Club de lectura Nós tamén navegar IES Lagoa de Antela


ler sen cancelas

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

CELEBRAMOS A 2ª TERTULIA DO CLUB

Algúns membros do club reunímonos o xoves, día sen transporte escolar, en Xinzo para falar de El tiempo entre costuras e Pel de lobo. Foi unha mágoa que non puidesen asistir todos os integrantes do club pois a novela de María Dueñas suscitou bastante controversia. Manuel repartiu fotocopias sobre a explotación do wolframio en Galicia na posguerra e tamén sobre un caso acontecido preto da capital: dous nenos foron atopados mortos con signos de violencia e a súa morte foi atribuída aos lobos. O medo aos lobos no imaxinario popular aínda pervive na sociedade rural galega.
Foi un coloquio interesante, non hai dúbida.
Comentarios (1) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 21-02-2011 21:03
# Ligazón permanente a este artigo
O CLUB DE PROFES LE PEL DE LOBO E EL TIEMPO ENTRE COSTURAS

Para a próxima tertulia temos dous libros e varios relatos para comentar: El tiempo entre costuras, de María Dueñas (entrevista), a novela de éxito este ano que remata; Pel de lobo, de Xosé Miranda; e varios relatos ("O xogo da guerra", de Carlos Casares; "A barra de pan", "Que non quede nada" e "Que me queres, Amor?", de Manuel Rivas; e "A proba do alfinete", de Gonzalo Navaza).

Espero que vos gusten!

Feliz Aninovo!
Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 30-12-2010 11:43
# Ligazón permanente a este artigo
CRÓNICA DA PRIMEIRA CITA CO CLUB DE PROFES

O xoves 25 de novembro 13 membros do club de profes celebramos a primeira tertulia literario-gastronómica. Nesta primeira sesión, ademais de intercambiar impresións sobre Veleno tinto, de Ramón Carredano, e La evolución de Calpurnia Tate, de Jacqueline Kelly, degustamos as delicias (fixádevos no menú) que nos preparou o alumnado do PCPI de Cociña, comandados polo seu profesor Álex. Foi unha xornada moi moi pracenteira.
Destacamos a discusión que provocou a novela da escritora estadounidense: a súa suposta calidade, a intención feminista, a influencia mediática na promoción, a evolución do ser humano fronte ao resto dos seres do reino animal... Tamén o personaxe do avó suscitou controversia, pois para uns era un home asocial e egoísta, que só se preocupaba pola súa fección; e, para outros, era un ser entrañable e encantador.
Canto a Veleno tinto, case todo o mundo coincidiu en que se trataba dunha novela xuvenil de intriga, de estrutura impecable e con moito humor, aínda que a alguén lle parecía algo previsible. Falando da trama desta novela retrocedemos á Idade Media e revivimos as intrigas polo poder.

Grazas a Álex e todo o seu equipo por ese menú tan rico. Grazas ás persoas que asistiron e, en especial, a María Cerradelo por atreverse a internarse nun medio hostil e saír ilesa.




Comentarios (3) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 28-11-2010 20:30
# Ligazón permanente a este artigo
CELEBRAMOS A 3ª XUNTANZA DO CLUB DE PROFES

O xoves 13 celebramos a 3ª xuntanza do club de profes, desta vez o grupo mermou por diversas circunstancias. Mentres esperabamos a Pilar e a Mirian, que a fora buscar, algúns profes posaron para a posteridade co libro de maior éxito este ano no club, no instituto e na nosa comunidade: A praia dos afogados, de Domingo Villar. Con respecto á novela nesta sesión non houbo discrepancias: todo o mundo recoñeceu que a trama, os personaxes e os ambientes estaba ben deseñados. A salmantina Ana Escudero e a vallisoletana Mirian recoñeceron que tiñan debilidade polo personaxe do detective Estévez, que o comprendían moi ben, por que será?
O libro que suscitou máis polémica foi Cometas en el cielo, de Khaled Hosseini. A historia pareceulles a algunhas persoas demasiado truculenta, con acontecementos forzados para encaixar nun guión ríxido, con personaxes inverosímiles. Outras opinaban que os comportamentos estaban mediatizados polo concepto de honra da sociedade persa. Algunhas persoas presentes admitiron que lles custara continuar polo desagradable dalgunhas escenas...

Non se falou de lecturas concretas para a última sesión pero hai dúas planificadas (O vixía no centeo, de J. D. Salinger e Ruído, relatos de guerra</i>, de Miguel Anxo Murado) e unha por decidir, de temática máis doce ou divertida.
Recomendamos ler como actividade de ocio, é gratis, ideal para os tempos que corren...
Comentarios (2) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 15-05-2010 19:09
# Ligazón permanente a este artigo
O MINISTRO RUBALCABA TAMÉN LE A PRAIA DOS AFOGADOS
Sorpresa, ao ministro de Interior, Pérez Rubalcaba, tamén lle gusta A praia dos afogados, outro fan máis que engadir á longa lista. Curioso, non? Tomamos a noticia de A estela dos ronseis.

Comentarios (2) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 09-04-2010 21:49
# Ligazón permanente a este artigo
2ª XUNTANZA DO CLUB DE PROFES

O xoves 11 de marzo celebramos a 2ª xuntanza do club de lectura. O lugar escollido desta vez foi o comedor do instituto onde departimos saboreando os manxares que nos preparou o alumnado de cociña baixo a dirección do seu profesor Javier. Cos aperitivos falamos dos impactantes relatos “Eles” e “Botas de elástico” de Arraianos de Xosé Luís Méndez Ferrín (algunhas persoas confesaron que lles custara enfrontarse á lingua ) e logo de Baixo mínimos, de Diego Ameixeiras. Esta novela suscitou bastante controversia, dando lugar a un debate sobre a calidade desta novela negra, cualificada por algún tertuliano de subproduto. Mágoa non contar coa presenza do autor… Xa co arroz con bogavante botámoslle o dente a Persépolis, de Marjana Satrapi, cómic aplaudido por unanimidade pola súa calidade plástica e temática. Por último, logo da sobremesa e do café, asistimos á proxección da película de animación do mesmo nome e as poucas persoas que puidemos quedar ata o final coincidimos nas nosas apreciacións: filme de impecable factura.
A próxima cita terá lugar a finais de abril e as lecturas escollidas foron: as novelas A praia dos afogados, de Domingo Villar, e Cometas en el cielo, do escritor afgán Khaled Hosseini,novela que foi levada ao cine co mesmo nome de Cometas en el cielo. Temos unha entrevista a Domingo Villar en Página 2. Tamén se lerán uns relatos de Ruído, de Miguel Anxo Murado (ficha do autor bvg).
Comentarios (1) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 17-03-2010 10:37
# Ligazón permanente a este artigo
FOTO DE CLUB

Esperamos que esta experiencia siga co mesmo éxito nas próximas xuntanzas.
Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 07-02-2010 11:07
# Ligazón permanente a este artigo
MÁIS FOTOS DO CLUB

Para marzo a 2ª xuntanza, con Persépolis, de Marjana Satrapi, e Baixo mínimos, de Diego Ameixeiras. E sesión de cine incluída.
Comentarios (2) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 07-02-2010 11:03
# Ligazón permanente a este artigo
PRIMEIRA XUNTAZA DO CLUB DE PROFES

O xoves celebramos a nosa primeira xuntanza literaria. Ao pracer da palabra compartida sumouse o pracer do padal, que a lingua sempre se solta máis se se beneficia o estómago. Case tres horas de palabras fluíndo en círculo, grazas a unha mesa redonda ( sen novas de Merlín, o ausente).

Intercambiamos impresións sobre as diversas lecturas ofertadas e velaquí algunhas impresións recollidas:

Sobre O antropólogo inocente coincidimos sobre as consecuencias do choque de culturas, rimos coas anécdotas derivadas dos malentendidos lingüísticos, do valor de sacrificar o corpo á ansia de coñecer, do concepto do tempo, as diferentes maneiras de entender as relacións…
Os relatos "O home de xeo" e "O séptimo home" Murakami deron para falar da natureza humana, o valor do pasado, as expectativas, o amor, a necesidade de enfrontarse aos medos, os remordementos…
E con O home que plantaba árbores, a historia máis valorada, falamos do amor desinteresado á natureza, da felicidade como destino do ser humano, do valor da paciencia e a perseverancia…
E a novela máis controvertida foi Sardinia blues, de Flavio Soriga, que suscitou paixóns e rexeitamento, non houbo lugar para o termo medio. Ese ambiente claustrofóbico, de aillamento desacougou algunhas persoas lectoras, outras gozamos coa maneira de describir ese ambiente sen saída.
Comentarios (3) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 07-02-2010 11:01
# Ligazón permanente a este artigo
INICIAMOS A ANDAINA DO CLUB DE LECTURA DE PROFES

Este mes iniciamos a nosa travesía de lecturas compartidas.
Unha vez recollidas algunhas propostas sobre lecturas e formas de organizar as reunións acordouse que estas teñan lugar unha vez ao mes en forma de coloquio-merendola, xantar ou cea en diferentes zonas habilitadas para o intercambio de impresións literarias e gastronómicas.
Tamén abrimos un espazo virtual no blog lector para subir fotos e comentarios.
Algunhas das lecturas propostas son: O home que plantaba árbores, de Jean Giono, un texto breve que xa se pode recoller fotocopiado na biblioteca, nun espazo que se habilitou para o profesorado; El antropólogo inocente, de Nigel Barley, un libro sobre a experiencia dun antropólogo cunha tribu de Camerún; Sardinia blues, de Flavio Soriga, unha novela ambientada na illa de Sardeña, que non deixa indiferente; A praia dos afogados, de Domingo Villar, unha novela de intriga, éxito de vendas este verán; e Persépolis, o cómic da iraniana Marjana Satrapi, que deu pé á película do mesmo nome.
Outras propostas: Xente ao lonxe, de Eduardo Blanco-Amor, novela ambientada no Ourense de principios do século pasado; La fiesta del chivo, de Mario Vargas Llosa, novela que transcorre na ditadura de Trujillo na República Dominicana, Fin de século en Palestina, de Miguel Anxo Murado, que recolle a experiencia deste en Palestina durante a Intifada; O club da calceta, de María reimóndez, unha novela que reivindica a dignidade das mulleres...
E as suxestións que se vaian facendo durante as reunións...
O home que plantaba árbores e dous relatos de Sauce ciego, mujer dormida, de Haruki Murakami, serán os primeiros textos que se porán en circulación esta semana en fotocopias.
Esperamos que esta viaxe compartida sexa agradable e as persoas que aínda non se animaron están convidadas a unirse a esta viaxe experimental.

Saúdos lectores!!


Páxina interesante con información sobre O home que plantaba árbores e o autor, JEAN GIONO. Ars Legendi.
De Murakami ofrecemos esta entrada da wikipedia.

Comentarios (4) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 04-12-2009 13:45
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal