectura compartida se instale nas aulas. Como docentes comprometidos co ensino público creo que debemos rescatar a lectura das marxes e integrala no currículo e evitar así que se faga máis profunda a brecha entre favorecidos e desfavorecidos. Pero o camiño cara a ese horizonte non é fácil, máis ben se albisca arduo e cheo de obstáculos, pois, ademais de competir coa poderosa industria do ocio e consumo que vende produtos atractivos pero baleiros de contidos, ou cos medios que difunden vulgaridade e espectáculo, agora, por se fose pouco, debemos enfrontarnos ao inimigo na propia casa: a unha administración que ameaza con someter os proxectos de promoción da lectura a recortes drásticos, a unha administración que fai depender a existencia e continuidade destes proxectos do voluntarismo e da carga horaria do profesorado. Nós non somos heroes nin heroínas, nós só somos obreiros e obreiras da aprendizaxe que queremos desempeñar o noso traballo dignamente e que este sexa recoñecido, nin máis nin menos. Non, nós non somos heroes nin heroínas pero sabemos indignarnos.
E, por último, en palabras de Lois Pereiro:
Que a vida non me sorprenda xamais
desprevenida, calada e neutral.
Porque se eles non nos deixan soñar, nós non os deixaremos durmir.
|