Club de lectura Nós tamén navegar IES Lagoa de Antela


ler sen cancelas

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

6ª TERTULIA DE PROFES

Celebramos a última reunión do club de profes na Corte dos Bois, en Sandiás.

Durante o xantar falamos do libro libro La vuelta al mundo de un forro polar rojo que deu pé a debater sobre o fenómeno da globalización, a deslocalización das empresas, a industria téxtil, o consumismo e o imparable proceso de mercantilización da sociedade. Lembramos, como non podía ser doutra maneira,o derrubamento do edificio de Bangladesh onde morreron máis de 1000 persoas que traballaban para firmas de renome nunhas condicións laborais precarias.

Logo do xantar visitamos a Torre do Castro dende onde hai unha impresionante perspectiva sobre a bisbarra limiá. A Torre do Castro foi construída con fins defensivos entre os séculos XII e XIII e, xunto coa Torre da Pena e a Torre da Forxa, forman parte do patrimonio cultural d’A Limia.



Comentarios (1) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 23-06-2013 13:44
# Ligazón permanente a este artigo
O CLUB DE PROFES LE LA VUELTA AL MUNDO DE UN FORRO POLAR ROJO

O libro que nos vai convocar na última reunión do club será La vuelta al mundo de un forro polar rojo, de Wolfgang Korn e con ilustracións de Birgit Jansen.
Wolfgang Korn describe o itinerario dun chaleco de forro polar vermello dende Dubai, onde se extrae o petróleo con que é fabricado, ata que acaba no lixo en Tenerife, onde chega abrigando un senegalés que viaxa en caiuco a Europa á procura dun futuro mellor.
Un libro para reflexionar sobre a orixe da roupa que vestimos, a maior parte dela fabricada en países do leste asiático como Bangladesh, con persoas traballando por salarios ínfimos en condicións laborais precarias e en edificios insalubres como o que non hai moito foi noticia nos medios de comunicación.

Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 02-06-2013 21:09
# Ligazón permanente a este artigo
6ª TERTULIA DE PROFES

Celebramos a 6ª tertulia de profes de novo na Taberna de Acevedo, en Xunqueira de Ambía, para delicia dos nosos padais.
O libro que suscitou máis debate foi Mi hermana vive sobre la repisa de la chimenea, de Annabel Pitcher, cuxa lectura agradou a case todos os membros do club. Falamos sobre como viven os diferentes membros dunha familia a perda dun deles, como esa perda causada polo horror destrúe a harmonía familiar e altera o comportamento das persoas, e falamos do sentimento de abandono que sente o neno narrador, que desexa unha estabilidade familiar imposible de recuperar e que só cando experimenta en propia carne a dor da perda comeza a comprender a dor dos demais.


Despois da sobremesa realizamos unha visita guiada polo entorno de Santa Mariña de Augas Santas, un espazo máxico que nos retrotrae a unha época pasada. Petroglifos, inscricións latinas, unha construción prerromana cristianizada (Os fornos de Santa Mariña), un castro, un guerreiro, lendas, unha paisaxe natural única que foi hábitat de xentes antigas e que merece a pena visitar.

Agradecer ao guía as súas interesantes explicacións que serviron para ampliar o noso coñecemento da cultura do país.


Máis información do proxecto de recuperación do castro e no cal participa o noso compañeiro Manuel Grande na súa páxina web.




Comentarios (1) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 02-06-2013 20:47
# Ligazón permanente a este artigo
NOVAS LECTURAS PARA O CLUB DE PROFES

O club de profes le Mi hermana vive sobre la repisa de la chimenea, de Annabel Pitcher, e Cartas de amor, de Fran Alonso.
Mi hermana vive sobre la repisa de la chimenea trata sobre a perda e a dor. Unha familia londinense que perde un membro da familia nun atentado e iso vai desencadear conflitos que ameazarán as relacións familiares. Jamie, o irmán da vítima, conta en 1ª persoa, dende a súa perspectiva infantil, as consecuencias dese drama. Un libro cheo de humor e tenrura que non nos deixará indiferentes.

O libro de Fran Alonso, que nos visitou o curso pasado, reúne un conxunto de cartas de amor nada convencionais onde se verten historias dramáticas das mulleres que escriben. A pobreza, a guerra, a inmigración e a prostitución son algúns dos temas destes relatos.


Tamén veremos Una botella en el mar de Gaza, de Thierry Binisti, que trata sobre a relación epistolar que manteñen un mozo palestino e unha moza xudía nun contexto marcado polo conflito entre os dous pobos enfrontados.


Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 05-05-2013 21:32
# Ligazón permanente a este artigo
5ª TERTULIA DE PROFES

Os membros do club de profes acudimos a unha nova cita coa literatura, o cine e a gastronomía.

O debate sobre o libro Exogamia0.3, de Ramón Caride Ogando, xirou en torno a temas derivados do progreso tecnolóxico e científico: a submisión por parte de moitos consumidores á publicidade tecnolóxica; a falta de ética das empresas que, movidas pola obtención de beneficios, enchen o mercado de produtos con data de caducidade (obsolescencia programada), os conflitos xerados pola explotación dos recursos naturais, que vulneran os dereitos das persoas; a falta de ética dos poderosos, que antepoñen os seus intereses, moitas veces meros caprichos, aos dereitos dos animais e das persoas máis desfavorecidas; a indecencia dun sistema económico que divide as persoas en distintas categorías; a agresión á natureza e os animais que, nalgúns casos, se volve en contra dun ser humano irresponsable…

1984, de George Orwell, tamén foi obxecto de debate, e os conceptos de dobrepensar, neolingua, nonpersoa e crimental relacionáronse coa realidade e os gobernos actuais. Unha novela que se escribiu para denunciar os estados totalitarios está a converterse nunha alegoría do comportamento dalgúns estados democráticos. Respéctase a privacidade das persoas? Respéctase ou falséase a realidade? Respéctase ou pervértese a linguaxe? Respéctase ou criminalízase o pracer sexual? Respéctase ou recórtase a liberdade de expresión? Respéctase a disidencia e a crítica do sistema ou condénase?...

Tamén se debateu sobre a película La faute à Fidel, de Julie Gavras. Falouse do compromiso político, das contradicións do ser humano canto ao discurso ideolóxico e a súa materialización; falouse da evolución e maduración dos personaxes, das relacións familiares; discutiuse sobre adoutrinamento e educación e outras cuestións derivadas das actitudes e relacións humanas.
Unha sesión moi interesante e, mentres falabamos, devoramos unha paella exquisita, digna dos mellores padais.

Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 05-05-2013 21:13
# Ligazón permanente a este artigo
O CLUB DE PROFES LE EXOGAMIA O.3 E 1984
O club de profes le Exogamia 0.3, de Ramón Caride Ogando e 1984, de George Orwell, cuxa lectura estaba prevista para a tertulia anterior e que houbo que aprazar.
Tamén visionaremos as películas La faute à Fidel (A culpa tena Fidel), de Julie Gavras, e Brazil, de Terry Gilliam.

Información e cuestións para a lectura de Exogamia 0.3.


Sobre 1984.






Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 25-03-2013 10:44
# Ligazón permanente a este artigo
4ª TERTULIA DE PROFES

O club de profes celebrou a 4ª tertulia literario-gastronómica. A novela Marcas de nacemento de Nancy Huston suscitou moita controversia, sobre todo o personaxe de Sol, incrible para moitas persoas. Moitos temas agromaron á mesa: a influencia do entorno e a función e actitude dos pais na educación dos fillos, a violencia normalizada e o fácil acceso a ela, a frivolización da morte por unha banda e a súa negación por outra, a dobre moral de individuos e pobos, os conflitos que se reproducen, a modernización das guerras actuais, a aniquilación da identidade, a música como salvación.
Sobre eles, planeaba o signo de identidade, a orixe: a marca.
Aprazamos para a próxima reunión o debate sobre 1984.


Por certo, a comida deliciosa, o trato exquisito e o contorno moi acolledor. Facemos publicidade do lugar, Taberna Acevedo, en Xunqueira de Ambía, pois, ademais do dito, organizan sesións de contacontos, recitais, exposicións... Un lugar ideal para a cultura. Estivemos moi a gusto.


Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 15-03-2013 21:51
# Ligazón permanente a este artigo
O CLUB DE PROFES LE MARCAS DE NACEMENTO E 1984

No club de profes estamos a ler 1984, de George Orwell, e Marcas de nacemento, de Nancy Huston, dúas novelas interesantes que, seguro, darán moito que falar no debate.


Comentarios (1) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 10-02-2013 09:31
# Ligazón permanente a este artigo
NOVAS LECTURAS PARA O CLUB DE PROFES

A proposta de Manuel, profesor de Historia, leremos La cruzada vista por los árabes, do escritor libanés Amin Malouf, un libro de ensaio sobre o tema das cruzadas dende a perspectiva dos árabes.

En galego leremos O curioso incidente do can a medianoite, de Mark Haddon, en que un rapaz con síndrome de Asperger intenta resolver a misteriosa desaparición do can da veciña.
Atopamos esta completísima guía de lectura elaborada para o club de lectura do IES A Pastoriza:

Comentarios (3) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 28-12-2012 18:22
# Ligazón permanente a este artigo
CELEBRAMOS A 2ª REUNIÓN DO CLUB DE PROFES

Celebramos a 2ª reunión do club e non pedimos mexillóns! Foi interesante a pesar da menor afluencia de membros, época de exames e iso nótase.

Arrancamos co magnífico libro de Brigitte Vanderbeke, Mexillóns para cear, e houbo un debate interesante ao redor da figura dun pai que, aínda que ausente, é o protagonista-antagonista da historia. O seu papel na familia vai agromando pouco a pouco ata converterse nunha figura odiosa, que somete e anula todos os membros, que exerce unha autoridade baseada na violencia e no medo. Un ser frustrado que finxe o que non é, que se avergonza das súas orixes, que despreza as artes e sobrevalora as ciencias exactas. A súa parella e os fillos libéranse da tiranía na súa ausencia, comportándose da maneira que el detesta.
Sobre a vida dos personaxes planea a división entre os réximes da Alemaña do leste, do cal proceden, e a Alemaña do oeste, no cal se instalan.
As alusións á musica e a algúns personaxes literarios como Medea son simbólicos e acadan significado na historia.

O texto de Einstein e as súas opinións sobre a vida tamén suscitaron controversia, pois aínda que coincidimos coa súa maneira de pensar, cando soubemos das súas contradicións, algunhas persoas non puidemos evitar a decepción.
Comentarios (2) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 16-12-2012 19:43
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal