Club de lectura Nós tamén navegar IES Lagoa de Antela


ler sen cancelas

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

NOVAS LECTURAS PARA O CLUB DE PROFES

O club de profes le Mexillóns para cear, da escritora alemá Birgit Vanderbeke, unha novela curta que transcorre un tempo de espera no ámbito familiar e que, probablemente, non deixará indiferente a ninguén.

Análise crítica do libro.


Tamén falaremos de dúas películas que nos recomenda Manuel Grande, profesor de Historia e experto en linguaxe cinematográfica: Intocable, dirixida por Eric Toledano e Olivier Nakache, película francesa que recibiu varios premios e foi un éxito o ano pasado, e El enigma del cuervo, de James MacTeique, actualmente en carteleira e onde encontraremos a Edgar Allan Poe no papel de detective, atrapado nunha serie de asasinatos inspirados nos seus propios contos. Recomendamos a lectura dalgúns deles, de acceso libre na páxina que enlazamos, como "O corazón delator", "O pozo e o péndulo" e o poema "O corvo".



Por último, unha compañeira proponnos unha lectura reflexiva de carácter filosófico de Albert Einstein.

Información de Intocable.

Información sobre Edgar Allan Poe.

Información sobre El enigma del cuervo.

Información sobre Albert Einstein.




INTOCABLE (Tráiler Oficial España "Intouchables") from A Contracorriente Films on Vimeo.


Comentarios (3) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 01-12-2012 10:42
# Ligazón permanente a este artigo
1ª REUNIÓN DO CLUB DE PROFES


A 1ª reunión do club foi un éxito, e non só pola asistencia dos membros á cita (foron 12 de 16 integrantes!) senón polo debate que suscitou e a curiosidade que espertou a lectura de El ladrón de arte. A ninguén lle gustou a trama da novela, alguén detectou machismo no deseño das personaxes femininas, e mesmo o noso experto en arte detectou fallos graves na interpretación dos cadros e no uso de conceptos pero… cantas persoas navegamos por internet á procura dos cadros e de información sobre estes? Discutimos sobre o mercado da arte, a iconografía, os criterios para decidir que é ou non arte, a sensibilidade, falamos da nosa actitude fronte ás diferentes formas artísticas, sobre o valor das obras…
Descubrimos o anaformismo con O altar de Gante, de Van Eyck, o suposto significado do suprematismo, a intensa vida de Caravaggio, o simbolismo dos elementos da escola holandesa, a habilidades dos falsificadores, a miseria das elites…
A miña planta de laranxa lima (para min sempre será Meu Pé de Laranja Lima) obtivo mellor recepción e emocionou a case todo o mundo.


Deixo aquí unhas imaxes sobre algunhas obras que aparecen na novela: O matrimonio Arnolfini e O altar de Gante, de Van Eyck, Branco sobre branco, Kasimir Malevich, A anunciación, Caravaggio, Melancolía, un gravado de Durero, O bar de Folies, Manet, Os embaixadores, de Golbein, esculturas de Vigeland e Barbara Hepworth, Kuznekov…


Comentarios (3) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 18-11-2012 19:55
# Ligazón permanente a este artigo
COMEZA A ANDAINA DO CLUB DE PROFES

Comezamos o club de profes con estas dúas novelas:

El ladrón de arte de Noah Charney: historia chea de suspense co mundo da arte como escenario. O roubo dun retábulo de Caravaggio e un cadro de Malevich marcan o inicio da investigación de dous inspectores de policía.

Entrevista ao autor:

A miña planta de laranxa lima de José Mauro de Vasconcelos: unha historia conmovedora, que inxecta emoción nas veas, que toca o corazón.
Comentarios (2) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 10-10-2012 20:31
# Ligazón permanente a este artigo
5º TERTULIA DE PROFES

A 5ª reunión do club de lectura converteuse nunha xornada didáctica, lúdica, gastronómica e, por suposto, lectora. Pola mañá realizamos unha visita cicloturística polas terras d’A Limia que antes bañaba a Lagoa de Antela. Visitamos as charcas recuperadas, observando a flora e a fauna acuáticas propias destas zonas lacustres (vimos mergullóns ou somorgullos, niños de cegoñas, escoitamos o reiseñor bastardo e algún paspallás…), paseamos polas veigas d’A Saínza e abrazamos a Carballa da Rocha… Ao mediodía, como era día de feira en Xinzo, xantamos un polbo exquisito nunha tasca enxebre. Na sesión da sobremesa, despois dunha deliciosa bica con noces, falamos das lecturas que nos convocaron alí: as novelas gráficas Engurras e Maus e o libro El reencuentro.

Con Engurras falamos do alzheimer, da vellez, do abandono, da soidade, da necesidade de coidados e, como non, da lei de dependencia. Falamos de como un debuxo pode chegar ao corazón, da viaxe á nada sen posibilidade de retorno, da maneira de representar o alzheimer: as páxinas en branco, as caras desaparecidas…

Con Maus falamos do nazismo, da ignominia e a intolerancia, e constatamos como o fío que separa a civilización da barbarie é tan fráxil que á mínima pode romper. Falamos do medo, da memoria, o poder e o silencio. E tamén da forza da imaxe e da orixinalidade representar as vítimas e verdugos con caras de animais.

Con El reencuentro falamos sobre a amizade, a sensibilidade e a empatía, de como as persoas poden recuperar co tempo a alma perdida e recoñecerse. Falamos da separación e un inesperado reencontro.

E tamén falamos da vida, da crise, dos tempos que nos está tocando vivir e do peor que, seguramente, está por chegar.

E Rosa mais eu comentamos, mentres dabamos un "inesperado" paseo pola miña culpa (de novo desculpas, Natalia, he, he), de Smoke e do bonito conto de Nadal. Mágoa que ninguén máis das persoas presentes vise esa interesante película.



Comentarios (2) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 03-06-2012 12:15
# Ligazón permanente a este artigo
PRÓXIMAS LECTURAS CLUB DE PROFES

As próximas lecturas do club de profes son:

O reencontro, de Fred Ulhman, una novela curta que describe a relación de amizade entre Hans, un mozo xudeu, e Konradin, un xove aristócrata alemán, na época previa á persecución xudía. Cando esta se produce, os cambios sucédense e a vida de Hans dá un xiro.


Maus, de Art Spiegelman, unha obra gráfica sobre o exterminio xudeu e as súas secuelas. Máis información: Guía del cómic.

Engurras, de Paco Roca, unha obra gráfica sobre o alzheimer. Sobre ela realizouse unha película de animación homónima.


Tamén visionaremos e comentaremos a película Smoke, da cal Paul Auster foi guionista e co-director.

Comentarios (1) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 15-04-2012 18:00
# Ligazón permanente a este artigo
CELEBRAMOS A 4ª REUNIÓN LITERARIA DE PROFES

Celebramos a 4ª tertulia de profes, desta vez escollemos o restaurante Habana en Ourense para a nosa reunión, acompañando as palabras con delicioso pastel de cabracho e arroz con curri. Aínda que foi a sesión menos concorrida, só 6 persoas acudimos á cita aínda que moitas máis persoas leron os libros, foi moi interesante. Con Maldito karma houbo un intenso debate sobre a calidade do texto, as expectativas defraudadas dalgunhas persoas, o pracer que lles provocou a lectura a outras e tamén se polemizou sobre o final da historia. A novela enganchou a algunas persoas que pasaron momentos divertidos coa parodia dos valores occidentais na procura dunha felicidade enganosa e a consciencia do valor das cousas cando se perden.
Respecto a Purga houbo unanimidade na consistencia e calidade da novela, caracterizada pola dureza e a violencia cara ás mulleres. Destacouse a técnica de crear unha atmosfera de misterio a través da incorporación de elementos de intriga dosificados, de indicios, de interrogantes; o paralelismo das personaxes, vítimas da humillación e o medo; os ambientes sórdidos e a falta de liberdade; a situación dun país sometido e as secuelas que deixa nos seus habitantes…

Nesta ocasión tivemos unha compañeira moi especial que foi a fotógrafa oficial da reunión. Paula, de seis anos, escribiunos unha dedicatoria ás integrantes do club, concentrándose na tarefa mentres nós falabamos. Dende aquí unha homenaxe para esta cativa que promete na creación de historias. De nai lectora, xa se sabe...

Comentarios (1) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 15-04-2012 14:07
# Ligazón permanente a este artigo
PRÓXIMAS LECTURAS PARA PROFES

Para a seguinte sesión propuxemos estas dúas lecturas:

Purga, de Sofie Oksanen, unha novela que non vai deixar a ninguén indiferente, que trata das mulleres vítimas de violencia. Xa falamos deste libro noutra ocasión, aquí está o enlace.

Maldito karma, de David Safier, unha novela divertida cuxo propósito é entreter e arrancar un sorriso, aínda que algunhas pasaxes poden provocar a reflexión.

Comentarios (1) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 19-02-2012 22:01
# Ligazón permanente a este artigo
CELEBRAMOS A 3ª REUNIÓN DE PROFES

Celebramos a 3ª reunión do club de profes en torno a unha boa mesa. Falamos do humano e o divino en torno á novela La fiesta del chivo, de Mario Vargas LLosa, e comentamos as manobras de despiste e o humor presentes nos relatos de Menú de enganos, de Núñez Singala. As miserias humanas, a estupidez, a crueldade, a degradación, o endeusamento, entre outros, foron temas que centraron o debate.
Comentarios (4) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 19-02-2012 21:24
# Ligazón permanente a este artigo
O CLUB DE PROFES LE LA FIESTA DEL CHIVO E MENÚ DE ENGANOS

O membros do club de profes estamos a ler:
La fiesta del chivo, de Mario Vargas LLosa, unha novela ambientada na época da ditadura de Trujillo na República Dominicana.
Entrevista ao escritor.

Menú de enganos, de Núñez Singala, un libro de relatos, cheos de humor e sorpresas.


Trailer da película La fiesta del chivo:

Comentarios (3) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 30-12-2011 17:00
# Ligazón permanente a este artigo
CELEBRAMOS A 2ª TERTULIA DE PROFES

Celebramos a 2ª reunión do club de profes que adquiriu o sabor da pizza. A novela El manuscrito de piedra foi unha novela moi cuestionada polo sector máis esixente fronte a Sunset Park que só recibiu eloxios, sobre todo pola maneira de enfocar as personaxes, tanto como individualidades como polas relacións que establecen.
Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 24-12-2011 17:00
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal